O do Ortegal convértese no segundo xeoparque galego, despois do do Courel e o 16º no Estado español. Esta rede pasa a estar composta por 195 espazos de 46 países declarados como UNESCO Global Geopark
Hai uns días o Consello Executivo da UNESCO decidiu apoiar a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal e doutros 17 xeoparques de distintos lugares do planeta. Porén, non foi ata este mércores 24 que, oficialmente, a entidade declarou este recoñecemento mundial. O do Ortegal convértese no segundo xeoparque galego, despois do do Courel e o 16º no Estado español. Esta rede pasa a estar composta por 195 espazos de 46 países declarados como UNESCO Global Geopark.
O proxecto do Cabo Ortegal estivo impulsado pola a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO), do que forman parte os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, e que conta co apoio económico da Área de Turismo da Deputación da Coruña.
O proxecto do Cabo Ortegal estivo impulsado polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e conta co apoio económico da Área de Turismo da Deputación da Coruña
Na 216º Sesión do seu Consello Executivo, a UNESCO reiterou a importante contribución que teñen os xeoparques para coa conservación e protección do patrimonio xeolóxico dentro da organización da UNESCO. Os xeoparques da UNESCO son parques de gran valor natural, aínda que non só se ten en conta a singularidade do espazo físico ou das formacións xeolóxicas que nel se atopan, senón que se subliña a necesidade de que se xestionen "de acordo cun concepto holístico de protección, educación e desenvolvemento socioeconómico sustentable".
Un xeoparque por definición debe cumprir unha serie de requisitos básicos. En primeiro lugar debe tratarse dun territorio unificado xeograficamente, con referentes xeolóxicos únicos e con certo atractivo visual e de contido para visitantes. Debe existir ademais unha entidade con capacidade de xestión encargada de levar a cabo unha estratexia integral relacionada coa conservación dos recursos, a investigación, a educación, o turismo e o desenvolvemento económico e social.
Temos exemplos próximos que amosan como a marca xeoparque repercute no territorio no que se atopa. A destacar por exemplo o caso do Geoparkea da Costa Vasca (composto polos municipios de Mutriku, Deba e Zumaia), que recibe cada ano unhas 150.000 visitas que descobren o territorio da man das empresas locais
A obtención deste distintivo da UNESCO posibilita e incentiva, polo tanto, a ampliación do coñecemento do territorio. Conforme o substrato xeolóxico vai mudando, tamén o fai a vida sobre el, adaptándose ás peculiaridades de cada zona, cunhas paisaxes determinadas que definen a nosa realidade social, económica e cultural. Os xeoparques exercen tamén como fío condutor dun turismo sostible e desestacionalizado, mesturando natureza con patrimonio, tradición, gastronomía...e por suposto, coa xeoloxía.
Temos exemplos próximos que amosan como a marca xeoparque repercute no territorio no que se atopa. A destacar por exemplo o caso do Geoparkea da Costa Vasca (composto polos municipios de Mutriku, Deba e Zumaia), que recibe cada ano unhas 150.000 visitas que descobren o territorio da man das empresas locais. Ademais, o distintivo xeoparque facilita o acceso a fontes de financiamento e axudas europeas, así como a xeración de oportunidades de negocio que contribúan a fixar poboación nas zonas rurais en risco de despoboamento.
O Consello destacou a calidade da candidatura galega, "por tratarse dun ámbito ben delimitado xeograficamente e polo seu alto valor para a comprensión dun dos capítulos da historia do planeta"
A organización dependente da ONU destaca o seu enfoque "de abaixo cara a arriba", con implicación das comunidades locais e asociado á súa conservación e ao desenvolvemento sustentable. O recoñecemento ten unha duración de catro anos que debe ser renovada para comprobar que o espazo segue cumprindo co respecto ao medio que foi clave a para súa designación primeira.
O Consello destacou a calidade da candidatura galega, "por tratarse dun ámbito ben delimitado xeograficamente e polo seu alto valor para a comprensión dun dos capítulos da historia do planeta". Pero, ademais, salientaron "a espectacularidade da paisaxe, o patrimonio natural, a identidade cultural do territorio -a tanxible e a intanxible, sobre todo a lingüística-, e a implicación social e institucional para executar o plan de desenvolvemento sostible definido na candidatura".
Woodley-Stewart considerou que o Ortegal é "un lugar fermoso e cun sentido de comunidade marabilloso, a xente valora realmente o que ten aquí"
A proposta do Ortegal foi apoiada polo informe favorable emitido polos avaliadores internacionais Chris Woodley-Stewart e César Goso. Woodley-Stewart considerou que o Ortegal é "un lugar fermoso e cun sentido de comunidade marabilloso, a xente valora realmente o que ten aquí. Fíxose un grande traballo para axudarlle a descubrir, gozar e comprender o seu patrimonio xeolóxico, fusionado coa celebración da natureza e da cultura galega. Será un Xeoparque Mundial da UNESCO excepcional, do que a comunidade pode estar moi orgullosa".