Unha ducia de recantos do futuro xeoparque do Cabo Ortegal
A UNESCO deu a coñecer esta semana que vai propor o proxecto do Cabo Ortegal, impulsado por sete concellos da contorna e a Deputación da Coruña, como novo Xeoparque, unha distinción internacional coa que xa foron recoñecidos 177 lugares de todo o planeta, 15 deles no Estado español e, en Galicia, O Courel. O nomeamento definitivo, que debe aprobarse en maio, suporá un grande impulso turístico á zona e contribuirá tamén á protección ambiental do espazo.
-
01
Punta Frouxeira-O Portiño
A proposta de Xeoparque que recibiu o visto bo da UNESCO abrangue 799 quilómetros cadrados (632 en terra e 167 de fronte marítima costeira), entre os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño.
Dentro deste espazo hai multitude de espazos de gran valor xeolóxico, medioambiental e dunha beleza incomparable, como é a zona de Punta Frouxeira e O Portiño, onde atopamos "lousas na contorna do Faro de Meirás" e "granodioritas, semellantes aos granitos, na península do Portiño". "No contacto entre ambas as rocas achamos unha mineralización de arsenopirita, fonte de arsénico, explotada a comezos do século pasado", explican no proxecto
-
02
Praia da Frouxeira, lagoa e complexo dunar
Seguindo por esta costa atopamos a praia da Frouxeira, a lagoa do mesmo nome e o seu complexo dunar, que pechou a propia lagoa, que inicialmente constituía un pequeno golfo. A lagoa, que desauga ao mar de forma intermitente, ten unha profundidade media de dous metros e constitúe un espazo de gran valor ecolóxico
-
03
Falla de Valdoviño
Moi preto dese lugar achamos a Falla de Valdoviño, unha importante estrutura xeolóxica de máis de 150 quilómetros de lonxitude que separa Galicia en dúas: a Galicia occidental ou granítica con predominancia de rocas ígneas e a Galicia oriental ou xistosa con rocas metamórficas orixinadas a partir de sedimentos.
-
04
Esteiro do río das Mestas
Un pouco máis ao norte está o esteiro do río das Mestas, que remata na praia de Vilarrube, onde pode verse "a parede vertical dun antigo cantil, agora ocupado polo cordón dunar" e, ademais, unha gran "chaira de mareas".
-
05
Praia de Teixidelo
Preto xa de Santo Andrés de Teixido, atopamos a praia de Teixidelo, única no mundo con area negra de orixe non volcánica
-
06
Macizo de Herbeira
Esa costa, coa Serra da Capelada moi próxima ao mar, ten a particularidade de contar, no Macizo de Herbeira, cos cantís máis altos da Europa continental (615 metros de altura). Un chisco máis ao norte, os cantís do Limo teñen menor altitude que os de Herbeira, pero son aínda máis verticais.
-
07
Cabo Ortegal e os Aguillóns
O Cabo Ortegal e a Punta dos Aguillóns son a cerna da proposta de Xeoparque. Este lugar marca o inicio do Mar Cantábrico e "constitúe o lugar ideal para coñecer as eclogitas, rocas orixinadas as grandes presións e moi escasas na superficie da Terra", explica a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal.
-
08
Monte da Miranda
O Monte da Miranda é un dos miradoiros máis espectaculares da zona, pois permite ter unha visión moi ampla da Ría de Ortigueira e os seus "distintos elementos xeomorfolóxicos". Este monte forma parte "do excelente afloramento da banda de eclogitas, considerado como o maior a nivel mundial deste tipo de rochas", detalla a asociación
-
09
Litoral de Loiba
Un dos puntos máis espectaculares desta costa é o litoral de Loiba, onde se instalou o primeiro "banco máis bonito do mundo", que abriu a febre por este tipo de construcións, espalladas agora por todo o país. Dende a asociación explican que "ao longo deste litoral son habituais os arcos rochosos en laxas e cuarcitas, en Pena Furada, e en metavulcanitas en Ou Coitelo, que alternan cun gran número de illotes e praias tanto de areas como de cantos".
-
10
Humidal de Ortigueira
O Xeoparque non só inclúe no seu interior cantís e rochas impresionantes. Ten tamén humidais, coma o de Ortigueira, que nesta foto aparece coa Illa de San Vicente ao fondo
-
11
Canteiras de Toelo
No territorio que abrangue o futuro xeoparque atopamos varias minas e canteiras, utilizadas dende antigo, que constitúen unha mostra máis do valor xeolóxico do espazo. Por exemplo, as moitas canteiras de serpentinitas en Moeche e San Sadurniño, coñecidas como toelo, de onde se obtiveron durante séculos rochas empregadas en igrexas, cruceiros e obra civil. Tamén a Mina Piquito, a derradeira mina de cobre da comarca do Ortegal. Ou a Mina da Barqueira, en Cerdido
-
12
Chao do Monte
A Asociación destaca tamén algúns elementos singulares a nivel xeolóxico, coma o que podemos atopar no Chao do Monte, preto de Santo Andrés de Teixido. "É especialmente destacable o aspecto caprichoso que presentan as rochas peridotitas e serpentinitas desta parte da serra, coñecido co nome de karst serpentínico, rochas que de forma habitual constitúen unha parte do interior do noso planeta, concretamente do Manto"
-
13
Val do Castro e Castelo de Narahío
Finalmente, no interior do Xeoparque atopamos vales, coma o do río Castro, un "magnífico exemplo de val fluvial orixinado partir dunha falla", onde está o Castelo de Narahío, en San Sadurniño