Un chamado aos máis novos. Na recta final da campaña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo unha apelación directa á mocidade "para que sexa motor de cambio e para poñer en marcha unha nova Galiza que pense na xente nova”, para que voten ao Bloque fronte a un PP "desnortado e esgotado" que non ten nada que ofrecerlle ao país, máis aló de "escándalo e corrupción".
Porque para Pontón, este 28M "tamén vai de rexeneración democrática, de expresar nas urnas a indignación ante os que pensan que poden utilizar as institucións como se fosen súas; vai de expresar a rebeldía e o inconformismo e de reivindicar outra maneira de gobernar, como a do modelo municipal do BNG".
Pontón chama a concentrar o voto "de rebeldía e ilusión" no BNG e fai un chamado á mocidade "para que sexa motor de cambio" en Galicia
"Un modelo de éxito que pon en marcha concellos con calidade de vida, con orgullo, con futuro e profundamente democráticos, e este modelo é o que queremos estender por toda Galiza este 28M”, insistiu a portavoz nacional do Bloque durante o mitin que na tardiña deste xoves protagonizou en Vigo xunto ao candidato do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas.
Alí insistiu nese dobre chamado: á mobilización e a concentrar no BNG o voto de todas as persoas que queren outro modelo de cidade, "o voto de cambio, de rebeldía e de ilusión".
“Vigo merece moito máis que a confrontación inútil, ridícula e partidista de PP e PSOE, que fai que perda oportunidades, que empeora a vida da veciñanza e desaproveita o inmenso potencial que ten esta urbe”, declarou, e neste contexto, “o 28M é a oportunidade de dicir basta xa optando polo proxecto de futuro do BNG da man de Pérez Igrexas”.
"Sempre que o BNG foi determinante no concello fixemos avanzar Vigo e por iso, este 28M pido a todas as persoas que queren outro modelo de cidade que concentren o seu voto na candidatura do Bloque; e a todas as persoas rebeldes, inconformistas que queredes un Vigo sustentable, feminista, igualitario, social, inclusivo, a toda a mocidade que quere unha cidade que lle permita cumprir os seus soños, pídolles que enchan as urnas de votos ao BNG”, insistiu.
Pola súa bada, o candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, chamou a “facer posíbel o que é necesario, empurrando cun BNG determinante as transformacións que necesita a maior cidade galega, deixando atrás esta etapa gris e acartonada que reduciu a política municipal a moreas de promesas incumpridas”.
Igrexas contrapuxo o proxecto aberto e en positivo do BNG para “levar Vigo máis alá” fronte ao do “candidato meme e da candidata dos selfies que só poden ofrecer máis do mesmo”. “Merecemos avanzar cara a un Vigo máis habitábel e verde, igualitario e socialmente xusto, que volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza, que se referencie como vangarda cultural e que exerza o papel que nos corresponde como maior cidade galega: o de sermos motor de todo un país”, proclamou.