O BNG presentou esta mañá un manifesto no que 51 referentes sociais da cidade de Vigo chaman a apoiar a candidatura encabezada por Xabier P. Igrexas para “abrir un tempo novo” na cidade.
María Reimóndez, Salustiano Mato, o ex-futbolista Jonathan Pereira ou a ex-líder de Podemos Galicia, Carmen Santos, entre os apoios públicos ao BNG
Entre os apoios destaca a presenza da escritora, María Reimóndez; o ex reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a avogada e activista social, Esther Lora; o sindicalista, Alberto Gonçalves; o ex-futbolista profesional en Racing ou Villarreal, Jonathan Pereira; a profesora universitaria, Helena Migúelez; o dramaturgo, Afonso Becerra; a filósofa e escritora, Carme Adán; o xestor cultural e director teatral, Roberto Pascual; a cantautora, Su Garrido Pombo; así como catro ex presidentes da Federación Veciñal (Amador Fernández, Xosé Lois G. Pais, Xosé Sánchez e Fernando Seixo).
Igrexas valorou este “apoio amplo e plural, por parte de persoas de diferentes ámbitos, orixes e perspectivas” que encadrou na “imparábel onda de simpatía cara ao BNG na cidade de Vigo”. Ademais, remarcou tamén que a proposta política da fronte nacionalista é de “portas abertas e cunha vocación firme de sumar”.
Xosé Lois Jácome, ex-concelleiro de Marea de Vigo, tamén amosou expresamente o seu apoio ao BNG no manifesto
O candidato nacionalista á alcaldía de Vigo agradeceu expresamente “a xenerosidade de persoas que provindo doutros espazos e organizacións políticas hoxe acreditan na importancia de que todas as viguesas e vigueses que non se conforman con máis do mesmo conflúan na alternativa aberta e en positivo do BNG”.
Así, destacou expresamente o apoio do ex-concelleiro de Marea de Vigo durante o mandato 2015-2019, Xosé Lois Jácome, e tamén para a ex-secretaria xeral de Podemos en Galicia, Carmen Santos, que se sumaron ao manifesto.
“Temos que garantir que ningunha viguesa nin ningún vigués que quere que as cousas muden na cidade poida ficar sen representación. E o BNG tendémoslle a man para darlle voz e voto no pleno a toda a veciñanza que sabe e sente que Vigo merece máis e lograrmos unha forza determinante para deixar atrás a inercia paralizante dos últimos anos”, explicou.
Desde o BNG de Vigo destacan que pechando as 51 sinaturas do manifesto do apoio está Carmiña Fernández Santos, "referente histórica do movemento veciñal de Vigo e presidenta fundadora da AV Val do Fragoso", entidade que Igrexas reivindicou como a súa primeira militancia.
“Carmiña foi e é unha grande referente persoal para min. Un exemplo de compromiso xeneroso en favor do ben común. Con ela aprendín que a cidade faise desde os barrios e as parroquias e da importancia de escoitar, sobre todo, a quen pensa diferente”, conclúe.