Co lema “En Vigo todo es posible” os populares din querer que tamén a cidade “volva liderar Galicia”
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, contrapuxo este sábado en Vigo a figura do alcalde socialista Abel Caballero, contra quen os populares veñen fracasando reiteradamente nos últimos comicios, coa da súa propia candidata. “Fai falla traballar en serio, tender a man, ter equipo e unha persoa que o lidere como Marta Fernández-Tapias”, dixo da tamén delegada da Xunta na cidade.
Foi nun acto de presentación da candidatura popular no que houbo un papel moito máis marcado para a lingua castelá que o que adoitan ser os mitins do PPdeG polo resto de Galicia, co lema “En Vigo todo es posible” e mesmo cun inusual comunicado en castelán fronte aos habituais en galego que envía normalmente o PPdeG.
Na súa intervención Rueda agradeceu a “valentía” das persoas que conforman a candidatura popular, que hai catro anos quedou no 14% dos votos totais fronte o 67% que obtivo Caballero. Desta volta, dixo o líder popular, “trasladamos unha mensaxe diferente a aqueles que apoiaron o PP hai tempo e deixaron de facelo, a todos os que queren volver apoiarnos e están desexando que lles deas motivos para facelo; esa mensaxe é que estamos preparados”.
Tanto Rueda como a candidata á alcaldía dixeron querer que Vigo “volva liderar Galicia” e ela asegurou de si mesma que ten un ADN cen por cen vigués e que “a defender a Vigo” non a vai gañar “ninguén”.