Rueda ve "tempo perdido" para Ourense o mandato de Jácome, a quen o PP deu a alcaldía

Manuel Cabezas, Alfonso Rueda, Manuel Baltar e Paula Prado na presentación da candidatura do PP en Ourense © PPdeG

Na presentación do ex-alcalde Manuel Cabezas como novo candidato da formación o presidente provincial, Manuel Baltar, salienta a importancia dos votos na cidade para revalidar a presidencia da Deputación

O PPdeG celebrou este mércores un acto de presentación da candidatura do ex-rexedor Manuel Cabezas como novo candidato da formación á alcaldía da cidade de Ourense, hoxe en mans de Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana. Malia que foi o PP quen deu a alcaldía a Jácome e o mantén nela desde hai catro anos, o presidente Alfonso Rueda salientou en varios momentos da súa intervención que o novo candidato popular ten como obxectivo recuperar “o tempo perdido” pola cidade nos últimos anos.

Candidatura do PP na cidade de Ourense © PPdeG

Rueda tamén salientou que Cabezas “non depende de ninguén máis que del mesmo e do seu equipo”, ao contrario doutros que “dependen de que a Manuel Cabezas non lle cheguen os votos para facer o que quere facer”. Unha crítica directa aos pactos entre partidos malia o que asinaron PP e Democracia Ourensana hai catro anos que deu a alcaldía a Jácome como terceiro máis votado evitando así os populares que a alcaldía fose para o PSOE, a forza daquela máis votada. 

Pola súa banda, o presidente da Deputación e do PP en Ourense, Manuel Baltar, salientou no acto a importancia que os votos que se emitan na cidade terán para que el mesmo poida revalidar a presidencia provincial. Baltar lembrou que na cidade reside un terzo da poboación da provincia e que nela o PP obtivo en 2019 un de cada seis votos do total provincial. “O vindeiro 28 de maio queremos conseguir na cidade de Ourense un de cada catro votos do total porque isto significará a maioría absoluta. Depende de nós recuperar a mellor cidade de Ourense e farémolo da man de Manuel Cabezas e do PPdeOU”, dixo Baltar.

Presentación da candidatura do PP na cidade de Ourense © PPdeG

"A cidade debe progresar grazas ao termalismo", di o candidato Cabezas

Canto ao propio candidato, Cabezas dixo que non renuncia á maioría absoluta e situou como un dos seus proxectos prioritarios o impulso do termalismo na cidade, en liña coas principais políticas para Ourense que promove Baltar e mesmo Rueda. “A cidade debe progresar grazas ao termalismo que temos a obriga de aproveitar”, dixo o candidato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.