O PP pide a dimisión de Jácome na alcaldía de Ourense tras entregarlla e propiciar que seguise no posto

Alfonso Rueda e Gonzalo Pérez Jácome, na sede da Xunta en Ourense o pasado outubro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

En agosto do pasado ano o Goberno bipartito do PP con Democracia Ourensana rachou por segunda vez no Concello de Ourense. A primeira quebra producírase a instancias do PP no outono de 2020, apenas un ano despois de entregaren a alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome a cambio de que DO salvase a presidencia da Deputación para José Manuel Baltar. A segunda chegou no verán de 2022, cando Jácome expulsou do goberno os edís populares, acusándoos de "xogar" coa cidade polos "tempos electorais" do seu novo candidato á alcaldía, Manuel Cabezas, rexedor da cidade de 1995 a 2007.

As convulsións no seo do goberno local e as diversas saídas de ton do rexedor -tamén a investigación xudicial á da que foi obxecto por suposto manexo irregular de fondos públicos no seo de DO, arquivada dúas veces- levaron os grupos da actual oposición municipal a reclamar unha moción de censura para desbancar a Jácome. Pero non chegou a concretarse, en boa medida polas esixencias do propio PP para evitar que o PSdeG, forza máis votada nas eleccións de 2019, obtivese a alcaldía.

Cabalgata de Reis en Ourense, o pasado 5 de xaneiro © Concello de Ourense

Todo este pano de fondo é imprescindible para contextualizar a enésima axitación no Concello ourensán dende a constitución do bipartito PP-DO dúas veces quebrado. Nos últimos días, a política local da terceira cidade galega por número de habitantes vén estando marcada pola participación na cabalgata de Reis, interpretando a Baltasar, dun home condenado dúas veces por abuso sexual, segundo sinalan os grupos da oposición. Estas formacións veñen pedindo contas reiteradamente a Jácome e, neste contexto, o PP local vén de rexistrar unha moción por vía de urxencia para esixir a súa dimisión.

Os populares, que formaron bipartito con Jácome dúas veces no que vai de mandato, formulan unha moción para esixir que dimita por permitir que o home que interpretou o rei Baltasar na cabalgata "fose un condenado reincidente por abusos sexuais"

Esgrimen os populares que "extremadamente grave que un dos tres grandes protagonistas deste evento de masas fose un condenado reincidente por abusos sexuais" tal e como, afirman, "consta" en senllas sentenzas "dos Xulgados do Penal 1 e 2 de Ourense" datadas en 2019 e 2022. Lembra o PP local que a lexislación vixente "esixe un certificado de penais para todas aquelas persoas que participen en actividades con cativos", polo que "se é grave que houbese descoñecemento" ao respecto das devanditas sentenzas, o "nivel de gravidade dispárase se realmente foi designado co coñecemento dos seus antecedentes". 

Sexa como for, defenden, "o despropósito é de tal magnitude" que, máis aínda ante a ausencia de "explicacións", cómpre esixir a dimisión de Jácome. O presidente do partido na provincia e da Deputación, José Manuel Baltar, dixo asumir a petición. En maio do ano pasado, o seu grupo na institución provincial evitou sumarse a unha petición similar.

No caso de aprobarse esta moción no pleno municipal, o seu efecto sería meramente simbólico. Non en van, o mesmo órgano xa aprobou mocións ao respecto anteriormente. Así sucedeu, por exemplo, a instancias do BNG en setembro de 2020 e en maio do pasado 2022 por unha iniciativa do PSdeG, cando o PP se abstivera para propiciar esta declaración simbólica tras o empurrón de Jácome a unha sindicalista nunha protesta durante a folga do transporte urbano

Baltar e Jácome, nun acto institucional en marzo de 2020 © Deputación de Ourense

Con este pano de fondo, dende os grupos municipais da esquerda no Concello de Ourense, que nos últimos días esixiron tamén explicacións a Jácome polos feitos da cabalgata, acóllese entre a hilaridade e o estupor a reclamación do PP. "A boas horas, mangas verdes", ironiza a edil do PSdeG Natalia González, quen critica que "tras cinco días de silencio sepulcral sobre o escándalo da cabalgata e tres anos e medio sendo cómplices necesarios de que Jácome sexa alcalde", os populares formulen esta petición. "O próximo xa o adiviñamos: botar a culpa ao PSdeG por enésima vez? Xa está ben", conclúe.

PSdeG e BNG subliñan que o PP local agardou case unha semana para pedir explicacións e poñen o foco en que Jácome é alcalde grazas á formación conservadora que, lembran, esquivou a moción de censura para desbancalo

Por parte do BNG o seu voceiro e candidato á alcaldía, Luís Seara, tamén destaca que no PP estivesen "cinco días calados coma petos" e coida que a petición de dimisión chega "obrigada pola presión social e mediática". "Hai que ter máis cara que o cemento!", exclama o nacionalista, quen subliña que "os responsables de que Jácome faga e desfaga ao seu antollo" son os dirixentes da formación que o situou na alcaldía, os cales "saben" que a moción "non ten o máis mínimo efecto xurídico". "Puideron asinar no seu día a moción de censura que propuxo o BNG e teriamos evitado todas estas barbaridades", afirma.

Mentres Jácome, pola súa banda, afirmou a través das redes sociais que nas "situacións onde todo anda revolto e errado" cómpre aplicar o "proverbio galego" que reza "deixa moer". Cuestionado por un usuario de Twitter sobre o devandito participante na cabalgata, o rexedor ourensán limitouse a reprocharlle que crea "a versión dos medios".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.