Rueda culpa a Jácome de romper o bipartito de Ourense e di que o PP quere “seguir propiciando estabilidade”

Baltar e Rueda, nun acto de partido © PP
Publicidade
Publicidade

O líder do PPdeG di que o seu ex-socio “decidiu de xeito unilateral iniciar a campaña das municipais” pero admite que “non é casualidade” que ocorra tres días despois de que o PP lanzase o seu candidato á alcaldía

Un día despois de que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, decidise cesar os concelleiros e concelleiras do PP cos que viña formando un goberno local bipartito, o líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, acusouno de ser o responsable da ruptura do acordo entre os dous partidos. Segundo Rueda, a aposta do PP sempre foi e seguirá sendo a de “propiciar estabilidade”, pero considera que "non é casualidade" que a ruptura chegue tres días despois de que o PP lanzase o seu candidato á alcaldía.

Alfonso Rueda, este mércores no Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste mércores Rueda foi preguntado pola nova crise de goberno en Ourense, tras a xa vivida hai dous anos. Desta volta o líder popular atribúea a que Jácome “decidiu de xeito unilateral iniciar a campaña das municipais” que se celebrarán o próximo mes de maio. Porén, o propio Rueda recoñeceu que “non é casualidade que logo do congreso do PP de Ourense haxa esta reacción”, en referencia ao acto celebrado o pasado sábado polos populares no que se lanzou a candidatura do ex-rexedor Manuel Cabezas aos comicios do próximo ano.

Publicidade
Publicidade

Malia poñer o foco no acto do pasado sábado do seu propio partido lanzando a Cabezas como “magnífico candidato do PP de Ourense” á alcaldía, Rueda di que foi Jácome quen tres días despois, este martes, decidiu “iniciar a campaña das municipais” rompendo o bipartito xa que “só lle importa a súa candidatura”. “Quen decide romper o goberno municipal non é o PP senón o alcalde de Ourense”, di Rueda, asegurando que a vocación do seu partido é “seguir propiciando estabilidade”.

Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, nunha rolda de prensa CC-BY-SA Imaxe tirada da retransmisión ofrecida polo Concello de Ourense

Rueda foi preguntado pola súa disposición a pactar novamente con Jácome tras as eleccións do próximo ano, ao que non respondeu senón que asegurou que o PP aspira “a gañar as eleccións en Ourense e en calquera outro sitio”. Nesa liña, volveu repetir a consigna do seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, de que en todas as cidades e vilas debera obter a alcaldía “a candidatura máis votada”, algo que por lei xa ocorre a non ser que, en ausencia de maiorías absolutas, o resto de formacións cheguen a acordos entre elas que sumen máis votos que os da primeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.