Actuacións doutros departamentos en materia de recursos mineiros ou sanidade ligadas co sector serán agora coordinadas desde unha nova área de Turismo Termal
Foi unha promesa do discurso de investidura de Alfonso Rueda do pasado 10 de maio e comeza a concretarse dez meses máis tarde cunha decisión que primará os aspectos turísticos sobre os sanitarios ou mineiros. A Xunta pasará a ter un departamento dentro da Axencia de Turismo de Galicia que coordine todas as actuacións en materia de termalismo do Goberno galego, segundo aprobou este xoves o Consello da Xunta.
No seu discurso de investidura Rueda prometeu “unha área específica de Termalismo dentro do organigrama da Xunta” que “estará encargada de coordinar todas as actuacións sanitarias e lúdicas neste ámbito e que terá a súa sede, como é natural, na nova sede da Xunta na segunda cidade con máis fontes termais de Europa, Ourense”.
Este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o propio Rueda anunciou a creación dese departamento prometido como unha “Área de Turismo Termal”, segundo a cualificou, dentro da Axencia Turismo de Galicia, cuxos estatutos foron modificados na reunión do Goberno galego. Iso supón situar o novo departamento non no organigrama da Xunta, como prometeu hai dez meses, senón nun ente paralelo, e dentro deste no terceiro nivel do seu organigrama, tras a dirección xeral, as tres direccións de Competitividade, Promoción e Profesionalización, e ao mesmo nivel que as 18 áreas inferiores que albergan esas direccións.
O novo departamento terá sede en Ourense, onde a Deputación que preside Baltar, decisivo para dar a Rueda a presidencia da Xunta, quere converter a sede provincial nun balneario
Rueda si confirmou que a nova área terá sede en Ourense, onde a Deputación que preside o popular Manuel Baltar, decisivo para darlle a presidencia da Xunta tras a marcha de Feijóo, traballa para converter a sede provincial nun balneario. O presidente galego tamén dixo que coordinará as competencias da Xunta en materia termal máis alá das turísticas, como as que teñen que ver coas implicacións sanitarias ou con ese tipo de augas como recursos mineiros.
A Xunta renovou dous convenios coa Igrexa para a atención a peregrinos e a seguridade da Catedral por preto dun millón de euros
Ademais, en materia de Turismo este xoves o Consello da Xunta tamén autorizou a renovación de dous convenios coa Igrexa para a atención a peregrinos a través do centro de recepción no se expiden as compostelas e para a seguridade da Catedral de Santiago por 324.000 e 730.000 euros cada un deles.