O orzamento turístico da Xunta bate outro récord en 2023 e supera o cultural por terceiro ano consecutivo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitando o albergue público de peregrinos de Palas de Rei tras a súa remodelación, o pasado agosto CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Os Orzamentos da Xunta para 2023 soben, en total, un 8,2% a respecto das contas definitivas de 2022, ata os 13.825,3 millóns de euros, contando os fondos para pagar débeda. Dúas das partidas que durante lustros tiveron íntima relación -durante anos, mesmo compartindo consellería-, cultura e turismo, teñen previstos senllos ascensos por riba da media para o ano vindeiro, pero un menos intenso ca outro: cultura terá un 8,51% máis recursos e turismo, un 14,31% máis.

Tanto cultura coma turismo soben por riba da media, pero o orzamento da área turística aumenta case seis puntos máis que o da cultural

Traducido a euros, isto quere dicir que as políticas turísticas do Goberno galego disporán en 2023, de inicio, de 131,82 millóns de euros, un novo récord absoluto e un 68,16% máis que no derradeiro orzamento do Executivo de coalición de PSdeG e BNG (2009). Mentres, a área cultural chega aos 104,46 millóns, un 26,21% menos que en 2009 e, por terceiro ano consecutivo, menos que o dedicado a turismo.

O primeiro orzamento posterior ao Xacobeo bianual 21-22 é tamén é o do primeiro ano completo dende o retorno das competencias turísticas á Presidencia da Xunta, determinado por Alfonso Rueda tras a marcha de Alberto Feijóo a Madrid para substituír a Pablo Casado á fronte do PP. Nesas contas de 2023 a Axencia Turismo de Galicia verá incrementadas en máis de 5 millóns as transferencias correntes de fondos propios da Xunta (de 21,5 a 27,3 millóns) pero, sobre todo, a inxección de fondos europeos de recuperación, que no orzamento de transferencias de capital deste organismo pasan de 31 a 42,2 millóns de euros.

Malia non ser Ano Santo, a Xunta mantén en 37,6 millóns a partida de promoción turística incrementa de 4,5 a 5,2 millóns a transferencia á S.A. do Xacobeo

Cun orzamento de gastos total 134,7 millóns (os case 3 millóns adicionais proceden, fundamentalmente, de taxas e prezos públicos), nas contas de Turismo de Galicia destacan partidas como 29,6 millóns en achegas ás empresas do sector para o "plan de reforzo de turismo sostible". Substitúen en boa medida plans de anos pasados para compensar os efectos da COVID. 

Tamén resulta significativo que, malia non ser Ano Santo (o seguinte será en 2027), a axencia mantén intacta a partida de promoción do turismo (coa que financia diversas actividades promocionais, dende campañas nos medios de comunicación á presenza en feiras), que iniciará 2023 cos mesmos 37,6 millóns que tiña en 2022. Ademais, aumenta a súa partida para transferir á sociedade anónima pública do Xacobeo, que pasa de 4,5 a 5,2 millóns de euros. 

Os fondos para cultura

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, inaugurando o Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura o pasado agosto CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

Os incrementos do orzamento cultural para 2023 non se reparten de xeito uniforme nas súas principais partidas, alén do incremento dos gastos de persoal e doutras partidas do gasto corrente moi ligadas á suba xeral dos prezos. Así, por exemplo, as partidas para bibliotecas, arquivos e museos pasan de 22 millóns a 25 no ano 2023 mentres que o total de fondos para fomento de actividades culturais baixan de 45,2 a 44,2.

As partidas de bibliotecas, arquivos e museos e mais a de protección do patrimonio cultural aumentan en 2023 mentres que a de fomento de actividades descende levemente

Dentro desa área de fomento de actividades hai tamén, non obstante, disparidades na evolución das diferentes partidas. Así, por exemplo, as transferencias á Cidade da Cultura pasan dunha previsión de 10,7 millóns en 2022 a 12,7 en 2023. Pola súa banda, as destinadas á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) comezaron o pasado ano con 22 millóns e desta volta quedan en 18,4. 

No que atinxe á promoción e promoción do patrimonio artístico e cultural, o incremento si é claro. Os 19 millóns de 2022 pasan a 22 millóns de euros en 2023.

Cómpre ter en conta, ademais, que nestas partidas culturais non se inclúen as especificamente dedicadas á promoción da lingua galega, malia teren nalgúns aspectos unha clara conexión co tecido cultural. Estes fondos, xestionados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, teñen un programa de seu á marxe dos de cultura e contarán en 2023 con 10,91 millóns de euros, o que supón un 7,94% máis que en 2022 pero tamén un −49,9% menos que en 2009. Tamén é menos que en 2021, cando a chegou aos 13 millóns pola dotación para o fondo de proxectos culturais concibido para paliar as consecuencias da pandemia neste ámbito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.