O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, advertiu que "cada voto" a candidatos do PSOE nas vindeiras eleccións locais do 28 de maio "é dicir que o Goberno o está facendo moi ben". "E todos sabemos que non o está facendo moi ben", engadiu.
O presidente da Xunta participou xunto ao presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, e o candidato á alcaldía da cidade de Ourense, Manuel Cabezas, no acto de presentación dos 92 candidatos ás alcaldías dos municipios ourensáns, que, en palabras de Rueda, acumulan "800 anos de experiencia".
Rueda prognostica "unha enorme alegría" para o PP en maio e que logo "virán as demais": "A de ter un presidente galego como presidente de España"
En Santa Cruz de Arrabaldo, Rueda vaticinou que a do próximo mes de maio será "unha enorme alegría" e que "despois virán as demais": "A de ter un presidente galego como presidente de España", en alusión a Feijóo.
"Non nos presentamos para perder e esperar que o que gañe non o faga pola maioría suficiente, presentámonos para gañar", dixo, antes de sinalar que Ourense foi a provincia con máis alcaldes e alcaldesas do PP a nivel galego e "agora aínda ten que mellorar máis".
Neste sentido, Rueda subliñou que os cidadáns "non escoitarán a ningún dos 92 candidatos" do PP "dicir que dá igual ao concello ao que se presenten, que o importante é o cálculo para trincar a Deputación" porque, di, "é moi importante querer o concello, coñecelo e sentilo".
Tampouco, continuou, se escoitará pedir que "os de Madrid non veñan por aquí" porque o PP é un partido que está "moi orgulloso" do seu líder a nivel estatal, "que foi presidente da Xunta de Galicia".
Manuel Baltar apela ao "voto de utilidade" en Ourense
"Aquí non hai que mirar cara a outro lado cando se fala do Tito Berni. Non hai que disimular cada vez que sobe ese contador de violadores que seguen saíndo á rúa e non hai que negar a realidade cando un empresario di que non levan os fondos Next Generation", defendeu.
Na mesma liña, lamentou que despois dun ano e medio de chegar a AVE a Galicia aínda non chegaron "eses trens con máis frecuencias e máis modernos que nos prometeron". "A Semana Santa xa se dá por perdida a efectos de que a xente poida chegar, pero non sabemos sequera se poderá facelo no verán", denunciou.
Pola súa banda, o presidente do PP provincial, Manuel Baltar, asegurou que camiñan "cara a un resultado histórico" nas eleccións locais "con trinta candidatos novos" e avogou polo "voto de utilidade" para o concello e a Deputación Provincial. "Ourense sabe perfectamente o que quere", proclamou.