O quinto mandato de Abel Caballero en Vigo está garantido, pero o panorama electoral percíbese máis aberto na oposición cun PP que loita por recuperar o seu espazo, un BNG á alza nas enquisas e coa coalición Podemos-Marea de Vigo xogándose a permanencia. Un terzo do electorado vigués non tiña decidido o seu voto a unha semana das eleccións
Abel Caballero ten asegurada a maioría absoluta en Vigo o domingo. A tendencia que veñen mostrando as enquisas estas semanas e a medida da súa popularidade permiten dar por feito o quinto mandato do socialista de 76 anos que chegou á Praza do Rei en 2007 co apoio do BNG e gobernou en solitario os últimos tres mandatos. Porén, a campaña deste 28M non se parece á de hai catro anos: o escenario non é o mesmo para Caballero, que podería atopar o seu tope en escanos ou perder ata tres concelleiros (as diferentes estimacións de voto publicadas antes da prohibición legal danlle entre 18 e 21 edís).
Nesta campaña Caballero aposta por ter menos presenza na rúa en favor da proxección dos seus vídeos electorais en grandes pantallas móbiles e fixo desaparecer as siglas do PSdeG de moita da súa propaganda. Ata estas eleccións mantivo a súa maioría absoluta grazas a captar votos que historicamente pertencían ao PP, o que perdía pola esquerda recuperábao con moito pola dereita. Pero cara a este 28M hai unha nova variable no taboleiro vigués: as diferentes enquisas sinalaban que un terzo do electorado vigués que declara que vai votar o domingo non tiña decidido o seu voto a menos dunha semana das eleccións.
A predición do CIS outorgaba entre 3 e 5 escanos ao PP, que neste mandato ten 4. Os populares foron en caída libre na cidade olívica ata as pasadas municipais, nas que acadaron o seu peor resultado. Nestes comicios estrean candidata, a delegada da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias, colocada no posto por un Alfonso Rueda aínda vicepresidente do Goberno galego.
O BNG, que regresou ao Concello de Vigo cun edil en 2019 tras quedar sen representación no anterior mandato, quedaría entre 1 e 3 concelleiros segundo o CIS. Unha tendencia que confirman as últimas enquisas publicadas no período legal, e que desde a formación nacionalista ven posible mellorar en base aos datos internos que manexan.
"Vexo unha masa crítica na cidade, persoas que non compran este modelo de cidade 'parque temático' que lles están a ofrecer e un goberno que se dedica ao autobombo mentres deixa sen executar 436 millóns do orzamento", di Xabier P. Igrexas (BNG)
"Imos ser a grande sorpresa", augura o candidato nacionalista Xabier Pérez Igrexas, que asegura que "cun só asento" foi quen de "marcar a diferenza nos plenos" e converterse na "oposición real" á "maioría absolutísima e esmagadora" de Caballero. Pérez Igrexas apunta a un "incipiente desgaste" no electorado de Abel Caballero "pero non de erosión, de esgotamento". "Vexo unha masa crítica na cidade, persoas que non compran este modelo de cidade 'parque temático' que lles están a ofrecer e un goberno que se dedica ao autobombo mentres deixa sen executar 436 millóns do orzamento nos últimos catro anos", afirma o candidato á alcaldía polo BNG.
A coalición Podemos-Marea de Vigo, que tamén inclúe a Esquerda Unida, Alianza Verde, Verdes Equo e Recortes Cero, podería manter os dous edís que ten nesta lexislatura, pero tamén perder un ou dous, segundo a estimación do CIS publicada antes do inicio da campaña. "Sempre houbo un electorado que dubida entre nós e o BNG, tamén lles pasou a eles en 2015. Esperemos que a campaña terrible contra Podemos a nivel estatal non desmobilice voto, pensamos que a coalición é importante para evitar a división do voto da esquerda", argumenta o candidato Rubén Pérez.
Rubén Pérez tamén percibe "certo fastío" pola "promesas incumpridas" do alcalde socialista. "Por enésima vez volve dicir que xa está comprometida a biblioteca pública do Estado", cita como exemplo. "Ten medo á contestación social porque senón non escaparía da rúa como está a facer. O tema do plasma é das cousas máis bizarras que vivín electoralmente en Vigo. Ten medo a que lle aparezan nos actos colectivos aos que non recibe no concello ou traballadores de Vitrasa [en folga por un convenio "digno"], que xa lle rebentaron algún acto, por iso planta un plasma cos seus vídeos", asegura.
Por outra banda, o candidato da Marea de Vigo fai fincapé en que Abel Caballero estea facendo unha "tourné" polos concellos da área metropolitana de Vigo nesta campaña. Un xesto que relaciona co "medo" do PSdeG a que a baixada de votos socialistas na cidade olívica provoque que non dean as contas para que Carmela Silva –primeira tenente de alcalde en Vigo– revalide o cargo de presidenta da Deputación de Pontevedra.
"Non imos discutir se a cidade está bonita ou fea e se as luces de Nadal isto ou aquilo, non imos ao estético senón ao criterio económico destes últimos anos e as grandes eivas que ten a cidade", sinala Rubén Pérez (Podemos-Marea de Vigo)
Necesidades "desatendidas" e debates "furtados"
Podemos-Marea de Vigo emprega 'Recuperemos Vigo' como lema, lonxe dunha "visión romantizada dos oitenta" e centrado en "debates de cidade que foron furtados". Rubén Pérez pon exemplos desa recuperación en "espazos industriais como os de Álvarez", a Illa de Toralla ou o "abandonado" museo Verbum; ou recuperar para o público empresas municipais como a que xestiona a auga, privatizada nos anos noventa. "Non imos discutir se a cidade está bonita ou fea e se as luces de Nadal isto ou aquilo, non imos ao estético senón ao criterio económico destes últimos anos e as grandes eivas que ten a cidade", di.
Desde o BNG, co seu 'Vigo merece máis', inciden en que "hai moitas necesidades desatendidas" na cidade porque "o único ao que se dedicou este goberno é a xestionar a súa propia propaganda". "A vivenda é un tema sensible, hai unha grande preocupación social polo problema de acceso á vivenda nunha cidade na que se incrementaron os alugueiros por volta dun 50% nos últimos cinco anos e onde temos unha forte ameaza especulativa polos pisos turísticos", detalla Xabier Pérez Igrexas, quen tamén salienta o "abandono das parroquias", que liga co "problema de mobilidade" que existe, cun transporte público que precisa "un mapa de liñas que conecte de verdade o territorio".
No Partido Popular, cun lema de campaña en castelán 'En Vigo todo es posible', esforzáronse en renovar a imaxe do partido cunha candidatura na que non repiten os actuais representantes municipais da formación e que incorpora caras máis e menos coñecidas na cidade como a ex-secretaria de Estado de Economía con Rajoy Irene Garrido ou o xornalista Miguel Martín, ata agora presentador do informativo local en TeleVigo.
"O que me motiva son os retos difíciles, por iso estou aquí", repite Marta Fernández-Tapias, tamén na 'entrevista' que lle fixo o presidente da Xunta con dúas cañas de cervexa diante. "É hora de que comecemos a deseñar o Vigo das próximas décadas e iso hai que facelo con moita forza, e para iso estou eu con todo o equipo, a quen agradezo o seu compromiso porque non é fácil facer política aquí. Temos que conseguir que deixe de ser difícil ser do PP en Vigo", detalla nesa conversa distribuída polo partido.
Ata estas eleccións Abel Caballero mantivo a súa maioría absoluta grazas a captar votos que historicamente pertencían ao PP, o que perdía pola esquerda o recuperaba con moito pola dereita
Desde que Caballero chegou á alcaldía deixou de haber debates electorais con todos os candidatos e candidatas. No ano 2015 houbo un debate no que non participaron nin a daquela candidata do PP Elena Muñoz nin o alcalde, en 2019 celebrouse o debate organizado pola CRTVG no que o BNG non participou por non ter representación no concello e no PSdeG mandaron a un substituto de Caballero, e desta vez volveuse celebrar o debate na radio e na televisión públicas pero sen a presenza de representantes socialistas.
Os vindeiros catro anos
Fontes con experiencia na política municipal viguesa consultadas por Praza sinalan que as últimas campañas de Abel Caballero non foron "de moita intensidade" porque el está "en campaña permanente". "Dedícalle as 24 horas do día ao concello", aseveran. Case resulta máis doado compartir espazo co alcalde na rúa calquera día do ano que estas dúas semanas de camapaña, nas que, evidencian, "semella estar intentando non coincidir con outros partidos na rúa e nos repartos".
Pase o que pase o domingo, indican estas fontes, o mandato que comeza será clave para o futuro de Caballero na Praza do Rei. O posible 'correctivo' das urnas se baixa en edís, por moito que manteña a maioría absoluta, abriría a porta a unha maior participación da oposición nos plenos municipais ou podería modificar políticas do socialista máis en liña coa dereita. De momento, entre as súas promesas de campaña hai ducias de ramplas mecánicas máis na cidade, o mantemento da gratuidade dos libros escolares para Educación Primaria e Secundaria, a construción dun espazo multiusos do estilo do "WiZink de Madrid" e a creación de "vivenda protexida para compra e aluguer, libre de especulación" ligada á aprobación do novo PXOM (Plan Xeral de Ordenación Urbanística).