Rueda volve compartir mitin co presidente ourensán, pendente de xuízo penal por conducir un coche oficial a 215 por hora, e di que “Ourense ten que deixar de ser un anecdotario que chama a atención por cousas que nunca son boas e dar paso a falar de cousas serias”
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, volveu compartir mitins este mércores co presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, tras quedar desmontada a súa escusa de que conducira un coche oficial a 215 quilómetros por hora por un despiste. Os dous dirixentes populares participaron no mitin central do partido na cidade de Ourense, onde o seu candidato, Manuel Cabezas, asegurou que “a cidadanía será este domingo un xurado popular que ditará unha sentenza electoral, apartando da política a quen a está usando no seu beneficio persoal, saqueando o futuro de todos”.
A crítica de Cabezas non se dirixía a Baltar, pendente de sentenza penal por un suposto delito contra a seguridade viaria usando o coche oficial, senón ao actual alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, a quen o PP deu a alcaldía hai catro anos.
No mitin Alfonso Rueda apelou a que “Ourense ten que deixar de ser un anecdotario que chama a atención por cousas que nunca son boas e dar paso a falar de cousas serias”. Segundo dixo, “Manuel Cabezas é a esperanza para todas as persoas que están cansas da crispación e o espectáculo”.
Baltar lembra que o voto do domingo “vale dobre” porque con el espera recuncar na presidencia da Deputación, que pon como exemplo de “transparencia”
Pola súa banda, Baltar pediu a confianza da cidadanía para “devolverlla con traballo”. E incidiu en que o voto deste domingo “vale dobre porque con el tamén se acadará a maioría absoluta na Deputación” que el mesmo preside. Un goberno provincial que puxo como exemplo de “transparencia” e que “está preparado para seguir construíndo Ourense”.
O acto central da cidade de Ourense non foi o único que este mércores compartiron Rueda e Baltar xa que previamente xa estiveran no Carballiño.