O presidente galego abriu a campaña co ourensán o mesmo día en que este adiou o seu xuízo penal a despois das eleccións e agora volven compartir mitins tras coñecerse que circulou moi por riba do límite de velocidade durante máis de cen quilómetros
Hai dez días, ás poucas horas de que José Manuel Baltar lograse adiar a despois das eleccións o seu xuízo penal por conducir un coche oficial a 215 quilómetros por hora, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, apoiábao persoalmente na apertura da campaña electoral nun mitin no Pereiro de Aguiar.
Este luns Radio Ourense-Cadena Ser revelaba que aquel exceso de velocidade non fora un despiste, como argumentara o popular, senón que outro radar xa o captara unha hora antes circulando moi por riba do límite de velocidade. Pero lonxe de afastarse de Baltar, como fixo Alberto Núñez Feijóo no seu paso por Galicia o pasado sábado, este martes Rueda volveu compartir mitins con el.
En Xinzo de Limia algo despois do mediodía e en Toén máis tarde Rueda e Baltar presentaron conxuntamente o PP como un partido que garante a estabilidade das administracións. Así o dixeron malia a crise política que se vén vivindo durante todo o mandato na cidade de Ourense cuxa alcaldía os populares entregaron a Gonzalo Pérez Jácome.
Baltar critica en Xinzo de Limia que o PSdeG teña a alcaldía grazas a un “pacto de perdedores” como o que el asinou con Jácome para darlle a cidade de Ourense en detrimento dos socialistas, os máis votados hai catro anos
Este martes en Xinzo Baltar chegou a criticar que o PSdeG ocupe a alcaldía da vila grazas ao sistema electoral español que permite acordos entre forzas políticas para sumar maiorías. Baltar salientou que o PP gañou as eleccións hai catro anos pero que “un pacto de perdedores unidos nun estraño experimento de nula utilidade” impediu aos populares gobernar.
Porén, el mesmo recorreu a un pacto similar para facer alcalde de Ourense a Jácome malia ser este a terceira forza política, acordo que impediu que o PSdeG chegase á alcaldía como candidatura máis votada. A cambio, Jácome garantiu a Baltar a presidencia da Deputación.
Fronte a ese acordo de hai catro anos na capital provincial, este martes en Xinzo Baltar instou a cidadanía a escoller “entre a estabilidade que dá o goberno maioritario do PP ou ese conglomerado de partidos”.
O PSdeG tira de retranca para advertir de que "votar ao PP é votar a Baltar"
O PSdeG divulgou un vídeo no que dous veciños falan sobre como apoiar as candidaturas locais do PP supón apoiar o propio Baltar, conversa que é interrompida por un vehículo a alta velocidade
Mentres, este mesmo martes o PSdeG de Ourense divulgou un vídeo electoral no que liga o voto ás candidaturas municipais do PP co apoio directo a Baltar e a súa condución con exceso de velocidade.
No vídeo unha muller explica a un home que votar o alcalde do PP supón respaldar a Baltar, conversa que resulta interrompida por un vehículo que pasa a carón deles a alta velocidade. "Aí o tes", di ela, ao que el replica cun "tolo! tolo!" mentres racha a papeleta do PP.