O seu pasado na presidencia da Xunta e a súa longa campaña por facerse coa do Goberno de España dilúen o carácter municipal dos actos nos que participa e o perfil dos seus candidatos locais
O “Galicia, Galicia, Galicia e por cuarta vez Galicia” empregado por Alberto Núñez Feijóo na súa última vitoria electoral quedou este venres diluído no fugaz paso polo país do ex-presidente da Xunta. En Galicia non hai eleccións autonómicas xunto coas municipais do 28 de maio, así que a axenda de Feijóo nesta campaña está máis centrada noutra comunidades.
A Galicia tiña que vir, pero nin sequera veu ás catro galicias das catro provincias senón que só pasou polas de Lugo, Pontevedra e A Coruña, evitando a de Ourense e a crise Baltar-Jácome. Ademais, o seu pasado na presidencia da Xunta e a súa longa campaña por facerse co presidencia do Goberno de España fixo que nos seus discursos se diluíse o carácter municipal dos actuais comicios.
Bildu, obras pendentes do Ministerio de Transportes ou acusacións de egocentrismo a Pedro Sánchez. Foron algúns dos elementos fundamentais das intervencións de Feijóo este venres no seu paso por Galicia.
A xira comezou ao mediodía na primeira Galicia, en Lugo, nun acto coa candidata local do PP, Elena Candia, no que puxo o foco en actuacións que dependen doutras administracións, como a mellora das conexións ferroviarias da cidade que el mesmo se comprometera a acometer desde a Xunta hai década e media. Tamén alí dixo que “non hai ningún lucense de boa fe disposto a ter no goberno a quen goberna con Bildu”, en suposta referencia ao goberno local de PSdeG e BNG. E puxo o foco en Pedro Sánchez, do que dixo, empregando unha estrutura similar á do seu propio lema sobre Galicia, que só lle interesa “yo, yo, yo y, después del yo, otra vez yo”.
Feijóo continuou viaxe a primeira hora da tarde parando nunha segunda Galicia, a de Pontevedra cidade, onde acompañou o candidato popular á alcaldía, Rafael Domínguez, nun paseo pola cidade. Alí onde el mesmo levou por dúas veces no seu programa electoral que Ence sairía da ría, este venres Feijóo puxo o foco no atractivo turístico da cidade ao pedir aos reporteiros gráficos que recollesen ben o nome da cidade impreso nunhas cuncas coas que brindou para que "a xente veña en verán".
O día rematouno Feijóo ás sete da tarde nunha terceira Galicia, en Ferrol, co candidato local, o seu ex-conselleiro José Manuel Rey Varela, e co seu sucesor na Xunta e o PPdeG, Alfonso Rueda. Un Rueda que hai tres meses xa presentara as municipais como “antesala” da carreira de Feijóo pola presidencia do Goberno de España e que este xoves, preguntado por como ve a evolución da actual campaña, dixo que está a servir "para que todo o mundo quede retratado". Dicíao en referencia a Bildu, pero non polo protagonismo que lle está a dar o PPdeG nesta campaña municipal en Galicia, onde a formación vasca non se presenta, senón porque considera que o PSOE debera renegar dos apoios que recibe dela.
Entre alusións a Bildu e a "terroristas", Feijóo pechou o día cun mitin en Ferrol, onde prometeu "dotar a cidade dun tren de alta velocidade" e mais unha zona franca e proclamou que "se un político mente, non está lexitimado para ser presidente"
De Bildu e de "terroristas" falou tamén Feijóo no mitin ferrolán, onde -como fixera hai década e media en Lugo- prometeu "dotar a cidade dun tren de alta velocidade" se chegase a gobernar en España. Tamén "crear unha zona franca" de Ferrol para "captar investimentos que contribúan á súa recuperación". Todo, nun mitin no que proclamou que "se un político mente, non está lexitimado para ser presidente".
Pero na acelerada xira de Feijóo deste venres non houbo cuarta Galicia, a ourensá, a da provincia que evitou pisar e onde a campaña está a verse marcada polo xuízo penal por conducir a 215 por hora nun coche oficial que deberá afrontar o presidente da Deputación e do PP provincial, José Manuel Baltar, e polas gravacións do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, mantido no poder polos populares durante os últimos catro anos.
Desde que estouraron as dúas patas desta enésima crise ourensá Feijóo vén evitando pronunciarse tanto sobre Baltar como sobre Jácome. E agora a propia provincia é esquivada, na súa única visita a Galicia durante a campaña municipal, por quen se presenta como un neno de aldea ourensán.