José Manuel Baltar evita comezar a campaña electoral das eleccións municipais do 28M cunha condena por delito contra a seguridade viaria por conducir un coche oficial da Deputación de Ourense a 215 quilómetros por hora o pasado domingo 29 de abril pola A-52 na provincia de Zamora en sentido Madrid. Tras esquivar por dúas veces a primeira citación da xuíza da Pobra de Seabra o pasado día 9 e despois dunha mañá inzada de confusión en torno ás segunda cita, este xoves 11, o presidente da institución provincial e do PP ourensán deu en comparecer a través de internet no xuízo rápido ao que estaba emprazado, pero conseguiu dilatar o proceso
A ausencia de conformidade coa condena proposta pola Fiscalía converte o xuízo rápido nun axuizamento pena ordinario que se celebrará en Zamora tres días despois dos comicios do 28M
Segundo confirman fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Castilla y León, Baltar non expresou a súa conformidade "co escrito de acusación nin coa pena solicitada" pola Fiscalía, a cal non concreta -son 6 meses de multa e retirada do carné por un ano, segundo informa elDiario.es-. Tal e como marca a lei, a non existir esa conformidade non é posible ditar sentenza. Así, o que ía ser un xuízo rápido vira nun axuizamento ordinario que xa non se celebrará en Seabra, senón nun xulgado do Penal de Zamora o vindeiro día 31 de maio. Isto é, sentará no banco dos acusados tres días despois dos comicios municipais sempre e cando os recursos da súa defensa non consigan frear o procedemento.
Neses recursos, previsiblemente, o avogado de Baltar volverá alegar -xunto con diversas cuestións formais- que o caso quedou substanciado co pagamento dunha multa por infracción administrativa e rexeitará que cometese un delito, como sostén a Fiscalía atendendo ao atestado da Garda Civil. Ese atestado indica que, mesmo aplicando a marxe de erro do radar, Baltar superaba en máis de 80 quilómetros por hora o límite de velocidade permitido en autovía e, daquela, é autor dun delito.
Despois de evitar o primeiro emprazamento xudicial alegando unha citación previa do seu avogado e acto seguido, non asistindo o propio letrado, este xoves a xornada comezaba co xulgado asegurando que o procurador que actúa no nome de Baltar enviara "un novo escrito solicitando a suspensión" do procedemento, "manifestando a súa vontade de non comparecer". Nese escenario, a maxistrada advertía da "posibilidade de impoñer as sancións que correspondan".
Contra o mediodía, fontes próximas ao barón ourensán indicaban que todo se debera a unha confusión e que Baltar si comparecería, algo que pouco despois ratificaba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a preguntas dos xornalistas tras a reunión semanal do Consello do Goberno galego. O novo caso Baltar volvía salpicar así outra volta a escena política galega apenas vinte e catro horas despois de que capitalizase a sesión de control ao xefe do Executivo no Parlamento, onde Rueda respondeu a Ana Pontón (BNG) e Luis Álvarez (PSdeG) limitándose a indicar que a conduta do ourensán fora "inaxeitada".
Rueda, que no serán deste xoves comparte mitin co presidente da Deputación e do PP de Ourense, xustifica o seu xeito de proceder que conduce o caso a un xuízo penal ordinario: "É un dereito do señor Baltar e de calquera persoa"
Preguntado sobre os sucesivos adiamentos previos desa comparecencia, Rueda rexeitou valoralos e limitouse a dicir sobre a comparecencia deste xoves que "é bo, e o que procedía, e se está producindo". Sobre o rexeitamento de Baltar á conformidade en xuízo rápido, o presidente da Xunta tamén xustificou que "se non houbo conformidade é un dereito do señor Baltar e de calquera persoa", ante o que pediu agardar ao resultado final do proceso xa que "a sentenza corresponde aos xuíces". En días previos, Rueda evitara avanzar se, no caso de condena, o PPdeG actuaría contra o seu líder en Ourense.
Rueda realizaba estas consideracións mentres, simultaneamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Castilla y León ratificaba a nova cita xudicial de Baltar, para o día 31. Tamén escasas horas antes de que, na súa calidade de presidente do PP en Galicia, comparta mitin este serán no Pereiro de Aguiar con quen segue estando investigado por un delito contra a seguridade viaria ao conducir a 215 quilómetros por hora o vehículo oficial da Deputación que preside, a mesma que aspira a seguir dirixindo despois da campaña que comeza a vindeira medianoite.