As mulleres que dan pasos na política galega dan conta de que aínda existen barreiras. Falamos con Leticia Santos do BNG de Moaña, Ana Corredoira do PSdeG de Palas de Rei; Sandra Quintas do PP de Bande; Gemma Vázquez, de Volt en Amoeiro; e Rebeca Mouriño, de Sadamaioría
As barreiras poden ser grandes, sutís ou ficar na linguaxe, pero as mulleres que dan pasos na política municipal galega confirman que existen aínda en 2023. Nestas eleccións municipais son máis as mulleres que encabezan candidaturas nas vilas nos diferentes espazos do espectro político. Falamos con Leticia Santos, que aspira a revalidar a alcaldía de Moaña polo BNG e comezar un terceiro mandato; Ana Corredoira, que se estrea liderando a candidatura do PSdeG en Palas de Rei; Sandra Quintas, actual alcaldesa non electa de Bande polo PP, que pon a proba o seu tempo de goberno nestes comicios; Gemma Vázquez, que chega á política en Amoeiro da man do movemento político paneuropeo Volt; e Rebeca Mouriño, número dous da lista de Sadamaioría, liderada por Benito Portela, que gobernou Sada ata a moción de censura do ano pasado.
Ana Corredoira confirma que se enfronta a barreiras polo feito de ser muller desde que se asentou en Palas de Rei e decidiu comezar o seu proxecto de vida e traballo no rural. “Pero temos que seguir traballando, por suposto, da man dos nosos compañeiros”, salienta. Ela é gandeira de profesión, vive nunha pequena aldea ao norte de Palas –onde medrou– e desde o ano 2014 dirixe a granxa de produción de leite en ecolóxico A Cernada, cando se produciu o relevo xeracional nesta empresa familiar. Agora tamén é a candidata polo PSdeG á alcaldía deste concello lucense.
"Quero levar ao eido da política toda esa mobilización e eses pequenos proxectos que moitas persoas estamos a desenvolver no rural", di Ana Corredoira
“Este é o meu proxecto de vida porque sigo vendo a política como algo adicional, quero levar ao eido da política toda esa mobilización e eses pequenos proxectos que moitas persoas estamos a desenvolver no rural. Queremos traballar de forma conxunta, fomentando a participación da veciñanza, para que realmente se poida reflectir na xestión pública local a nosa realidade: o que necesitamos, cara a onde queremos camiñar e como debemos facelo”, describe Corredoira.
A candidata socialista busca que a administración local “coide” das persoas e busque oportunidades “para que no territorio sexa posible vivir e traballar”. “Creo que fomos conectando coa xente a raíz dos nosos proxectos previos, pero o importante é que a xente se sinta parte da nosa campaña e que saiba que pode aportar e sumar ao proxecto que estamos tratando de construír. Pase o que pase o día 28 sabemos que chegamos para quedar”, asegura Ana Corredoira desde Palas de Rei.
No caso da nacionalista Leticia Santos as eleccións do domingo serán as que marquen o seu futuro na alcaldía. En 2015 converteuse na primeira alcaldesa de Moaña, con trinta anos, e cunha tenente de alcaldesa tamén muller. Desde ese momento mantén unha equipa con maioría de mulleres, na candidatura do BNG nesta vila do Morrazo para o 28M hai seis mulleres e catro homes nos dez primeiros postos.
“Hoxe a campaña é distinta á de 2015 ou 2019, a alcaldía de Moaña é a mellor valorada segundo as enquisas publicadas, só tiñamos por diante a Abel Caballero. Con isto quero destacar o éxito colectivo que conseguimos en Moaña. No BNG non é que falemos de políticas feministas, é que somos feministas e iso acaba transcendendo. As mulleres séntense identificadas co noso proxecto porque non desatende a ninguén. Estamos recibindo moitas mensaxes de agarimo de mulleres que se senten empoderadas por poder votar a quen lles representa, e é unha pasada o que estamos conseguindo coas nenas: moitísimas nenas de Moaña vense sendo alcaldesas no futuro. Para min iso é o maior orgullo. Se en Galicia seguimos precisando alcaldesas, desde Moaña imos poder exportar unhas cantas”, explica Santos.
"As mulleres séntense identificadas co noso proxecto porque non desatende a ninguén", asegura Leticia Santos
En Moaña as mulleres foron pioneiras. Antes do golpe de Estado de 1936 había mulleres liderando sindicatos no sector das tecedoras de cordas, na conserva ou entre as redeiras. Leticia Santos lembra, entre outras, a Enedina Esperón, represaliada polo seu cargo nun sindicato. “A súas historias quedaron escurecidas polo golpe militar pero as mulleres de Moaña sempre tiveron moita iniciativa. Nas vilas mariñeiras as mulleres teñen que asumir o papel de ser as cabezas de familia por ausencia dos homes. As mulleres de Moaña foron as primeiras en constituírse como asociación de mariscadoras en todo o país e pular pola profesionalización do sector. Agora estase empezando a visibilizar o que xa era un empuxe da sociedade pola consideración en igualdade”, recorda.
Para Leticia Santos o feminismo é transversal a todas as políticas e vai desde a concepción dun urbanismo “amable para as persoas” ata a mellora da iluminación en toda a vila nas horas finais do día, o reforzo da xornada das traballadoras do Centro de Información á Muller (CIM), levar a educación sexual aos centros de ensino e incrementar as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). “Chegamos sen experiencia na política e aplicando as mesmas receitas que podiamos ter nas nosas casas, tiñamos máis débeda que orzamento e fomos priorizando as nosas políticas e mellorando o investimento social. Co tempo demostramos a nosa capacidade, ao principio sentía que se me daba a oportunidade pero que estaba a proba”, debulla a candidata do Bloque en Moaña.
A ourensá Sandra Quintas afronta os seus primeiros comicios como cabeza de lista do PP en Bande, aínda que é alcaldesa desde o ano 2020, cando o daquela alcalde deu o salto ao Parlamento e ela, que era a número tres da candidatura, asumiu o cargo. “Houbo plenos tensos nos que vía que por ser muller o trato non era o mesmo que co anterior alcalde, pero non me pasou coa veciñanza”, sinala a tamén delegada territorial da Consellería de Cultura, quen incide en que non ten dedicación exclusiva” no concello.
“Os meus veciños valorarán se estes tres anos estiven á altura do concello e estou con eses nervios típicos da primeira vez”, recoñece Sandra Quintas, que xa foi concelleira en 2015 e viviu a política desde ben pequena da man da irmá da súa nai, Ana Belén Vázquez, deputada do PP no Congreso por Ourense, coa que se leva oito anos. “Sempre fomos como irmás e a min gustábame acompañala a todos os actos, así me entrou o desexo de participar en política”, conta.
“Queremos que este sexa un gran concello para vivir en familia, fai falta que as familias poidan conciliar", sinala Sandra Quintas
Quintas destaca a maior presenza de mulleres nas listas e que no PP haxa “trece cabezas de lista mulleres na provincia de Ourense”. Nestes tres anos, manifesta que en Bande apostou “sobre todo polas familias e pola conciliación”. “Queremos que este sexa un gran concello para vivir en familia, temos escola infantil, colexio e instituto e, polo tanto, fai falta que as familias poidan conciliar. Por iso promovemos actividades para nenos polas tardes no ximnasio dúas veces á semana e obradoiros na biblioteca, e todo o verán hai campamentos e temos os Concilia. Apostamos polas familias, e dámos tamén o cheque bebé de 2.000 euros, e polos nosos maiores porque non podemos esquecer que somos un concello do rural e nesta lexislatura temos que apoiar máis que nunca ás persoas maiores que están soas nas casas”, relata.
Tamén ten experiencia de goberno Rebeca Mouriño, número dous da candidatura de Sadamaioría, unha organización política autoxestionada por veciñas e veciños de Sada que gobernou as dúas lexislaturas pasadas ata a moción de censura promovida por un grupo de edís de PP, PSdeG e Alternativa dos Veciños en novembro de 2022. Neste espazo político non son moitas as mulleres que chegan a ser cabezas de lista, de feito, Mouriño conta que na súa formación empregan listas cremalleira e que nas asembleas as dúas persoas máis votadas foron dous homes. “A dinámica da igualdade vai un pouco para largo, porén, si que se nota cada vez máis participación activa de mulleres na política, sobre todo entre a xente nova”, asegura.
Cando Rebeca Mouriño era cativa na súa casa non se reproducían os roles machistas, pero sabía que existía o movemento feminista porque súa nai mercaba cada ano unha axenda morada a unha asociación de mulleres. Co tempo, descubriu o sistema patriarcal e comprendeu o significado da axenda da súa nai “e o apoio que ela lles daba ás mulleres desa asociación”. No momento no que deu o paso de participar en política notou sorpresa ao seu arredor, ten tres fillos e presentouse aos primeiros comicios aínda cun bebé. “Esta mamá de parque está metida en política, para que se meterá nisto? Pero despois a xente fíxose á idea”, traslada.
"Aquí se estaba facendo o festival Elas son artistas, que tiña unha repercusión estupenda; ademais das actividades nos centros educativos", lembra Rebeca Mouriño
Para ela as políticas con perspectiva feminista teñen que estar moi centradas nas novas xeracións e pasan por “fomentar a parte cultural, artística e musical”. “Aquí se estaba facendo o festival Elas son artistas, que tiña unha repercusión estupenda; ademais das actividades nos centros educativos. Temos que instar á participación activa da mocidade nestas actividades porque son eles os seguintes en chegar á idade adulta. Este ano foi escasa a actividade do concello no 25 de novembro e no 8 de marzo e creo que son datas para non esquecer”, manifesta Mouriño desde Sada.
“Os que nos presentamos agora por primeira vez estamos cansos de que se traslade a política que se respira en Madrid tamén aos pobos. Ese enfrontamento, radicalismo e sectarismo está a chegar aos pequenos municipios, por desgraza. A política converteuse nun ruído con insultos e descualificacións, pero non se tratan os problemas da xente”, afirma Gemma Vázquez, candidata da formación paneuropea Volt no concello de Amoeiro, onde a veciñanza poderá escoller entre sete opcións políticas.
"Temos que enfrontarnos a todos os prexuízos que tes como muller ao presentarte nun concello pequeno, e conciliar a vida familiar e persoal. Facer campaña esíxenos un plus", destaca Gemma Vázquez
Hai tres meses non se lle pasaba pola cabeza presentarse, colaboraba con Volt pero non tiña pensado ser unha cara visible do partido no seu concello. Alí ten o despacho como avogada –"tamén traballo na finca", indica– e escoita seguido os problemas e demandas da xente. “Gústame a política como axuda á comunidade”, explica. Obtivo o respaldo de Volt a nivel estatal e europeo e non lle resultou complexo sumar apoios para a lista, con cinco mulleres nos postos de saída.
“A base de Volt é a participación cidadá, que a veciñanza participe das decisións que se toman. Propoñemos que se creen consellos consultivos a nivel parroquial para que a xente poida trasladar as súas necesidades, un pouco como traer a fórmula do Europarlamento a Amoeiro”, debulla. Este grupo político baséase en que a Unión Europea é “mellorable” e aposta por unha “visión global” do continente. “Non somos anti nada, todo se ten que mellorar”, apunta Gemma Vázquez.
Vázquez aplaude o incremento da participación da muller na política estatal, mais considera que no eido local “é unha loita contra un montón de barreiras tanto sociais, como de prexuízos e conciliación”. “Nós temos que enfrontarnos a todos os prexuízos que tes como muller ao presentarte nun concello pequeno, onde ademais sempre se presentaron homes, e conciliar a vida familiar e persoal. Facer campaña esíxenos un plus. Tes que facelo con moita máis ilusión porque o esforzo é maior. Queremos que sirva para que outras mulleres, que sabemos que teñen un montón de ideas para mellorar a vida nos seus pobos, se animen e den o paso, sexan da ideoloxía que sexan”, incide.