O popular coloca o seu núcleo duro que levou de Galicia por diante de veteranas figuras do PP
Tras coñecerse en días previos que as listas do PP para as xerais do 23 de xullo suporán a marcha dos ata agora vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, conselleira do Mar, Rosa Quintana, e portavoz no Parlamento, Pedro Puy, este mércores fixéronse públicas na súa totalidade. Nelas Feijóo dá cabida á práctica totalidade do núcleo duro de asesores que levou de Galicia cando acadou a presidencia estatal do partido e sitúa ao seu carón na lista por Madrid, como número 2, á escritora lucense Marta Rivera de la Cruz, ex de Ciudadanos.
Rivera de la Cruz foi deputada de Ciudadanos pola Coruña, conselleira de Cultura na Comunidad de Madrid e significouse en numerosas ocasións polas súas posturas contrarias ás medidas de normalización da lingua galega, malia o que foi escollida pola Xunta en 2013 para protagonizar un acto institucional centrado en Rosalía de Castro.
Canto ás persoas da máxima confianza de Feijóo, a súa xefa de gabinete no PP e antes na Xunta, Marta Varela Pazos, é a número 5 por Madrid, por delante doutras figuras como Cayetana Álvarez de Toledo (7) ou Manuel Cobo (8). No décimo posto desa mesma provincia aparece Mar Sánchez Sierra, ex-secretaria xeral de Comunicación da Xunta e que acompaña a Feijóo desde hai dúas décadas.
Na circunscrición madrileña o PP acadou nas últimas xerais 10 dos 37 escanos en xogo, polo que máis difícil terán ser elixidos directamente outros dous xornalistas responsables da comunicación de Feijóo tanto na Xunta como no partido, Luis de la Matta (posto 27) e Marcos Gómez Román (28).
Listas ao Congreso
Na provincia da Coruña, onde hai oito escanos en xogo e o PP logrou tres nas xerais de 2019, os primeiros postos son para Miguel Tellado, Marta González e Tristana Moraleja, co número 4 para outro home de confianza de Feijóo, Álvaro Pérez López, que foi secretario xeral da Presidencia da Xunta e que tamén o acompañou a Madrid.
En Lugo, con catro escanos en xogo e onde en 2019 o PP obtivo dous, os postos de saída son para o xa ex-vicepresidente da Xunta Francisco Conde e Jaime de Olano.
En Ourense, tamén con catro escanos en disputa, dous logrados polo PP hai catro anos, os postos de saída son para Ana Vázquez e a ex-conselleira do Mar, Rosa Quintana, co terceiro lugar para o agora deputado Celso Delgado.
E en Pontevedra, con sete escanos en xogo, tres deles para o PP en 2019, a lista está encabezada pola ex-ministra Ana Pastor, a ex-secretaria de Estado de Economía Irene Garrido e o agora portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy.
Listas ao Senado
Canto ao Senado, en cada provincia peninsular son elixidas por voto directo da cidadanía catro persoas, pero os partidos só poden presentar tres candidaturas, o que adoita outorgar tres escanos ao partido máis votado en cada provincia e un á segunda formación. Para esta cámara o PP presenta na Coruña a Rosa Gallego, ex-candidata á alcaldía da capital provincial, Verónica Casal, concelleira en Ferrol, e Manuel Ruíz Rivas, alcalde ata agora en Ribeira.
Pilar Rojo, ata agora Senadora por Pontevedra, será o 23 de xullo a terceira na lista ao Senado da provincia de Albacete
En Lugo repite o ex-portavoz do PP no Senado e ex-vicepresidente da Xunta José Manuel Barreiro, a alcaldesa de Guntín, María José Gómez Rodríguez, e o ex-alcalde de Portomarín e ata agora director da Casa de Galicia en Madrid, José Serrano, que hai un ano cedeu o seu escano nesa mesma cámara a Feijóo cando este marchou a Madrid.
En Ourense a lista popular está conformada pola ata agora senadora Carmen Leyte, o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e Rosa Sánchez Gándara.
E en Pontevedra a lista formada por María José Pardo Pumar, concelleira na capital provincial, José Crespo, alcalde de Lalín, e Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos.
As listas desveladas este mércores tamén presentan a nota rechamante de que a ex-presidenta do Parlamento de Galicia Pilar Rojo, ata agora Senadora por Pontevedra, será o 23 de xullo a terceira na lista ao Senado da provincia de Albacete.