Do pavillón do Sar ao Pazo Real de Aranjuez: Feijóo tamén recicla a presentación das súas candidaturas

Presentación das candidaturas municipais do PPdeG en 2011 sobre un mapa de Galicia e das candidaturas ás xerais do 23 de xullo sobre un mapa de España © PP - Praza Pública

O candidato popular presenta as e os cabezas de lista do PP ás xerais sobre un mapa de España como xa fixera en 2011 sobre un mapa de Galicia coas candidaturas populares ás municipais daquel ano

En 2011 Alberto Núñez Feijóo, actuando como presidente do PPdeG, presentou as candidaturas da súa formación ás eleccións municipais daquel ano sobre un gran mapa de Galicia disposto na entrada o pavillón de deportes Fontes do Sar de Santiago. Este martes, agora como presidente do PP estatal, o mesmo Feijóo presentou as candidaturas ás eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo sobre un gran mapa de España disposto fronte ao Pazo Real de Aranjuez. O acto supón un novo exemplo da estratexia do equipo de asesores do ex-presidente da Xunta de reeditar a nivel estatal o manual político que aplicou en Galicia na oposición ao Goberno de PSdeG e BNG e tras a súa chegada á Xunta.

Feijóo e os seus candidatos en 2011 ás municipais nas sete cidades galegas sobre un mapa de Galicia no pavillón Fontes do Sar de Santiago © PPdeG

Non é a primeira vez desde que chegaron a Madrid que Feijóo e o seu equipo recorren a un mapa para presentar sobre el as súas candidaturas. Xa o fixeron en xaneiro para presentar a candidatos e candidatas ás alcaldías das capitais de provincia nas pasadas eleccións municipais. Daquela, igualmente sobre un mapa de España, a presentación realizouse na Praza de España de Madrid.

Feijóo vén replicando na súa carreira para facerse co Goberno de España imaxes e discursos similares aos empregados no seu momento para gañar a Xunta

Feijóo tamén vén replicando desde a súa chegada á presidencia do PP estatal outras imaxes icónicas das súas campañas políticas en Galicia. Como a sinatura o pasado xaneiro dun compromiso de "calidade institucional" a semellanza do "contrato con Galicia" que asinara en 2009 pouco antes das eleccións galegas daquel ano que acabou gañando. E no eido do discurso político, a súa estratexia tamén é similar desde hai un ano á despregada en 2009. [Feijóo executa contra PSOE e Podemos o manual de asedio que estreou fronte á coalición de esquerda na Xunta].

Feijóo, asinando cadanseus 'contratos' en 2009 e 2023 (arriba) e presentación cos candidatos municipais do PPdeG en 2011 e cos municipais do PP para o pasado 28 de maio CC-BY-SA Fotos: PP | Montaxe: Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.