Unha vintena de concellos aglutinan máis da metade da poboación de Galicia. Son as sete principais cidades e unha ducia de vilas na maioría das cales o vindeiro sábado, 17 de xuño, tomarán posesión alcaldesas e alcaldes de formacións da esquerda.
Os resultados das municipais do pasado 28 de maio deron lugar a maiorías absolutas progresistas en boa parte destes concellos, na maior parte dos casos con PSdeG ou BNG como protagonistas. As conversas entre estas e outras formacións despexaron gran parte destas investiduras nos últimos días mentres, por razóns diferentes, seguen a ferver as escenas políticas de dous destes concellos: Ourense e Ribeira.
Nas dúas cidades máis poboadas, Vigo e A Coruña, non hai dúbida ningunha sobre quen volverá erguer o bastón de mando o vindeiro sábado. No concello vigués a ampla maioría absoluta lograda por Abel Caballero permitiralle unha reelección sen negociación ningunha e no coruñés, Inés Rey contará cos 11 votos a prol do PSdeG e os 4 do BNG para botar a andar un goberno que, cando menos de inicio, será monocolor socialista.
PSdeG e BNG seguirán tendo a maioría dunhas alcaldías urbanas nas que haberá dous cambios: o BNG obterá a de Santiago e o PP volverá á de Ferrol
Os votos socialistas e nacionalistas tamén serán dabondo para garantir as investiduras en Lugo e Pontevedra, onde ambas formacións ultiman os detalles para conformaren novos gobernos de coalición presididos pola socialista Lara Méndez, no caso lucense, e polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, no pontevedrés. Onde haberá mudanza será en Santiago; na capital galega Goretti Sanmartín, do BNG, ten votos dabondo para ser investida como primeira alcaldesa na historia da cidade grazas aos 6 edís do Bloque, os 2 de Compostela Aberta e os outros 6 do PSdeG que, se ben apoiarán a súa elección, non entrarán no goberno, polo que a previsible coalición será, cando menos de inicio, BNG-CA.
As formacións da esquerda, deste xeito, gobernarán en cinco das sete principais cidades. Mentres, o panorama é diferente nas dúas restantes por razóns ben distintas entre si. En Ferrol, a maioría absoluta lograda o 28M garántelle ao PP volver investir a José Manuel Rey Varela oito anos despois de que perdese a alcaldía. E en Ourense, Gonzalo Pérez Jácome pode revalidar a alcaldía facendo valer a condición de forza máis votada lograda por Democracia Ourensana nas urnas.
Só no caso de que PP, PSdeG e BNG dean lugar a un improbable pacto conxunto dentro dunha escena política efervescente Jácome perderá a alcaldía. Mentres se multiplican os contactos igual que hai catro anos cómpre ter en conta que o destino político do Concello ourensán non é un elemento illado: Jácome ten tamén a chave para decidir na Deputación entre a continuidade do PP ou o que sería a histórica fin do baltarismo na institución.
Alén das sete principais cidades, o PSdeG ten 'atadas' investiduras como as de Vilagarcía, Ames, Culleredo ou Redondela e o BNG, Carballo e Cangas. Arraigadas formacións locais recuncan en Narón, Oleiros e Cambre
Alén das sete principais cidades, os signos políticos das alcaldías están tamén notablemente despexados. PSdeG e BNG teñen as investiduras atadas ou en vías de estalo a través de pactos a unha ou varias bandas en media ducia delas. Vilagarcía, Ames, Culleredo ou Redondela volverán ter alcaldías socialistas e en Carballo ou Cangas a alcaldía será do Bloque, no caso da capital de Bergantiños con maioría absoluta.
O mesmo sucede a arraigadas formacións locais que recuncarán nas alcaldías, caso de Terra Galega en Narón, Alternativa dos Veciños en Oleiros e, previsiblemente, tamén Unión por Cambre na vila cambresa. Mentres, neste ámbito o PP ten aseguradas dúas investiduras noutras tantas vilas grazas a cadansúas maiorías absolutas en Arteixo e Marín.
Un 'clásico' do PP en risco
A arteixá e a marinense son dúas alcaldías clásicas do PP igual que tamén o viña sendo a de Ribeira. A alcaldía da principal vila do Barbanza está en mans dos populares dende que a gañaron por primeira vez en 1987 aínda baixo as siglas de Alianza Popular. Os cinco mandatos seguintes foron outras tantas maiorías absolutas para o histórico José Luis Torres Colomer, remudado en 2011 por Manuel Ruiz Rivas, quen tamén obtivo daquela a absoluta.
Unha escisión da dereita ribeirense alentada polo ex-alcalde Torres Colomer pon en serio risco tres décadas de poder dos populares na principal vila do Barbanza, onde o BNG se achega á alcaldía
En 2015 Ruiz Rivas logrou revalidar a alcaldía malia perder a absoluta. En 2019 tamén conseguiu ser reelixido para gobernar en minoría malia á irrupción do Partido Barbanza Independiente (PBBI), unha escisión da dereita local alentada na sombra polo antigo alcalde Torres Colomer que desta volta declara estar disposto a provocar que o PP perda a alcaldía.
O pasado 28M os populares lograron 10 dos 21 edís da corporación (+1), fronte a 5 do BNG (+3), 5 do PPBI (-2) e 1 do PSdeG (-1). Neste escenario, o PBBI admite conversas co Bloque para un eventual pacto que desbanque os populares, mentres diversas voces apuntan a fórmulas de acordo como unha alcaldía rotatoria e outras, mesmo á posibilidade de que a dirección do PP se abra a sacrificar a Ruiz a cambio de non perder o goberno, unha hipótese que semella máis que factible tras incluír o PP ao agora rexedor nas súas listas do 23X para o Senado. Pero tras o acordo pechado este 15 de xuño, agás sorpresa maiúscula a alcaldía será para o BNG, con Luís Pérez Barral.