A aparición de Casado en Ribeira alenta a PSdeG e BNG: "É un síntoma do que lle espera ao PP"

Feijóo e Casado, coa conselleira Fabiola García -ex-edil na vila- e outros cargos no mitin central do PP en Ribeira © PP

Tras as eleccións municipais de 2015 o PP só logrou gobernar en cinco dos vinte municipios máis poboados de Galicia. Un deles é Ribeira, feudo dos populares dende inicios dos anos 90 do século pasado, onde o histórico José Luis Torres Colomer logrou folgadas maiorías absolutas ata que admitiu dar a remuda no ano 2011 a Manuel Ruiz Rivas. O ex-voceiro parlamentario do PPdeG revalidou a absoluta naquel ano pero non en 2015, cando xa se albiscaba a convulsión da dereita local con escisións nas que hai quen ve a man do ex-rexedor Torres e que desta volta, dende as siglas Partido Barbanza Independiente poden poñer en perigo a alcaldía popular liderados polo ex-edil do PP Vicente Mariño e levando nas súas filas a Asier Casais, en 2015 candidato de Ciudadanos á alcaldía.

Unha escisión do PP na que tamén se integra o ex-candidato de Ciudadanos pon en risco a maioría absoluta da que os populares gozan en Ribeira dende comezos dos 90

Con este pano de fondo e tras un convulso mandato a maior vila do Barbanza tornou o pasado domingo durante unhas horas nunha caste de capital da campaña electoral do 26M en Galicia. O PP tiña previsto para esa xornada o acto central da campaña de Ruiz Rivas e nel tamén apareceu, practicamente por sorpresa, o líder estatal do partido, Pablo Casado. Tamén tiñan mitins dominicais en Ribeira o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e mais a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para apoiaren cadansúas candidaturas ribeirenses. A presenza de Casado serviulles ambos para ironizar cunha eventual perda da primacía do PP en Ribeira case tres décadas despois. "É un síntoma do que lle espera ao PP", chanceou Pontón.

Ana Pontón e Ana Miranda co candidato do BNG en Ribeira (esquerda) e Gonzalo Caballero, con membros da candidatura ribeirense do PSdeG e outros cargos CC-BY-NC-SA BNG / PSdeG

Gonzalo Caballero: "O PP está pinchado, dividido, e aínda por riba vén o líder dos mestrados en derrotas electorais a poñerlle a puntilla a Ruiz Rivas"

Dende a banda socialista o seu líder resaltou a presenza de Casado como un impulso extra para o aspirante socialista á alcaldía, José Manuel Vilas. O Concello ribeirense pode estar ás portas "unha nova etapa". Como a nivel xeral, di, o PP está "pinchado, dividido, roto, e sen referentes" e "aínda por riba, vén o líder dos mestrados en derrotas electorais a poñerlle a puntilla a Ruiz Rivas", ironizou.

 Mentres, chama a contrastar, "os socialistas presentamos unha candidatura que combina renovación e experiencia" dende a "unidade". Mostra disto último, resaltou, foi que o socialista foi o "único grupo municipal que se mantivo intacto ao longo do mandato" -o PP perdeu unha edil tras a crise pola remuda na tenencia da alcaldía e Cs, dous-.

Pontón: "Non lles arrendo a ganancia, que os veña apadriñar Pablo 'Fracasado' é todo un síntoma"

Tampouco Pontón lle "arrenda a ganancia" ao PP pola visita dende Madrid. "Que os veña apadriñar Pablo Fracasado é todo un síntoma do que lles espera, de fracaso en fracaso ata o fracaso final" tras o devalo das xerais, afirma. Neste sentido, a líder do Bloque asegurou no acto de apoio á candidatura liderada por Xosé Antonio Vázquez Cobas que "a Feijóo tampouco o vexo ben". "Parece da santa compaña, como alma en pena de mitin en mitin pedindo que todo o voto da dereita vaia para o PP, que disque só quere depender dos veciños"; "que nos explique -retou- de quen depende o PP en Andalucía" . Para a nacionalista o 26M pode ser un paso máis para "asinar o finiquito de Feijóo".

Feijóo instou xunto a Casado a "evitar enganos" porque "só hai un PP en Ribeira"

Esa chamada á "unión" do voto foi, precisamente, a que lanzou Feijóo en compaña de Casado e Ruiz Rivas. "Coa división do voto Ribeira sufrirá a parálise dos nacionalistas e da esquerda" nun contexto no que "só hai un PP en Ribeira, o PP de Manolo Ruiz" e por iso cómpre "evitar enganos". "Só hai un xeito de que goberne o PP, votándoo", reiterou mentres unha enquisa do Grupo Voz situaba a escisión dos populares na vila como posible forza máis votada o 26M. Casado, pola súa banda, combinou en Ribeira as mensaxes en clave estatal sobre Catalunya con numerosos eloxios a Feijóo. "O PP de Galicia é un exemplo para toda España en xestión, proximidade, traballo e propostas de futuro", proclamou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.