As derradeiras enquisas públicas para o 26M afastan o PP dos principais postos do poder local galego

Cabezas de lista das principais forzas políticas nas cidades galegas para o 26M CC-BY-NC-SA Praza Pública

Este 19 de maio foi o derradeiro domingo previo á entrada en vigor do veto á publicación de enquisas ata a celebración das eleccións municipais e europeas, en virtude do estipulado pola lei electoral. A inminencia dese prazo legal precipitou a publicación de inquéritos por parte das editoras de varios xornais impresos en Galicia con cifras dispares pero cunha diagnose xeral coincidente: atendendo aos seus prognósticos, o PP continuaría afastado dos principais postos do poder local en Galicia. Isto é, da maioría das alcaldías urbanas e sen posibilidades claras de sumar gobernos nas deputacións.

As sondaxes sinalan un PSOE á alza na maior parte das cidades cun PP que non se dá recuperado dos devalos de 2015 e das xerais mentres as mareas perderían forza e o BNG regresaría ás corporacións onde perdeu representación, ademais de reforzarse en Pontevedra

En ausencia dunha casa pública de enquisas ao xeito do CIS, o Euskobarómetro vasco ou o CEO catalán, un proceso electoral máis a fonte demoscópica que en boa medida veu marcando o paso das principais forzas políticas do país foi Sondaxe, a empresa de inquéritos do Grupo Voz. Na súa entrega deste domingo previo á prohibición -estes trackings adoitan seguir realizándose, pero sen seren publicados- debuxa, como en días anteriores, un PSOE á alza na maior parte das cidades cun PP que non se dá recuperado plenamente dos devalos de 2015 e das xerais, mentres as mareas perderían forza e o BNG regresaría ás corporacións das que desapareceu hai catro anos ademais de reforzar o seu goberno en Pontevedra

Os socialistas, segundo estes números, beneficiaríanse dunha baixada das mareas gobernantes -agora especialmente de Ferrol en Común e Marea Atlántica- que situaría ao seu alcance as alcaldías de Ferrol, A Coruña e Santiago -neste último caso, perseguido de cerca por unha Compostela Aberta en recuperación e mais polo PP-, que o PP non sería quen de aproveitar. Ademais, auguran que o PSdeG podería seguir gobernando Lugo, Abel Caballero arrasaría en Vigo e o ourensán Rafael Rodríguez Villarino tería posibilidades de erguer o bastón de mando na que neste mandato foi única alcaldía urbana do PP. O BNG, pola súa banda, podería aspirar á maioría absoluta en Pontevedra.

A diferenza do resto da campaña, neste derradeiro domingo de enquisas aos prognósticos de Sondaxe engádense outros no ámbito galego. É o caso dos inquéritos publicados polos xornais do grupo Prensa Ibérica -Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña- para as cidades dos seus ámbitos de influencia. Para Vigo, o traballo demoscópico da empresa DYM sitúa a Caballero cunha amplísima maioría -ata 21 dos 27 edís-, en Ourense indica un panorama fragmentado con PP, PSOE e DO pelexando a primeira posición e en Pontevedra prevé que Lores está próximo á maioría absoluta.

Na recta final do prazo para publicar enquisas as fontes demoscópicas para as municipais galegas son máis diversas do habitual 

No caso da Coruña a enquisa sitúa en cabeza da intención de voto ao PSdeG de Inés Rey, que podería aspirar á alcaldía apoiada nuns 9 edís mentres que á Marea Atlántica lle outorga 6. O PP de Beatriz Mato sería segundo esta enquisa a segunda forza da corporación, pero con 8 edís que quedarían lonxe da maioría mesmo sumando os 2 que o estudo outorga a Ciudadanos. Para a corporación coruñesa ofrece tamén este domingo unha enquisa o xornal El País; este inquérito, da empresa 40dB, dá tamén ao PSdeG o primeiro lugar (9-10) e augura que Marea Atlántica e PP disputarán a segunda praza, en todo caso sen posibilidade de maioría de dereitas.

O outro grupo mediático galego que publica enquisas esta fin de semana é o editor do xornal ourensán La Región, que no seu caso sitúa nunha sondaxe de Infortécnica ao PP de Jesús Vázquez resistindo como primeira forza da corporación nun escenario de fragmentación co PSdeG de Villarino á alza. Este mesmo grupo coincide en prognosticar en Atlántico Diario unha ampla maioría absoluta de Abel Caballero en Vigo cun PP á baixa e ata catro grupos máis con posibilidades de entrar na corporación.

A estas fontes demoscópicas engadiuse esta fin de semana o Grupo El Progreso. Nunha sondaxe de Infortécnica sitúa a socialista Lara Méndez recuncando na alcaldía e á dereita sen posibilidade de suma alternativa. Na corporación lucense sumarían apoios BNG e Ciudadanos, mentres que Lugonovo os perdería e Podemos debutaría con 2 edís.

As vilas

Os inquéritos coñecidos esta fin de semana atinxen tamén a varias vilas medias do país. As enquisas do Grupo Voz refírense a cinco concellos en catro dos cales as forzas gobernantes poderían seguir facéndoo tras o 26M: Carballo (BNG), Vilagarcía (PSdeG), Viveiro (PSdeG), e Narón (Terra Galega). En Ribeira, pola contra, a primacía do PP estaría en perigo polo ascenso dunha escisión dos propios populares, o Partido Barbanza Independiente. En Ribeira, precisamente, pediu o voto este domingo Alberto Núñez Feijóo acompañado de Pablo Casado.

Gobernos vilegos da esquerda como Carballo, Vilagarcía, Viveiro, Cangas, Moaña ou Bueu poderían continuar tras o 26M e o PP tería en perigo feudos históricos como Ribeira ou Vilalba e podería aspirar a recuperar Lalín

As sondaxes divulgadas por Prensa Ibérica en Faro de Vigo, pola súa banda, auguran tamén bos resultados para as forzas que sustentan os gobernos de Cangas (ACE), Moaña (BNG) ou Bueu (BNG). Mentres, en Lalín augura un forte devalo de Compromiso por Galicia, cun transvasamento de sufraxios ao PSdeG que situaría o PP en condicións de recuperar o que fora un dos emblemas do seu poder local. Na Estrada os populares poderían seguir gobernando con ampla maioría.

No caso dos prognósticos do Grupo El Progreso, a nota máis destacada dos traballos de Infortécnica é que o PP correría o risco de perder o seu histórico feudo de Vilalba, onde unha alianza da esquerda encabezada polo PSdeG podería lograr a alcaldía. Mentres, en Monforte o PSdeG aspiraría á maioría absoluta e en Viveiro serían os máis votados, pero con necesidade de pactos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.