Rey Varela cumpre os prognósticos e coa súa maioría absoluta converterase no único alcalde do PP nunha cidade galega
Ferrol será a única cidade galega gobernada polo PP. José Manuel Rey Varela será o novo alcalde ao obter a maioría absoluta e sumar un concelleiro máis, 13, os mesmos cos que xa conseguira o bastón de mando da cidade en 2011 e 2015.
Perden o PSdeG e Ángel Mato a alcaldía e baixan de oito a sete edís, mentres que o BNG liderado por Iván Rivas sobe de dous a tres, ao contrario que Ferrol en Común, a marca ferrolá das mareas, que baixa de tres a dous.
Conseguiu Rey Varela o obxectivo, do que quedara a moi pouco hai catro anos. Agora, acada aínda máis apoio, superando o 45% dos votos. Pola súa banda, os socialistas baixaron uns dous puntos e perderon ese edil que acabou sendo clave.
"O voso alcalde e o voso goberno vai gobernar para todos. Xa abonda de enfrontamentos. Imos xuntarnos os ferroláns para poñer Ferrol no máis alto", dixo Rey Varela ao pouco de coñecerse os resultados definitivos.
Cumpriu o candidato popular de Ferrol cos prognósticos, aqueles que aseguraban que sería a única cidade galega gobernada polo PP. Xa o fixo anteriormente e farao agora Rey Varela, mantendo tamén a tradición da mudanza de goberno na urbe departamental: alcalde de Ferrol en Común en 2015, rexedor socialista en 2019 e volta á dereita neste 2023.