Ferrol: o PP busca volver 8 anos despois á Alcaldía dunha cidade que quere deixar atrás a melancolía

A anovada e premiada Praza de Armas de Ferrol, onde se atopa a Casa do Concello © FAD

Hai varias ideas e etiquetas, algunhas máis reais que outras, que se adoitan apoñer á cidade de Ferrol. Unha delas é a da permanente crise que sofre dende hai catro décadas, provocada inicialmente pola redución da actividade industrial e unha reconversión nunca realizada. Esta crise económica visibilízase nunha constante caída poboacional, un envellemento dos seus habitantes e unha taxa de actividade moito máis reducida que a das demais urbes galegas. Pero tamén oculta as potencialidades dunha urbe que está moi viva.

Dende que Quintanilla abandonou a Alcaldía en 1987, ningún rexedor mantivo o seu cargo nas eleccións seguintes

A crise económica ten provocado tamén unha continuada inestabilidade política: dende que Jaime Quintanilla abandonou a Alcaldía en 1987 ningún rexedor mantivo o seu cargo nas eleccións seguintes. Dende entón ningún goberno municipal foi quen de sobrepoñerse á mala situación económica xeral e coas competencias e ferramentas das que dispón a administración local conseguiu ilusionar á poboación.

Dende o incio da década dos 90, ademais, a cidade viña oscilando cada catro anos a esquerda ou a dereita. Os gobernos do PP (1995-99, 2003-2007 e 2011-15) foron sempre sucedidos por executivos progresistas liderados por BNG (1999-2003), PSdeG (2007-11) ou Ferrol en Común (2015-19). Hai catro anos o Executivo comandado por Jorge Suárez non puido manter a Alcaldía, pero esta non pasou á dereita, senón que regresou ao PSdeG de mans de Ángel Mato despois dun mandato convulso no que Ferrol en Común tivo que gobernar en minoría a maior parte do tempo.

O PP, que non goberna ningunha cidade e só unha deputación provincial, necesita conquistar o 28M  algunha praza de importancia e Ferrol é unha das máis propicias segundo as enquisas publicadas

Os populares, coa candidatura por terceira vez consecutiva do ex-conselleiro José Manuel Rey Varela buscan conquistar o goberno da cidade, nunha loita que pode determinar boa parte da lectura que se faga dos resultados das eleccións municipais en Galicia. No ano 2019 o PP non obtivo a Alcaldía de ningunha das cidades galegas, fíxose unicamente cunha Deputación (a de Ourense) e gobernou ademais poucas vilas de importancia, agás Arteixo, Ribeira, Marín, A Estrada e Lalín. O 28M a formación necesita facerse con algunha praza de importancia e Ferrol é unha das máis propicias. De momento, as enquisas publicadas apuntan que o PP podería facerse coa maioría absoluta, pero o resultado pode depender dun só edil e duns poucos votos.

Rey Varela afirma querer "poñer fin a oito anos de inestabilidade e ingobernabilidade" na cidade, á que ve "paralizada"

Rey Varela afirma querer "poñer fin a oito anos de inestabilidade e ingobernabilidade" na cidade, á que ve "paralizada", unha "parálise" da que culpa ao executivo municipal socialista, "sen un goberno estable, sen orzamentos, sen servizos de calidade, sen xerar oportunidades, con numerosos conflitos laborais e con importantes recortes en servizos".

Ángel Mato, que se presenta co lema "Que gañe Ferrol", busca facer valer catro anos de xestión e fai fincapé nos beneficios para a cidade da "continuidade" 

No outro extremo Ángel Mato, que se presenta co lema "Que gañe Ferrol", busca facer valer catro anos de xestión nos que contou cos apoios puntuais de Ferrol en Común e BNG. A finalización da premiada e eloxiada reforma da Praza de Armas (aprobada polo Goberno anterior), a sinatura do convenio co Ministerio de Defensa (pero coas dúbidas que xera nos grupos de esquerda o proxecto do antigo cuartel Sánchez Aguilera) ou o inicio das obras de humanización da Avenida das Pías e da Rúa da Igrexa figuran no seu haber. Mato fai fincapé nos beneficios para a cidade da "continuidade" de equipos e proxectos e na necesidade de que a urbe conte coa estabilidade da que careceu nas últimas décadas. 

Mato destaca que "a cidade hoxe ten máis vida que a que tiña hai catro anos"

Ao seu favor pode xogar o relativo bo momento que vive a industria naval e o incermento do turismo. No único debate celebrado ata agora entre os principais candidatos, organizado por entidades culturais e sociais do barrio de Canido, Mato destacou que "a cidade hoxe ten máis vida que a que tiña hai catro anos". Porén, nos últimos anos foi criticado o devalo das políticas culturais na cidade, a falta de avances na rehabilitación de vivendas e na recuperación de zonas degradadas, por exemplo en Ferrol Vello. Tamén, polas eivas que presentan algúns servizos sociais do Concello, por falta de persoal ou de investimento. 

Ferrol en Común mantén o ex-alcalde Jorge Suárez como número 1 pero renova amplamente a súa lista, coa incorporación de Nerea P. Carballeira e de Fany Gómez

Se Rey Varela non obtén a maioría absoluta, as forzas de esquerda deberán chegar a acordos, mesmo coa posibilidade dun goberno tripartito. No debate celebrado en Canido o candidato de Ferrol en Común foi claro neste sentido: “é necesario que todas as forzas de esquerdas que comparten programas similares poidan chegar a grandes acordos de cidade. Nós non dubidamos en apoiar aos bos proxectos para Ferrol”.

Ferrol en Común mantén o ex-alcalde Jorge Suárez como número 1 pero renova amplamente a súa lista, coa incorporación de Nerea P. Carballeira e de Fany Gómez, traballadora da Biblioteca Municipal e que anteriormente figurou na candidatura do PSdeG. No número catro da lista aparece Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura entre 2015 e 2019, cunha xestión eloxiada mesmo polos seus adversarios políticos

Rivas (BNG) destaca que tanto Mato, Suárez como Rey Varela xa foron alcaldes e que "xa tiveron a súa oportunidade", sinalando que "o BNG é a alternativa"

No BNG, pola súa banda, repite como candidato Iván Rivas, mantendo tamén nos primeiros postos a María do Mar López González e Roberto Montero Castrillón. Rivas destaca que tanto Mato, Suárez como Rey Varela xa foron alcaldes e que "xa tiveron a súa oportunidade", sinalando que "o BNG é a alternativa". O BNG aposta pola municipalización de servizos, a creación dunha empresa municipal de transporte público, fai fincapé na cultura e o deporte de base e no fomento do comercio local.

Debate entre Jorge Suárez, Iván Rey, José Manuel Rey Varela e Ángel Mato, celebrado no Centro Cívico de Canido a finais de abril © FeC

As distintas candidaturas pelexan por ilusionar a cidadanía sobre o futuro dunha cidade que quere quitar de enriba pantasmas e etiquetas inxustas

A batalla electoral en Ferrol dirimirase nunha competición na que as distintas candidaturas pelexan por ilusionar a cidadanía (que nas últimas décadas vén amosando un continuado desencanto) sobre o futuro dunha cidade que quere quitar de enriba moitas pantasmas e etiquetas inxustas. Ferrol reclama unha oportunidade para amosar que por debaixo do pesimismo e da melancolía latexa unha cidade viva, cun tecido social e cultural activo, con barrios organizados e cun futuro por escribir. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.