A polémica pola elección de Marta Rivera de la Cruz como escritora convidada á homenaxe a Rosalía de Castro continúa. Tal e como destaca A Mesa pola Normalización Lingüística nun comunicado, no ano no que se festexa o 150 aniversario do primeiro libro contemporáneo no idioma galego, os Cantares Gallegos , a Xunta decidiu “homenaxear” a figura da poetisa "excluíndo do acto todas as escritoras en galego, como se non existisen”, e convidando "unicamente unha autora que mantén unha postura moi hostil" cara ao idioma
A Mesa asegura que “o problema central deste acto non é que sexa unha persoa que escriba nun ou noutro idioma, senón no feito de que sexa alguén máis coñecido en Galiza polos seus posicionamentos contra a nosa cultura e o seu desprezo cara ás escritoras que usan o galego do que pola súa obra”.
"Rivera de la Cruz non foi seleccionada pola súa produción literaria, senón pola súa posición contraria ao galego", di A Mesa
Carlos Callón, presidente da Mesa, salienta que “todo o mundo sabe, tamén a propia escritora” que “non foi seleccionada pola Xunta pola súa produción literaria, senón polos seus posicionamentos contrarios á lingua galega e á literatura galega. É sinxelamente un premio á súa galegofobia".
No entanto, e logo da celebración deste venres do acto con motivo do Día Internacional da Muller na casa de Padrón de Rosalía, Marta Rivera de la Cruz non quedou calada e respondeu as numerosas críticas recibidas tras a súa elección, especialmente ás que chegaron do BNG e da súa parlamentaria, Ana Pontón, que a acusou de ser unha autora "belixerante contra o idioma galego".
"Rosalía deixou de escribir en galego por culpa de xente como esta", dixo a autora en referencia ao BNG
"Rosaía deixou de escribir en galego por culpa de xente como esta", asegurou en declaracións a EFE recollidas por varios medios e nas que insistiu: "Se aínda vivise, sería posiblemente repudiada e defenestrada por esta xente".
"Rosalía non era unha persoa dogmática, non era unha persoa cerril, era unha persoa moi aberta; foi a primeira profesional da escritura, dito no mellor sentido da palabra, e este tipo de historias, tan mezquinas e tan pequenas, creo que lle quedarían moi lonxe", asegurou Rivera de la Cruz, que lembrou que a autora "escribiu máis da metade da súa obra en castelán" e que "deixou de escribir en galego por xente como esta".
"É curioso; os que falan agora son os herdeiros dos que fixeron que Rosalía deixara de escribir en galego; iso foi unha mágoa daquela e sería unha mágoa agora", concluíu.