Deputados populares chegaron a aplaudir, golpeando as mesas, a comparecencia na comisión de investigación da súa compañeira de partido
“Vostede dirame, 'era a miña obriga', non me dea as grazas; pois si, creo que debemos darllas porque parécenos que honestamente vostede implicouse sobremaneira en intentar que as cousas naqueles tráxicos momentos non fosen peores”. Ese eloxio á ex-ministra popular de Fomento e actual presidenta do Congreso, Ana Pastor, foi pronunciado este luns polo portavoz do seu partido na comisión de investigación parlamentaria sobre o accidente de Angrois, Celso Delgado. Na última sesión de comparecencias, na que Pastor e o seu antecesor no ministerio, o socialista José Blanco, desvinculáronse de calquera decisión sobre a seguridade relacionada co sinistro no que faleceron 80 persoas, os dous recibiron numerosos eloxios por parte dos portavoces dos seus partidos: “sinceridade”, “sensibilidade”, “rigor” ou “decente” foron algúns deles, verbas que contrastaron coa autocrítica que tanto Pastor como Blanco fixeron do seu comportamento coas vítimas.
“Vostede dirame, 'era a miña obriga', non me dea as grazas; pois si, creo que debemos darllas porque parécenos que honestamente vostede implicouse sobremaneira", díxolle a Pastor o popular Celso Delgado
No caso de Pastor, a quenda de preguntas do PP, que durou dez minutos, foi ocupada polo seu portavoz, o galego Celso Delgado, para dedicar oito minutos e medio a gabar as actuacións da súa compañeira de partido tras o sinistro. “Agradecémoslle a sensibilidade que vostede tivo como persoa en relación con este accidente, valoramos o traballo que fixo”, dixo. O minuto e medio restante ofreceullo Delgado a Pastor para que dixese o que quixese. Rematado ese tempo, varios deputados populares presentes este luns na sala que non asistiron a sesións previas da comisión, entre eles a tamén galega vicesecretaria de Comunicación do PP estatal, Marta González, aplaudiron a Pastor golpeando as mesas.
Previamente, e xunto co antedito eloxio á ex-ministra por riba das súas obrigas, Delgado déralle as “grazas pola cumprida información que está vostede trasladando a esta comisión con total transparencia, con total liberdade”. Nunha intervención ausente de críticas, e na que, como tampouco fixo con Blanco, nin mencionou que na causa penal sobre Angrois o xuíz propón xulgar a un cargo de Adif xunto co maquinista por non habilitar medidas de seguridade, Delgado salientou a reacción que “fronte a este accidente tivo a administración, o executivo, o lexislativo, todos os grupos parlamentarios”.
A socialista Pilar Cancela gabou a "responsabilidade", "rigor" e "sinceridade" do seu compañeiro José Blanco
Similar actitude tivo a portavoz do PSOE, a tamén galega Pilar Cancela, co ex-ministro Blanco, ao que deu “grazas pola súa sinceridade” e cualificou como “tremendamente sincero”. Cancela, que como Delgado tamén pasou por riba das eivas de seguridade constatadas pola instrución xudicial, lamentou que a comparecencia de Blanco “non vai servir de moito porque as conclusións para determinadas persoas que interviron posiblemente xa estean feitas hai tempo”. Fronte a esas persoas que non identificou, Cancela gabou a “responsabilidade e rigor” de Blanco.
O deputado de ERC Gabriel Rufián, moi duro con comparecentes previos, dixo que considera a Pastor "o máis decente e valente que ten o PP"
Os eloxios cara a Blanco e Pastor non se limitaron este luns aos deputados dos seus respectivos partidos senón que o portavoz popular tamén tivo palabras de comprensión para o ex-ministro e a portavoz socialista para a ex-ministra, ao igual que tamén o fixo o portavoz de Foro Asturias. Ata o portavoz de Esquerra Republicana de Catalunya, Gabriel Rufián, que se amosara moi agresivo con comparecentes previos, eloxiou a Pastor. “Eu son bastante parco en gabanzas, sobre todo cara a membros do Partido Popular, pero é publico e notorio que eu a considero o máis decente e valente que ten o Partido Popular”, dixo da ex-ministra.