Dez forzas políticas nas catro circunscricións e outras dúas que só concorren na Coruña e Ourense, respectivamente, competirán o vindeiro 23 de xullo polos vinte e tres escanos que elixen as circunscricións galegas no Congreso dos Deputados. O Boletín Oficial do Estado publica este 21 de xuño as candidaturas presentadas para a Cámara Baixa e mais para o Senado, que se elevarán á candidatura de proclamadas o día 27 se cumpren con todos os requisitos legais.
Ás forzas políticas que obtiveron representación por algunha das circunscricións galegas (PP, PSdeG, Unidas Podemos -agora, Sumar- e o BNG) engádese a extrema dereita de Vox, que hai catro anos si logrou escanos por múltiplas provincias, pero ningún en Galicia. Xunto a estas candidaturas concorren outras forzas extraparlamentarias, cinco en Lugo e Pontevedra e seis nas circunscricións coruñesa e ourensá, nas que concorren dous partidos (Soberanía Ciudadana e Coalición de Centro Democrático, esta última unha escisión de Democracia Ourensana) que non o fan no resto de Galicia.
O PSdeG, con Besteiro e Miñones como principais referencias
A que foi primeira forza a nivel estatal en 2019, o PSOE, concorre en Galicia co ministro José Miñones e con José Ramón Gómez Besteiro, delegado do Goberno de España en Galicia nos últimos meses da lexislatura, como principais referentes como cabezas de lista pola Coruña e Lugo ao Congreso, respectivamente. Nas circunscricións do sur os 'números 1' á Cámara Baixa corresponden a David Regades, secretario provincial do PSdeG en Pontevedra, actual delegado da Zona Franca de Vigo e home de estreita vinculación con Abel Caballero; e mais para Margarita Martín, que foi concelleira no Concello ourensán.
Para o Senado, os socialistas, combinan dirixentes que ocuparon recentemente cargos internos ou noutras institucións con perfís con experiencia na propia Cámara Alta. Así, por exemplo, na provincia da Coruña destaca o nome de quen foi alcalde de Santiago ata a pasada semana, Xosé Sánchez Bugallo, mentres que en Lugo a referencia é César Mogo. En Ourense, presentan como referente a Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial e voceiro na Deputación no último mandato, e en Pontevedra destaca Carmela Silva, presidenta da Deputación nos últimos dous mandatos e edil do goberno local vigués.
O PP, á medida de Feijóo e en detrimento da Xunta
A segunda forza a nivel estatal nos comicios de 2019, primeira en Galicia, construíu unhas listas para as eleccións xerais á medida do ex-presidente da Xunta e actual líder estatal da formación, Alberto Núñez Feijóo. Como é sabido, a confección destas candidaturas precipitou unha crise de goberno na Xunta pola fichaxe do xa ex-vicepresidente Francisco Conde como cabeza de lista por Lugo e da agora ex-conselleira do Mar, Rosa Quintana, como número dous por Ourense.
Na Coruña, o número un dos conservadores é para o seu vicesecretario de organización e, no último ano, senado en representación do Parlamento -como Feijóo-, Miguel Tellado. En Ourene a cabeza de cartel é a controvertida deputada Ana Belén Vázquez e en Pontevedra regresa a ex-ministra Ana Pastor, que concorreu por Madrid con Pablo Casado.
Nas candidaturas ao Senado, os conservadores tamén combinan dirixentes con traxectoria nesa cámara, caso do lucense José Manuel Barreiro, con outros procedentes do mundo local, aínda que con traxectorias diverxentes. Así, por exemplo, nas candidaturas pola Coruña á Cámara Alta destacan Rosa Gallego, referente na oposición municipal no Concello da Coruña nos últimos dous mandatos tras as dimisións dos cabezas de lista, ou Manuel Ruiz Rivas, alcalde de Ribeira dende 2011, quen previsiblemente perderá o bastón de mando o vindeiro 7 de xullo, na constitución da nova corporación, polo pacto que dará a alcaldía ao BNG. Mentres, en Pontevedra ou Ourense, inclúen nas candidaturas a cargos que obtiveron bos resultados nas municipais, caso de Luis Menor, José Crespo ou Nidia Arévalo.
O BNG busca o "salto adiante"
Tras a lexislatura do seu retorno ao Congreso cun único deputado, Néstor Rego, o BNG confeccionou as súas listas á Cámara Alta coa intención declarada de lograr un "grupo galego forte" e aspiracións de, no mellor dos escenarios para os seus intereses, lograr o que sería todo un fito histórico para a formación soberanista: obter representación polas catro circunscricións galegas. Ese "salto adiante", mantén Ana Pontón, é perfectamente posible.
Na provincia da Coruña o Bloque repite co seu actual deputado, Néstor Rego e tamén recunca como cabeza de cartel en Pontevedra a edil pontevedresa Carme da Silva. En Lugo e Ourense o BNG opta por perfís máis mozos nas persoas do mariñao Daniel Castro, actualmente deputado máis novo do Parlamento galego, e mais pola tamén deputada Noa Presas, que xa concorrera ao Congreso dando a formación frontista se presentara ás xerais como Nós-Candidatura Galega.
Nas candidaturas ao Senado tamén se distinguen, no caso do BNG, nomes procedentes do ámbito municipal. É o caso da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e do ex-alcalde de Castrelo de Miño, por Ourense, ou da ex-alcaldesa de Melide Socorro Cea pola Coruña. O mesmo sucede en Lugo con Montserrat Porteiro, edil do goberno de Barreiros. Introducen, asemade, perfís alleos á política institucional activa, caso do crítico literario Ramón Nicolás en Pontevedra.
Marta Lois, referente de Sumar no seu debut galego
Alén das tres actuais grandes forzas políticas en Galicia, nas candidaturas ao 23X polas circunscricións galegas destaca tamén o debut de Sumar. A formación que encabeza Yolanda Díaz aspira nestes comicios a, cando menos, herdar a representación obtida por En Común - Unidas Podemos hai catro anos, cando lograran senllos escanos pola Coruña e Pontevedra para Antón Gómez-Reino e a propia Díaz, respectivamente.
Nesta estrea da plataforma baixo a denominación Sumar Galicia a súa principal referente é Marta Lois, ex-concelleira de Compostela Aberta e dirixente con estreita relación política con Díaz, con quen traballou na posta en marcha de Sumar e que ten agora encomendado o número un pola Coruña. En Pontevedra, a outra circunscrición a priori con máis posibilidades para esta formación, a cabeza de cartel é para Verónica Martínez Barbero, ata agora directora xeral de Traballo do Ministerio que dirixe Díaz.
No caso das candidaturas de Sumar Galicia ao Senado o nome máis destacado é o da escritora Marilar Aleixandre na provincia da Coruña. Tamén destacan nomes procedentes do mundo sindical, como Xosé Manuel Sánchez Aguión, ex-secretario xeral de CC.OO. en Galicia, ou outro histórico de Comisións, Roberto Alonos Ucha, pola circunscrición pontevedresa.