Doce mulleres e once homes compoñen a nova representación galega no Congreso

Sesión constitutiva do Congreso tras as eleccións xerais do 28A © Congreso dos Deputados

Doce mulleres e once homes representarán as circunscricións galegas no Congreso dos Deputados elixido este 10 de novembro. A presenza feminina é menor que tras o 28A, cando as deputadas galegas chegaron a ser quince, pero segue a ser maioritaria por terceira elección consecutiva.

A redución da presenza de mulleres no Congreso débese a tres mudanzas. O segundo escano do PSdeG en Lugo era o 28A para Sonsoles López e desta volta esa posición ocupouna Javier Cerqueiro. Ademais, en Pontevedra o posto que ocupaba Beatriz Pino por Ciudadanos corresponde desta volta para Javier Bas, do PP. Na Coruña, o escano que lograra C's o 28A para Marta Rivera logrouno nesta ocasión o BNG, con Néstor Rego.

Catro caras novas

Alén do feito de que o PP volva ser primeira forza política en votos, superando en algo menos de sete décimas ao PSdeG no conxunto e Galicia, na representación galega no Congreso hai só catro novidades con relación a abril. Pola banda dos conservadores a única que non recunca é Ana Pastor, agora deputada por Madrid. O seu lugar ocupouno a alcaldesa de Marín, María Ramallo, nova deputada por Pontevedra xunto con Diego Gago e o devandito Javier Bas, que perdeu a alcaldía de Redondela o pasado maio.

Pola banda socialista recuncan nove das dez persoas elixidas para representar as circunscricións galegas hai medio ano. A única mudanza é a do mencionado Javier Cerqueiro como número dous por Lugo. A delegación do PSdeG segue a ser, así e todo, maioritariamente feminina, con seis mulleres e catro homes.

Representación electa no Congreso polas circunscricións galegas nas xerais do 10N CC-BY-NC-SA Praza Pública

Por parte de En Común-Unidas Podemos a sua representación mantense malia retrocederen algo menos de dous puntos con relación a abril. Antón Gómez-Reino volve ser deputado pola Coruña e Yolanda Díaz volve ter escano por Pontevedra. O BNG regresa á Cámara Baixa con Néstor Rego, o seu cabeza de lista pola Coruña, que na pasada década ocupara responsabilidades no goberno do Concello de Santiago.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.