Marina Ortega repite como cabeza de lista do PSdeG por Ourense para as xerais deste vindeiro domingo. Convencida de que a participación volverá ser importante, prefire non falar aínda de posibles acordos tras uns comicios nos que ve o PSOE como única opción para garantir "un goberno estable e de sentido común". E advirte dun novo ciclo político en Galicia tras o 28A, que cre que foi "unha labazada da cidadanía aos recortes en Galicia, un toque de atención á dereita, que leva anos estancada".
Nota ese cansazo na cidadanía tras as múltiples convocatorias electorais dos últimos anos?
A xente está cada vez máis motivada, con ganas de ir votar. O feito de que transcedese esa suposta trama desde o PP que impulsaba a desmobilización da esquerda nas redes sociais tamén foi importante, porque a xente percibiuno como un intento de manipulación e reaccionou.
Pero non cre que haxa unha importante desmobilización, como se temía?
A sensación é moito máis boa con cada día que pasa e eu creo que a participación vai ser importante. O debate do pasado luns deixou ben ás claras o perigo ao que nos enfrontamos coa extrema dereita, que en España ten o agravante de que non vai soa, senón acompañada do principal partido da oposición. O perigo, xa que logo, é real porque xa vimos noutras administracións como o PP impulsou institucionalmente a Vox, como foi o seu padriño no seu bautismo institucional, o responsable de que estean en perigo moitos dos dereitos conseguidos.
"A xente decatouse de que o perigo da extrema dereita é real porque ademais vai da man do PP, que foi quen impulsou a Vox nas institucións"
Preocúpalle o posible ascenso da extrema dereita?
Os populares levan da man a Vox e iso preocúpanos moito. No debate viuse perfectamente como Pablo Casado se agochaba ante o marco imposto por Abascal e como o único candidato solvente era Pedro Sánchez, o único que ante os ataques disparou propostas.
O certo é que a ultradereita lanzou moitas ideas baseadas en mentiras e falsidades, non foi un erro non contrarrestar ese perigoso discurso?
Cando os argumentos saen do marco contitucional e democrático, dos dereitos construídos por todas e todos, non debemos entrar en bucle coa extrema dereita. Creo que Pedro Sánchez fixo o correcto.
En todo caso, o debate non aclarou nada o panorama futuro. O bloqueo no Congreso parece infinito...
As únicas enquisas que valen son as das urnas. O PSOE sae a gañar, a obter un bo resultado para que avance a cidadanía. Eu represento a Ourense, provincia que foi durante anos e desde diferentes administracións gobernada polo PP, e lideramos ránking de despoboación, de salarios e pensións baixas... En só oito meses de goberno socialista, melloramos a pensións e a vida de 108.000 ourensáns, elevamos o salario de moitas persoas que non chegaban a fin de mes, recuperamos a sanidade universal, aumentou o investimento en infraestruturas... Moitas cousas que repercutiron na vida das persoas.
"Podémonos erguer o día de mañá sen dereitos consolidados, sen dereitos que só saberemos o que valen cando os perdamos"
Pero parece claro que non haberá maiorías e será necesario pactar, que agarda desas lóxicas negociacións?
O importante agora mesmo é que se mobilice a xente, que se decate da importancia dunhas eleccións ante a irrupción da extrema dereita da man do PP. Podémos erguer o día de mañá sen dereitos consolidados, sen dereitos que só saberemos o que valen cando os perdamos. Estámonos xogando as políticas a medio e longo prazo en temas tan importantes como a industrialización, o reto demográfico...
E despois das eleccións, que?
Agora debemos focalizar a atención no domingo, no que queremos. Se queremos avances ou un retroceso, se queremos políticas contra o cambio climático, pola sanidade pública, a suba das pensións, un esforzo en educación e investigación, máis innovación, reverter o despoboamento... Se queremos todo isto, o voto útil é o voto ao PSOE, o partido que garante un goberno estable e de sentido común.
Daquela, mellor non falar de posibles acordos agora...
Neste momento toca falar de mobilización e de obter os mellores resultados posibles.
Estivo Galicia presente no debate?
Pedro Sánchez anunciou un ministerio específico para tratar o problema de despoboamento, que é especialmente grave en Galicia e na miña provincia, pero tamén a creación dunha vicepresidencia económica forte liderada por Nadia Calviño, unha persoa galega, moi solvente, moi ben valorada a nivel europeo e cunha traxectoria impecable. Eu creo que a cidadanía valora que o Consello de Ministros creado por Pedro Sánchez fose sólido e capacitado. Precisabamos devolver exemplaridade á política e recuperar a dignidade, unha tarefa que nos tocaba despois da sentenza que confirmou e certificou a corrupción do Partido Popular.
O que si parece que volve ao debate electoral sempre é o AVE...
Tivo que saír Adif para explicar que o único parón que houbo foi de tres anos e co goberno do PP logo da metedura de zoca de Feijóo, que insiste nun tema no que se avanzou moito máis desde que hai un goberno socialista no Estado.
Marcan estas xerais o futuro político de Galicia tamén?
Nas últimas eleccións xerais xa houbo un cambio, sobre todo na sociedade galega, que impulsou unha maioría social progresista en Galicia. A xente deulle un toque de atención á dereita, que leva anos estancada a nivel autonómico, cun desgoberno absoluto, e máis concretamente en Ourense. Foi unha labazada da cidadanía aos recortes e á falta de innovación en políticas adaptadas aos novos tempos.
Que cre que sería urxente para Galicia en canto se forme un novo goberno no Estado?
Galicia e Ourense teñen unhas necesidades, na súa maioría, comúns. O reto demográfico é importantísimo, claro está, e precisamos unha discriminación positiva neste ámbito, poñernos no mapa. A de Ourense é unha provincia con moitísimo potencial, cunha riqueza incrible tanto no turismo, como no comercio e na industria, sectores totalmente abandonados polo PP nos últimos anos.
"O resultado das últimas xerais foi unha labazada da cidadanía aos recortes en Galicia, un toque de atención á dereita, que leva anos estancada"
O despoboamento é especialmente duro en Ourense...
Temos que evitar a marcha de talentos novos de Galicia; non podemos permitir que a xeración mellor formada teña que emigrar por falta de oportunidades. O goberno do PSOE cre nesa mocidade, nese talento e temos que implantar medidas para que poida regresar, como o Plan Retorno. Pero para iso tamén precisamos unha política de vivenda xusta, investir en educación e nun Estado de Benestar que garanta un futuro para todos. Tamén mellores infraestruturas, e aí o Executivo de Sánchez xa traballou para que moitos proxectos saísen adiante. O certo é que, en definitiva, a provincia de Ourense e Galicia precisan dun impulso.