A das enfermeiras eventuais é unha das mobilizacións do persoal do Servizo Galego de Saúde que maior impacto acadou nos últimos meses en Galicia. Dende que, o pasado maio, aproveitaron a celebración das oposicións do seu sector no recinto feiral en Silleda para faceren unha primeira demostración de fortaleza da súa reivindicación contra a precariedade laboral, lograron incorporar á axenda pública a súa problemática tanto pola vía da mobilización como mediante a realización de estudos que poñen cifras ás súas denuncias.
O líder do PSdeG subliña que, especialmente dende a reforma sanitaria, a veciñanza da Mariña "sabe que para as operacións máis complexas e para ter todas as prestacións sanitarias ten que desprazarse a outras zonas"
O colectivo tamén mantivo nestes meses diversos encontros á procura de alianzas. "Non podemos seguir así", advirten, e para iso xuntáronse con colectivos profesionais, pero tamén coas forzas políticas da oposición galega. Así o fixeron este mércores co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que durante unha visita á Mariña no marcos de precampaña do partido cara ao 10N, sinalou a situación destas profesionais como mostra da "precarización sanitaria de Feijóo" na comarca.
"Queremos a sanidade que merecemos na segunda década do século XXI", afirma o socialista, e esa non é a dos "recortes, falta de orzamento e mala xestión" que comarcas como a da Mariña padeceron nestes anos, afirma. A veciñanza mariñá "sabe que para as operacións máis complexas e para ter todas as prestacións sanitarias ten que desprazarse a outras zonas", especialmente dende a reforma sanitaria, subliña Caballero. Alí, censura, "A dotación de ambulancias é exigua e eliminouse o técnico da ambulancia medicalizada".
"Pedimos á Xunta que rectifique, que faga unha dotación óptima de recursos para a sanidade pública na Mariña, volvendo poñer o técnico e dando dotación suficiente en ambulancias" para o conxunto do país, reclamou en compaña de María José Franco, voceira das Enfermeiras en Loita na comarca.
Durante a xuntanza, subliñou, expuxo ao líder socialista e aos integrantes da lista encabezada por Ana Prieto, número un por Lugo, que "temos que estar doce anos traballando para conseguir unha praza". Ademais, en clave estatal, reclamou a fin "da taxa de reposición", para que o Sergas poida incorporar máis efecivos. "É moi duro vivir esta situación"; lamenta.
A situación de Alcoa en San Cirao
Caballero insta a contrastar os "38 millóns de euros" do Goberno de España a esta industria coa "campaña de demagoxia e falsidade continua" que atribúe a Feijóo
Alén da situación da sanidade pública, a axenda da visita de Caballero á Mariña incluíu tamén, en compaña con alcaldes da comarca, a situación de Alcoa en San Cibrao. Neste sentido, o líder socialista chama a contrastar a actuación do Goberno de España fronte á crise industrial coa "campaña de demagoxia e falsidade continua" que atribúe a Feijóo. "En vez de axudar a que haxa solucións, convértese en parte do problema", censura.
Neste sentido, o secretario xeral do PSdeG insta a ter en conta os "38 millóns de euros" asignados recentemente polo Executivo de Pedro Sánchez á compañía alumineira entre as compensacións polos custes de emisións de CO2 á atmosfera e as poxas de ininterrumpibilidade eléctrica. "A mellor garantía para o apoio a este sector é un goberno socialista presidido por Pedro Sánchez", afirma Caballero, que nas últimas semanas veu afirmando que un novo Executivo de Sánchez aprobará o prometido estatuto electrointensivo.