A ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Reyes Maroto, lembrou este martes o “compromiso” que o Goberno de Pedro Sánchez mantén de aprobar o estatuto para a industria electrointensiva así que se conforme o Executivo logo das eleccións do vindeiro 10 de novembro.
"Comprometémonos a aprobar o estatuto electrointensivo nada máis se conforme o Goberno, polo que esperamos contar coa confianza dos españois”, asegurou ante a prensa tras participar xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ao complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, ameazada tamén pola incerteza do mercado e as dúbidas da multinacional.
Maroto insistiu en aprobar o estatuto electrointensivo en canto haxa novo goberno e culpou de non telo aínda ao adianteo electoral e ao "bloqueo político"
Maroto insistiu en que o Goberno central puxo na axenda a necesidade dun “marco estable” para a industria electrointensiva pero que non se puido levar a cabo polo adianto electoral a abril e o “posterior bloqueo político”.
Ademais, a ministra avanzoulles aos traballadores que o Consello de Ministros aprobará os pagamentos por CO2 a vindeira semana, aínda que o comité de empresa advirte de que continuará coas mobilizacións ao entender que a solución ao conflito está moi lonxe "de estar garantida".
Ao pouco de facer estas declaracións, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, cargou contra a ministra por "acudir a Galicia sen ningún tipo de proposta nin concreción" para a crise industrial tanto na planta de Alcoa en San Cibrao como na térmica das Pontes.
Na súa comparecencia no pleno do Parlamento galego, Conde criticou que a ministra "negue" a información sobre o borrador do estatuto pendente de aprobación para a industria electrointensiva, polo que reclama que "traslade" ese texto. Ademais, culpou do "caos enerxético" ao Executivo de Sánchez e dixo que "está a arrastrar toda a industria" de Galicia.
O conselleiro de Economía cargou contra a ministra por "acudir a Galicia sen ningún tipo de proposta nin concreción" para a crise industrial
A comparecencia tivo lugar pola situación da térmica das Pontes e Conde aproveitou para dicir que a reunión da pasada semana en Madrid "non cumpriu nin de lonxe as expectativas", cun Goberno "sen ideas e sen planificación", xa que "non ten nestes momentos ningunha alternativa viable que garanta" a continuidade industrial e traballo. ao tempo, advertiu de que non é viable substituír actualmente o carbón pola biomasa.
Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo, tamén tras a súa visita a Alcoa xunto á ministra, lembrou que o persoal "non está en funcións" e reclamou medidas "con independencia do Goberno que estea en Madrid".
"É necesario volver aos custos eléctricos que había antes do ano 2018, ese é o obxectivo; se non o conseguimos, seguirá habendo tensións", di Feijóo
O presidente da Xunta reclama "enviar unha mensaxe de estabilidade" aos traballadores. "É necesario volver aos custos eléctricos que había antes do ano 2018, ese é o obxectivo; se non o conseguimos, seguirá habendo tensións", dixo tras lamentar a "situación comprometida" na que está a compañía. "Galicia non está en funcións e os traballadores tampouco, sexa cal for o resultado electoral, a posición da Xunta vai ser a mesma", advertiu.
"Estamos preocupados, e temos que pasar da preocupación á ocupación. Dese estatuto, canto máis coñezamos o seu contido e alcance, máis poderemos mandar unha mensaxe de confianza", rematou tras queixarse, como o conselleiro Conde, de non ter acceso ao documento.