Traballadores de Alcoa, sindicalistas e varios deputados e ex-deputados galegos terán que declarar en calidade de investigados ante unha xuíza de instrución de Madrid acusados dun suposto delito de "atentado contra a autoridade" durante os disturbios acontecidos na protesta do pasado 28 de marzo diante do Congreso dos Deputados ante a ameaza de peche que pairaba sobre as factorías de aluminio da Coruña e Avilés.
Yolanda Díaz, Gómez-Reino, Ángela Rodríguez, o presidente do comité de Alcoa na Coruña e o sindicalista Víctor Ledo son algúns dos investigados
Os daquela deputados de En Marea e actuais de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz; a ex-deputada Ángela Rodríguez; o presidente do comité de empresa da antiga Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho; e o secretario xeral da Federación de Industria de CCOO-Galicia, Víctor Ledo, son algunhas das persoas denunciadas pola policía que terán que sentar no banco dos acusados tras unha protesta que rematou con cargas por parte das forzas de seguridade.
Dous traballadores da antiga Alcoa na Coruña afiliados a CCOO --un deles detido e liberado ás poucas horas naquela xornada--, un avogado e o parlamentario de Unidas Podemos, Rafa Mayoral, son as outras tres persoas que figuran entre os nove investigados pola titular do xulgado número 25 de Madrid, Raquel Robles.
A daquela mañá foi unha mobilización tensa á que acudiu persoal da fábrica da Coruña, da de Avilés, da de San Cibrao ou da empresa Ferroatlántica para se manifestar ante o Congreso dos Deputados.
A ruptura, sobre o mediodía, do cordón policial habilitado provocou empurróns e enfrontamentos entre policías e traballadores, pero tamén con varios deputados –entre eles Díaz, Gómez-Reino ou Rodríguez– que saíran da Cámara a apoiar as demandas e para "mediar", tal e como aseguraran daquela. Os axentes inmobilizaron no chan varias persoas e unha delas, operario da planta da Coruña, fora detido e trasladado a unha comisaría próxima, da que fora liberado arredor das tres da tarde.
Varios axentes acusan os investigados de empurralos, impedir a detención de persoas, romper o cordón policial ou arengar manifestantes
Os axentes, ao abeiro da lei mordaza, acusan a varios dos agora investigados de empurralos, de impedir a detención de persoas, de romper o valado policial ou de arengar os manifestantes para que sobrepasasen o cordón, tal e como recolle o atestado policial na que a xuíza basea a súa investigación e á que tivo acceso Praza.gal.
Nel, cinco policias manifestan ter sido feridos e inclúen informes médicos que falan de contusións sen secuelas nin días de impedimento e asistencia facultativa sen tratamento. Tamén advirten de agresións con puñadas, patadas e mástiles de bandeiras e lanzamento de obxectos por parte de traballadores, e achéganse vídeos que fontes do grupo confederal cren que "ratificarían o contrario do que alí se pon". Describen, ademais, unha "actitude moi violenta" e mesmo danos nunhas motocicletas alí aparcadas.
Fora aquela unha protesta tensa de persoal angustiado ao agardar por unha solución que non chegaba e acabou chegando algunhas semanas despois. "Somos obreiros, non ultras", "ministra Maroto, non nos vendas a moto" ou "onde está o estatuto" foran algunhas das consignas berradas por manifestantes chegados da comarca da Coruña e da Mariña, así como de Asturias
Axentes chegaron a encararse con Gómez-Reino, que amosou a súa credencial de deputado, e Díaz denunciou despois ter sufrido un golpe por parte da policía. A deputada galega censurara daquela o Goberno socialista porque, segundo dixo, "deu instruccións para que aquí nos golpeen". "Son traballadores e non delincuentes", dixera tamén tras pedir respecto á súa protesta.
Segundo o atestado ao que tivo acceso este diario, a policía decidiu non deter daquela os parlamentarios pola súa condición de "autoridade" como representantes públicos no Congreso.
Meses despois, a titular do xulgado, Raquel Robles, notificou a condición de investigados aos deputados malia que están aforados ante o Tribunal Supremo. Fontes xurídicas indican que, ás veces, os xuíces optan por chamar a declarar os parlametnarios para iniciar os trámites que confirmen o seu aforamento. Nese caso, alegan que o tribunal non é competenten e o xuíz confirma co Congreso que son aforados, polo que sería o instrutor o encargado de elevar o caso ao Supremo ou avanzar na investigación e pospor ese trámite.
A xuíza notificou aos deputados a condición de investigados malia que están aforados ante o Tribunal Supremo
Fontes do grupo confederal de Unidas Podemos, no que se inclúe Galicia en Común, aseguran que a actuación desta xuíza é contraria a dereito porque tería que ter requirido a información ao Congreso e solicitar o suplicatorio. Raquel Robles foi non hai moito protagonista de portadas logo dunha polémica decisión: remitir a un xulgado de violencia de xénero o caso dun home que axudou a súa muller, enferma terminal de esclerose múltiple, a morrer.
Aquela mobilización do pasado mes de marzo, levada a cabo en Madrid, tiña como propósito chamar a atención do Goberno cetnral e presionalo para que actuase axiña e dunha vez con medidas que impedisen o peche definitivo das plantas de Alcoa o 30 de xuño, data límite marcada para atopar novos investidores e que foi logo ampliada un mes máis. O persoal reclamaba a aprobación dunha tarifa enerxética estable e melloras no proxecto do Estatuto de Consumidores Electrointensivos, que consideran insuficiente.
Finalmente, no último día do pasado mes de xullo Alcoa anunciaba a venda das plantas da Coruña e Avilés ao fondo suizo Parter Capital, un acordo que inclúe o compromiso do mantemento do 100% dos empregos durante dous anos e que evita a execución do despedimento colectivo que podería ter sido aplicado a partir de mañá.