A paciencia esgótase e a tensión aumenta. Un traballador da planta de Alcoa da Coruña foi detido na mañá deste venres en Madrid durante a mobilización que persoal desa fábrica, da de Avilés, da de San Cibraou ou da empresa Ferroatlántica mantiñan ante o Congreso dos Deputados.
A policía detivo un traballador e enfrontouse a varios deputados galegos que foron apoiar a mobilización do persoal de Alcoa
A ruptura, sobre o mediodía, do cordón policial habilitado provocou empurróns e enfrontamentos entre policías e traballadores, pero tamén con varios deputados –entre eles os galegos Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino ou Ángela Rodríguez– que saíran da Cámara a apoiar as súas demandas. Os axentes inmobilizaron no chan varias persoas e unha delas, operario da planta da Coruña, foi detido e trasladado a unha comisaría próxima, da que foi liberado arredor das tres da tarde.
Foi unha protesta tensa de persoal que se di farto de agardar por unha solución que non chega. "Somos obreiros, non ultras", "ministra Maroto, non nos vendas a moto" ou "onde está o estatuto" foron algunha das consignas berradas por manifestantes chegados da comarca da Coruña e da Mariña, así como de Asturias.
Axentes da policía chegaron a encararse con Gómez-Reino e Díaz denunciou despois ter sufrido un golpe por parte da policía. “Nin os traballadores de Alcoa nin os deputados merecen este trato. A miña solidariedade e o meu apoio para quen esixe solucións e recibe paus a cambio. Sodes un exemplo de loita e de coraxe, estamos con vós. Esperamos que o Goberno pida desculpas e asuma responsabilidades”, denunciou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nas redes sociais.
A mobilización levada a cabo en Madrid tiña como propósito chamar a atención do Goberno cetnral e presional para que actúe axiña e dunha vez con medidas que impidan o peche definitivo das plantas o 30 de xuño, data límite marcada para atopar novos investidores. O persoal reclama que se aprobe unha tarifa enerxética estable e melloras no proxecto do Estatuto de Consumidores Electrointensivos, que consideran insuficiente e ao que xa teñen presentado alegacións sindicatos, varias formacións políticas e a propia Xunta.
Ademais, representantes do persoal de Alcoa mantiveron reunións cos grupos parlamentarios, coa presidenta do Congreso, Ana Pastor, e co secretario xeral de Industria, Raúl Blanco. Foi el, precisamente, quen confirmou que o Executivo central aprobará este venres 92 millóns para compensar os custos de CO2 das electrointensivas. A contía, considerada insuficiente polas empresas e os traballadores, jpodería incrementarse, como aclara o Goberno, coa aprobación dos vindeiros Orzamentos Xerais do Estado.
O Goberno aprobará este venres 91 millóns para compensar os custos de CO2 das electrointensivas
É unha forma, di Blanco, de “facer viable” a produción en Alcoa ou dos “proxectos que poden vir” a través de novos investimentos. O director xeral de Industria transmitiu ao persoal “o pleno compromiso do Goberno” que se “traduce no estatuto” e nesas novas axudas de máis de 90 millóns.