A ministra de Industria e Turismo, Reyes Maroto, asegurou este martes sobre Alcoa que o estatuto da industria electrointensiva "vai permitir chegar ao 30 de xuño cunha garantía dun investidor", tras advertir de que "é niso" no que está "agora traballando" o Goberno central, que publicou este luns o proxecto deste plan co que pretende salvar as plantas que a multinacional do aluminio pretende pechar na Coruña e en Avilés.
Maroto, a preguntas dos xornalistas antes de participar nun encontro organizado pola Cadena SER, lembrou que hai actualmente unha mesa de seguimento, que precisamente se reuniu o pasado luns e na que estiveron o Goberno central, o comité de empresa e as dúas autonomías afectadas.
Reyes Maroto asegura que o estatuto da industria electrointensiva "vai permitir chegar ao 30 de xuño cunha garantía dun investidor" para as plantas de Alcoa
Malia a confianza do Executivo central, a resposta de Alcoa non foi nada entusiasta. Todo o contrario. Anuncia que presentará alegacións ao borrador sobre a industria electrointensiva por consideralo "insuficiente e incerto" para o sector do aluminio e advirte de que pon en risco tamén a planta de San Cibrao en Lugo, a única que pensaba manter aberta no Estado, cuns 1.100 empregos directos e uns 700 nas auxiliares e un impacto económico que representa máis do 30% do PIB da provincia de Lugo.
Como deixan clara fontes da empresa, o proxecto do Goberno central non é solución para a sustentabilidade da industria do aluminio primario porque mantería un diferencial aínda importante no custo da enerxía con respecto a outros países competidores. E tampouco lle chegan outras medidas anunciadas por inceretas, como a da compensación polos custos indirectos pola emisión de gases contaminantes e que, din, non se garante en ningún caso.
No entanto, a ministra Reyes Maroto asegura que no Executivo non teñen "certeza aínda de que Alcoa tomase unha decisión sobre San Cibrao", advertindo tamén de que na mesa de seguimento "está a abordarse o futuro de Alcoa e o peche das dúas plantas, que é do que temos constancia".
Alcoa ameaza con pechar tamén a planta de San Cibrao, que supón o 30% do PIB da provincia de Lugo e achega 1.100 empregos indirectos e 500 nas auxiliares
Para a ministra, o estatuto da industria electrointensiva "dá unha seguridade Alcoa sobre o prezo da enerxía", lembrando que iso "era un instrumento que Alcoa pedía tamén para poder debuxar ese necesario investimento que ten que facer outra empresa para a compra".
Pero a Alcoa tampouco lle chega e asegura que as medidas propostas polo Goberno central tamén dificultarían a venda das plantas de Avilés e da Coruña, ademais de poñer en risco a viabilidade da de alúmina-aluminio na Mariña lucense.
É por todo isto polo que a multinacional estadounidense xa avanzou que presentará alegacións no intento de que o marco enerxético no Estado garanta custos competitivos e con certeza e semellantes a outros países achegados, algo que non cre que se produza co plan proposto.