"Son o número 13.303. Chámome David Muíño. Traballo no departamento eléctrico, levo tres anos e espero seguir". "Para Alcoa son o número 12.545, pero non son un número, son José Ramón e traballo no departamento de mantemento dende hai dez anos". "Para Alcoa son o número 4.936, pero chámome Nieves Barreiro, traballo no departamento de compras e levo 41 anos na empresa".
A peza audiovisual foi gravada no marco da iniciativa 'Tribuna Pública'
Son algúns dos testemuños que é posible escoitar n'Os rostros de Alcoa, unha peza documental de 20 minutos gravada o pasado febreiro no espazo Tribuna Pública, a iniciativa impulsada dende o Concello da Coruña para acoller diversos debates sobre o futuro da cidade na praza contigua á vella Fábrica de Tabacos, actual nova sede xudicial. O pasado febreiro persoal da factoría de aluminio, en plena loita contra o seu peche, foi convidado a amosar deste xeito que por tras dos "números" da empresa hai centos de persoas, de familias e un anaco da historia da cidade.
Tratábase de "poñer cara a unha problemática laboral colectiva" e enfocar "a parte humana do conflito laboral", sinalan
Tratábase de "poñer cara a unha problemática laboral colectiva" e enfocar a "parte humana do conflito laboral". Así o fixeron e así fica reflectido nesta peza audiovisual do realizador Juan Lesta, inspirada tamén dalgún xeito, din, pola propia historia do lugar no que foi gravada. Non en van, lembran, a antiga Fábrica de Tabacos foi en 1857 escenario dunha das máis históricas reivindicacións laborais da cidade, a folga das cigarreiras, a primeira folga de mulleres da que se ten constancia en Galicia.
O coordinador de Tribuna Pública, Juan de Nieves, entregou este sábado ao persoal o resultado audiovisual dos seus testemuños. Esta iniciativa "social e cultural", concibida para "unha reflexión activa sobre os terreos portuarios e o futuro da Coruña", lembran, "non pode ser allea ás reivindicacións" do persoal de Alcoa "na defensa do emprego e do mantemento da actividade industrial da factoría", sinalan dende Tribuna Pública sobre o filme, que remata entre berros de "peche non, enerxía solución".