O Goberno central di ter xa ofertas para Alcoa e a punto o estatuto de electrointensivas

Xuntanza dos traballadores de Alcoa coa ministra de Industria © Ministerio de Industria

A ministra de Industria, Reyes Maroto, asegurou este martes na Coruña que hai xa varios investidores interesados na compra da planta de Alcoa da Coruña, ameazada co peche definitivo e con cinco meses de marxe para buscar compradores. Segundo dixo, hai "distintos perfís" de ofertas, entre as que se inclúen "investidores españois e fondos de investimento", que se están a avaliar. 

Logo dunha xuntanza co delegado do Goberno central, Javier Losada, e con representantes do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Reyes Maroto dixo estar confiada en "ter axiña" un investidor "que dea garantías de continuidade", aínda que evitou dar máis detalles á espera dos resultados das reunións da mesa de seguimento que se xuntou tamén este martes coa presenza de representantes do Ministerio, a Xunta, o Principado e dos traballadores. 

A ministra de Industria di que hai varias ofertas que o Goberno central xa avalía: "Investidores españois e fondos de investimento"

"Xogouse o partido de ida e agora hai que xogar a volta", dixo Maroto sobre a situación das plantas de Alcoa tras o acordo coa empresa para buscar un investidor antes do vindeiro 1 de xullo. Ademais, a ministra anunciou que o Goberno levará ao Congreso "en dous meses ou menos" o Estatuto do Consumidor Electrointensivo. 

Esa medida, xunto ao contrato-remuda do que se podería beneficiar un futuro investidor e a "alta calidade" do aluminio que se produce nas dúas instalacións serán as claves, segundo Maroto, para achar unha solución que dea "certeza e calidade a medio e longo prazo". 

Precisamente, e despois da mesa de seguimento en Madrid, a Xunta reclamou ao Executivo central un borrador dese Estatuto do Consumidor Electrointensivo no que traballa para traballar en paralelo ao período de consulta pública aberto do proxecto do real decreto e poder así incluír propostas para Galicia. 

A ministra de Industria, Reyes Maroto, conversa con traballadores de Alcoa na Coruña © Ministerio de Industria

Ademais, Miguel Conde, membro do comité de empresa de Alcoa na Coruña, volveu a pedir ao Goberno central "compromiso para buscar unha solución" e confirmou que neste martes comezou o proceso para a paralización da actividade en 50 cubas electrolíticas na fábrica, "o corazón da planta"

Para os traballadores, segundo dixo, é "un trauma" que se paralice esta parte da produción, aínda que aclarou que o persoal farao "nas mellores condicións para poder volver arrincalas" se aparecese un investidor.

Por outra banda, Reyes Maroto tamén se reuniu co comité da planta de Isowat na Coruña. A ministra de Industria aclarou que, despois dunha primeira oferta "que non responde ao que necesita a fábrica", traballarase coa Xunta, o comité e o administrador concursal para buscar "novas ofertas". "O noso compromiso é acompañar na resolución desta crise", rematou, lembrando que a planta é "rendible".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.