Alcoa: a loita "urxente e inmediata" por un problema enerxético "de fondo"

Instalacións de Alcoa na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Na entrada da factoría que Alcoa ten na Coruña, o ruído permanente que vén do interior mestúrase agora co da motoserra que corta madeira para alimentar o lume nas barricadas ou o das bucinas dos coches que apoian ao seu paso. Ao pé da porta, traballadores da empresa aproveitan os seus descansos ou xornadas libres nas quendas coas que manteñen a mobilización permanente que impide a saída de material. Dentro, a produción mantense as 24 horas, coma sempre, con cubas de metal a 900 graos e unha temperatura ambiental de entre 50 e 60.

"A media de idade do cadro de persoal non debe chegar nin aos 40 anos"

"O traballo é duro e as condicións físicas teñen que ser boas. A media de idade do cadro de persoal non debe chegar nin aos 40 anos; foise renovando e fixéronse moitos contratos de remuda nos últimos anos", explica Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa, na carpa provisional montada na entrada. Alí uns preparan café, algúns conversan e outros descansan. Todos mostran a súa preocupación tras o anuncio de peche que deixaría na rúa 369 traballadores, pero tamén azos e unión. "Temos forza; eu non penso en que imos perder, senón en que imos gañar", engade quen reclama que se retire xa o expediente de extinción que hai enriba da mesa para establecer unha mesa de diálogo. 

Mobilización de persoal de Alcoa na Coruña Dominio Público @TraballadoAlcoa

 López Corbacho, presidente do comité de empresa, advirte da loita "urxente" por salvar a planta pero tamén do problema enerxético "de fondo"

As medidas de protesta seguen a diario, pero a produción tamén. "Somos os primeiros interesados en que continúe, por iso pedimos que se nos garantan o fluxo de enerxía e as materias primas necesarias; isto non é un taller... Parar para despois reiniciar a actividade suporía un custo altísimo e esa parada técnica sería a escusa definitiva para Alcoa", explica López Corbacho. Segundo insiste, é precisamente "unha escusa" o que a multinacional busca para botar o fecho á factoría. Os seus argumentos son o da escasa competitividade desta planta e da de Avilés por diversas causas, fundamentalmente polo elevado prezo da enerxía e a suba no importe da alúmina, e mesmo por problemas estruturais e de eficiencia. 

López Corbacho advirte da loita "urxente e inmediata" por salvar a planta e os centos de empregos directos e indirectos, pero insiste no problema "de fondo" enerxético, retruca os argumentos da compañía e teima no chamado ás administracións, ás que pide "vontade política" de vez para ir á cerna do problema e non quedar en "parches". 

"A planta que Alcoa ten en Noruega é como a nosa", explica, pero moito máis rendible. Por que? O presidente do comité de empresa pon un exemplo ilustrativo. "Se puidésemos levar unha mangueira desde aquí e conectala á corrente eléctrica da factoría norueguesa para traela aquí, seríamos máis eficientes ca eles... E non o dicimos nós, dio a propia empresa", explica. A diferenza é a enerxía. 

En Noruega, industrias electrointensivas como Alcoa asinan contratos bilaterais con parques eólicos; en Francia, o Estado vincula a enerxía máis barata a estas empresas

No país nórdico, segundo explica, as grandes firmas electrointensivas traballan con contratos bilaterais con empresas enerxéticas. No caso de Alcoa, asinou un de 15 anos cunha explotación eólica a un prezo duns 30 euros o megavatio hora. Un marco estable e beneficioso para ambas partes, tal e como reclaman do Estado. En Francia, o Goberno vincula a enerxía nuclear, a máis barata, a este tipo de industria, que non entra no sistema xeral ou faino de maneira residual. A tarifa rolda, a tal hora, os 27 euros o MW hora. Na planta da Coruña, descontadas xa as axudas pola interrompibilidade, a factura elévase aos 72 euros MW hora ao 70% da produción, uns 6,7 millóns de euros de luz pagados no mes de setembro. 

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa CC-BY-SA Praza Pública

Galicia é potencia eólica, está ateigada de encoros e ten excedente en produción de enerxía. "Por que aquí non se busca un sistema novo? Por que aquí non se fan contratos bilaterais? Non hai interese das empresas eólicas? Non hai ningunha que non quixese para ela un contrato estable e rendible cunha empresa electrointensiva a 15 ou 20 anos? De verdade non compensaría?". Todas estas preguntas saen de golpe dun representante que pide a administracións e compañías "falar claro".

Alcoa paga en Noruega uns 30 euros o megavatio hora fronte aos 72 que está a pagar a planta da Coruña a tal hora

El faino. "Aquí o negocio dun ben de primeira necesidade está en catro grandes elécricas que, ademais, basean todas as compensacións que reciben nun suposto déficit tarifario, nunha gran mentira", explica, alén de advertir de que é nesas empresas onde está "o gran poder". "O prezo da enerxía no mercado fíxase dunha maneira vergoñenta e alguén terá que poñer freo a isto, pero non quero chegar tarde porque podemos quedar sen planta e sen centos de empregos", advirte. E lanza outra cuestión: "Acaso é casualidade que Alcoa elixise Galicia?"

"Aquí a enerxía éralles rendible,  había moitos encoros, riqueza enerxética... Non se instalaron aquí por casualidade", di. Por iso, insta a Xunta a implicarse. "Ten competencias na materia, pode facer moitas cousas e buscar solucións, pero tamén sabemos o que supón facelo: enfrontarse ao verdadeiro poder no Estado", insiste quen ve en Galicia un lugar ideal para asentar e impulsar unha industria, a do aluminio, na que é punteira. Pero tamén para darlle pulo á enerxía menos contaminante. "Nós, as industrias electrointensivas, somos as que temos que tirar das renovables e impulsalas". 

"Alcoa non se instalou en Galicia por casualidade, aquí había encoros e riqueza enerxética; a Xunta pode facer moitas cousas"

Alcoa, polo momento, nin pensa niso."É unha gran multinacional que se pode gañar un 25% nun lugar non vai gañar un 10% noutro", insiste. Así, lembra que o xigante do aluminio está a apostar por grandes instalacións en países "onde practicamente lle regalan a enerxía" ou lle sae moi barata, como é o caso dunha inmensa planta en Arabia Saudita ou outra en Islandia. 

Por todo isto, López Corbacho quere deixar claro que os traballadores non piden "axudas públicas" senón "unha tarifa estable". Pero tamén valentía ante unha situación da que, de haber solución, poderían saír beneficiados mesmo sectores como o eólico ou na que habería que abordar temas innombrables para moitos poderes públicos. "Non é que o Estado non teña control sobre un sector clave como o enerxético, senón que non ten nin participación en empresas que logo teñen accionistas onde participan Alemaña ou Italia... É surrealista", engade quen aposta pola "regulación" dun ámbito que debería ser "tan estratéxico como a educación ou a sanidade". 

Traballadores de Alcoa no campamento montado á entrada da factoría na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Con todo, o urxente e necesario para o persoal agora é convencer a Alcoa para que retire o ERE de extinción, que abra unha mesa negociación e que se busque unha solución que evite o peche. Non será doado. "Xa non ve España como un lugar produtor e buscan unha escusa para marchar; consideran que o seu ciclo aquí é de 20-25 anos e está rematando", explica quen lembra que o Estado vendeu en 1998 por uns 63.500 millóns das antigas pesetas (uns 381 millóns de euros) todos os complexos industriais do ciclo do aluminio. Quedan catro: os dous da Mariña e os da Coruña e Avilés, ameazados de peche.

"Alcoa xa non ve en España un lugar produtor; aposta por países onde practicamente lle regalan a enerxía"

No caso das factorías coruñesa e asturiana, López Corbacho di ter gravado na memoria o beneficio neto despois de impostos de ambas as dúas compañías entre 1998 e 2014: 1.490 millóns de euros. Agora, alude a unhas perdas duns 40 millóns en cada planta para xustificar o peche pero, como lembran desde o comité de empresa, sen a máxima produción, co prezo da alúmina elevado nos últimos meses e sen os investimentos necesarios. Ademais, o prezo inestable da enerxía, a clave de todo o enguedello. 

Ante a posibilidade de venda, os representantes dos traballadores tamén son escépticos. Malia que ven na planta "a galiña dos ovos de ouro", nada diso será viable sen un marco estable para a factura eléctrica. "Se podes competir con prezos como os de Francia ou Noruega, é máis que rendible, pero se tes que pagar máis do dobre, a onde vas?", conta. 

Mentres, agradece o apoio e advirte doutra perda máis que suporía o peche de Alcoa. "Temos uns salarios decentes, loitados e pelexados; boas condicións a base de mobilización ou de barricadas. Sabemos que hai moitos sectores onde están peor, pero no metal, por exemplo, sempre fomos moi importantes porque eramos unha referencia", remata quen cre que, malia todo, "falta conciencia" na sociedade respecto da problemática da clase traballadora e do cada vez máis agresivo modelo económico. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.