Os ministerios de Industria, Comercio e Turismo e para a Transición Ecolóxica publicaron este luns o proxecto de real decreto polo que se regula o Estatuto dos Consumidores Electrointensivos, unha condición clave que varias factorías en Galicia precisan para garantir a estabilidade enerxética e a perda de competitividade da súa produción e que é imprescindible para que a planta de Alcoa na Coruña poida evitar o peche coa chegada de novos investidores.
Este borrador, por fin publicado tras meses de reclamacións por parte do persoal da propia Alcoa ou Ferroatlántica, inicia xa o trámite de audiencia e información pública para ser publicado definitivamente dous días antes das vindeiras eleccións xerais do 28 de abril.
O proxecto contempla unha exención do 100% nos pagamentos por capacidade e por interrompibilidade das empresas, un aforro duns 40 e 23 millóns respectivamente
Contempla unha exención de até o 100% nos pagamentos por capacidade que fan estas empresas electrointensivas, que terían un impacto positivo duns 40 millóns de euros. Ademais, tamén propón a exención dos pagamentos por interrompibilidade, o que lles suporía un aforro de 23 millóns de euros, un custo que deberá ser asumido polos demais consumidores eléctricos. Supón, neste último caso, unha rebaixa de 81 céntimos o megavatio hora para este tipo de compañías e unha suba de un céntimo megavatio hora no resto de consumidores.
En Galicia, traballadores de Alcoa ou Ferroatlántica afrontaron nos últimos meses ERE e ameazas de peche provocados, en parte e segundo as direccións, polo alto custo enerxético e a ausencia dun marco estable para as súas factorías. Persoal, gobernos municipais e a propia Xunta reclamaron do Executivo estatal un estatuto que permitise manter o emprego industrial de empresas onde a factura eléctrica supón unha alta porcentaxe dos seus custos de produción. É o caso da factoría de aluminio, que ten até o 31 de xuño para aceptar a proposta de investidores que eviten o peche definitivo da planta galega e da asturiana e manteñan unha actividade que dá traballo directo a 369 persoas na Coruña. Sen un marco regulatorio estable, advirte o persoal, ninguén acabará por decidirse.
Lonxe de albiscar un mellor futuro, a planta de San Cibrao, a única coa que Alcoa queda no Estado, advirte dun "perigo de peche"
Pero as primeiras reaccións de Alcoa non foron positivas. Xa non polo futuro das plantas que ten decidido pechar de vez, a coruñesa e a de Avilés, senón de cara ao futuro da de San Cibrao. As medidas non lle chegan e cre que mesmo poñen en risco a viabilidade da planta da Mariña. O propio comité de empresa convocou os alcaldes da comarca para unha xuntanza o vindeiro venres ante o "perigo de peche que corre a factoría diante do elevado prezo da enerxía eléctrica, que lle supón preto dun 40% do custo total na produción de aluminio".
O estatuto marca as obrigas e compromisos que estas compañías electrointensivas (máis de 250 no Estado, unhas 120 delas interrompibles) deben asumir en termos de eficiencia enerxética, emprego, I+D+i ou substitución de fontes contaminantes para poder optar aos mecanismos impulsados para reducir os seus custos enerxéticos.
O borrador do estatuto inclúe tamén unha compensación dos custos indirectos por emisións de gases de efecto invernadoiro cunha partida a cargo dos Orzamentos Xerais de até 100 millóns de euros
Un destes mecanismos é a devandita exención dos pagamentos por capacidade (a tarifa regulada para que as produtoras teñan excedentes de xeración), de até un 100%, para aquelas empresas que ademais sexan interrompibles e poidan desconectar do sistema nun momento de exceso de demanda. E unha rebaixa dun 70% para o resto, o que pode supor en total un impacto de máis de 40 millóns de euros de aforro ao ano. Tamén a exención no pagamento por interrompibilidade aos consumidores que sexan provedores efectivos deste servizo, como Alcoa, e que pode supor un aforro anual de 23 millóns.
Tamén inclúe unha compensación dos custos indirectos por emisións de gases de efecto invernadoiro, cunha cifra de até 100 millóns de euros anuais, unha partida que irá a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado e que se elevaría a uns 76 millóns e que non se descarta que se aumente.
Entre axudas e exencións, o impacto deste estatuto na industria electrointensiva suporían un aforro anual duns 140 millóns de euros.
Ademais, o estatuto tamén supón o fomento da contratación bilateral e a longo prazo, especialmente con xeradores de enerxías renovables non incluídos no réxime retributivo específico.
O Goberno central impulsa contratos estables a dez anos sobre a metade do consumo e fomenta a contratación bilateral a longo prazo con xeradores de enerxías renovables
O Executivo central impulsa ademais con esta medida contratos a dez anos con esta industria para darlle a estabilidade tantas veces requirida na tarifa eléctrica. Estas contratacións serían apilcables sobre o 50% do consumo, garantindo ese importe estable nunha década para a metade da enerxía empregada.
Para que este tipo de empresas de alto consumo poidan aproveitarse destas vantaxes, deberán implantar medidas de mellora de eficiencia enerxética que sexan viables e como mínimo cada catro anos, ademais de manter a actividade produtiva durante polo menos tres anos desde que se lle aplican eses mecanismos. Tamén acreditar, no prazo dun ano, a contratación de polo menos un 10% do seu consumo anual de electricidade a través de instrumentos a prazo e cunha duración de polo menos tres anos. Ademais, deberán dispor dun sistema de xestión da enerxía no prazo de dous anos.