O Goberno central desmente agora que Alcoa vaia quedar fóra da próxima poxa de interrompibilidade e garante que a orde deste mecanismo contempla a posibilidade de aceptar as empresas que desistisen de prestar o servizo no primeiro semestre do ano por razóns excepcionais.
O Ministerio de Industria desmente a Red Eléctrica, que asegurara que as plantas da Coruña e de Avilés non podían presentarse á próxima poxa por non comparecer na última
Deste xeito, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo desmentiu así as palabras do director xeral de Operación de Red Eléctrica, Miguel Duvison, quen asegurara o pasado xoves que as plantas da Coruña e de Avilés, que deben atopar antes de xullo un investidor para non pechar definitivamente, non poderían presentarse dado que xa renunciaran á prestación do servizo. No caso de non poder acceder á devandita poxa, a venda destas factorías sería aínda máis complicada, un atranco que se uniría ao rexeitamento que do proxecto do estatuto para a industria electrointensiva fixo a multinacional, que mesmo ameazou co peche das instalacións de San Cibrao.
Precisamente, e respecto ao posible interese, tanto no caso da Coruña como Avilés, o sindicato CCOO xa anunciou que a dirección da empresa comunicoulles que eran ata oito os investidores interesados en ambas plantas. Segundo informa La Opinión, no caso da factoría galega, unha compañía máis estaría interesada tamén nesa instalación en exclusiva.
Ademais, a Xunta, tal e como comunicou a representantes dos traballadores logo dunha reunión o pasado venres, acordou catro alegacións ao proxecto de estatuto para consumidores electrointensivos co que lle pedirán ao Executivo central “compensacións fiscais” para estas industrias.
Mentres, Alcoa segue a presionar e mesmo sinala a factoría en San Cibrao. O comité de empresa da planta na Mariña xa recolleu o apoio de todos os alcaldes da comarca para loitar contra un posible peche que sería un duro golpe para a economía da zona e para milleiros de familias.