En Marea e BNG presentan alegacións ao contestado proxecto do Estatuto de Consumidores Electrointensivos co que o Goberno central pretende dotar de certeza este sector e favorecer a venda das plantas que Alcoa deixa na Coruña e Avilés e evitar ameazas de peche como as que xa pairan sobre as instalacións de San Cibrao. Tanto En Marea como o Bloque defenden coas emendas unha regulación máis xusta, estabilidade e certeza para as industrias galegas e unha fórmula coa "discriminación" que Galicia sofre por ser tamén un importante produtor enerxético no que perigan milleiros de emprego polos elevados custos eléctricos.
Así, Luís Villares, portavoz de En Marea, defendeu unha regulación do sector que "distribúa as cargas e os beneficios entre toda a sociedade e non só beneficios para as grandes empresas eléctricas e as cargas para os demais". Reclamou unha estabilización de prezos “que dea certeza ás nosas industrias, como Alcoa”, un abaratamento dos custos de produción para a industria e do prezo da luz e acabar coas portas xiratorias. “Sabemos que unha parte importante do problema é pola presión que exercen os lobbies sobre os partidos como consecuencia de ter sentados nos seus consellos de administracións aos que foron presidentes, ministros ou altos cargos do Goberno”, denunciou.
En Marea pide unha convocatoria especial de licenzas de instalación ou repotenciación de parques de enerxía renovable para a contratación bilateral estable con industrias electrointensivas
"É necesario atacar as causas para facer viable Alcoa, as electrointensivas e o noso tecido industrial, ademais de evitar a estafa que sufrimos no recibo da luz”, engadiu Villares. Ademais, o deputado Pancho Casal explicou algunhas das propostas de En Marea, como a dunha nova regulación "que faga baixar o prezo maiorista da electricidade". Ademais, a formación aposta por outra iniciativa novidosa que consiste en desenvolver unha gran convocatoria especial de licenzas de instalación ou repotenciación de parques de enerxía renovable condicionadas á contratación bilateral estable a longo prazo con industrias electrointensivas, grupos pechados de distribución e comercializadoras do mercado doméstico a prezo taxado sobre os 32 €/Mwh, "un prezo totalmente rendible para as produtoras coas novas tecnoloxías dispoñibles".
Do mesmo xeito, Casal cre “moi importante que os xeradores e os comercializadores estean totalmente diferenciados". "Non poder ser que quen venda e quen compra sexan as mesmas empresas. Así non pode haber competitividade e esa é a razón da volatilidade dos prezos da enerxía porque se poñen dacordo”, dixo.
Pola súa banda, Ana Pontón, que mantivo unha reunión co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, anunciou tamén a presentación axiña de alegacións a un borrador de estatuto da industria electrointensiva "que non acaba coa discriminación a Galiza, con miles de empregos directos e indirectos en risco polos custos enerxéticos pese a ser este un país produtor neto de electricidade".
O BNG pide un estatuto que "acabe coa discriminación de Galiza" e inclúa "compensacións" ao país polos "custos ambientais de ser produtor"
Pontón denunciou tamén que Pablo Casado visitou Galicia e "non fixo nin unha soa proposta para garantir o emprego en Alcoa" pero si ofreceu "un posto de ministro a Feijóo". Ademais, pediu explicacións, precisamente, ao presidente da Xunta de "por que o goberno nacionalista de Euskadi conseguiu unha rebaixa de 23 euros por megavatio para as súas empresas electrointensivas e aquí o Goberno do Estado deixa a rebaixa en 4,10 euros por megavatio”. Así, reclamou do xefe do Executivo que encabece a negociación bilateral co Estado “para conseguir para Galiza cando menos o mesmo que xa ten o País Vasco para as súas empresas”.
Ademais, Pontón anunciou que o Bloque pedirá nesas alegacións un marco enerxéitco estable e rebaixas no prezo da electricidade porque "hai fórmulas para facelo", empezando por "reducir as peaxes que non teñen que ver cos custos de produción e, desde logo, incluíndo compensacións a Galiza polos custos ambientais de ser produtora".
Tanto En Marea como BNG mostráronse decepcionados coa iniciativa do PSOE neste ámbito. Para Ana Pontón, a resposta dos socialistas e do Goberno central co estatuto foi "decepcionante" e "insuficiente" porque a rebaixa que recolle non permite competir, porque non inclúe compensacións para Galiza por ser produtora neta e porque non ofrece garantías de emprego e investimento por parte das empresas”.
As alegacións de En Marea e BNG únense, por exemplo, ás que a Xunta presentou e validou xa antes coas empresas electrointensivas e coas que solicita a creación do consumidor hiperelectrointensivo "para que se poidan atender as necesidades concretas de cada empresa en función do seu consumo enerxético"; a redución das peaxes de acceso na parte relativa ao custo do transporte; o establecemento de compensacións polo pagamento de renovables; e o incremento nas compensacións que habilita a propia Comisión Europea derivadas das poxas de CO2.
Feijóo pide que o Goberno central "rectifique" e asegura que o seu Executivo non pide "unha cousa excepcional, senón que as cousas se solucionen como se fixo nos últimos dez anos".