Centos de persoas concentráronse este martes ante os xulgados da Coruña en apoio aos traballadores de Alcoa citados como investigados por un xulgado de Madrid e acusados de “atentado contra a autoridade” durante unha mobilización do persoal ás portas do Congreso dos Deputados. O presidente do comité de empresa da factoría coruñesa, Juan Carlos López Corbacho, foi o primeiro en declarar esta mañá por vídeoconferencia nun proceso no que tamén foron imputados o secretario xeral de Industria de CCOO-Galicia, Víctor Ledo, e outros dous operarios afiliados ao mesmo sindicato, ademais da ex-deputada Ángela Rodríguez e os deputados do grupo confederal de Unidas Podemos Rafael Mayoral e os galegos Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, cuxa citación foi suspendida ao “sospeitar” a maxistrada da súa condición de parlamentarios.
López Corbacho, presidente do comité de Alcoa, foi o primeiro en declarar: “O que máis me doe é que compañeiros que non fixeron nada estean acusados hoxe”
“O que máis me doe é que compañeiros que non fixeron nada estean acusados hoxe”, dixo á saída da súa declaración López Corbacho, que pediu o "arquivo" da causa e que foi apoiado por varios centos de traballadores de Alcoa e doutras industrias, ademais de por representantes políticos da Marea Atlántica ou de Común da Esquerda. “Non pasou nada que non pase nun conflito no que unha empresa quere pechar e despedir centos de persoas”, engadiu Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO-Galicia.
Os tres deputados investigados tamén a raíz do atestado policial no que se basea a acusación, Mayoral, Díaz e Gómez-Reino, acudiron aos xulgados para “acompañar” a López Corbacho no que consideran “un procedemento sen pés nin cabeza” e “unha nova estratexia de represión do movemento sindical”. “Solidarizámonos con todos os traballadores que se mobilizan e se mobilizaron como fixeron os de Alcoa”, advertiu Díaz, que fixo “un chamado” a “ollar cara a Alcoa-San Cibrao” ante o risco de despedimento masivo tamén naquela factoría.
Ademais, a deputada ferrolá alertou da necesidade de “derrogar” o artigo 315.3 do Código Penal por ser “o que permite o que hoxe está pasando” e que propón penas de prisión dun ano e nove meses e ata tres anos a quen “actuando en grupo ou individualmente, pero de acordo con outros, coaccionen outras persoas a iniciar ou continuar unha folga”.
Para Gómez-Reino, por outra banda, o acontecido aquel 28 de marzo ás portas do Congreso “foi unha situación anómala a nivel democrático” que afectou uns traballadores “que foron un auténtico exemplo durante meses nos que se mobilizaron pacífica e civicamente na defensa dos seus dereitos e dos de todos”.
Os axentes, ao abeiro da lei mordaza, acusan varios dos agora investigados de empurralos, de impedir a detención de persoas, de romper o valado policial ou de arengar os manifestantes para que sobrepasasen o cordón, tal e como recolle o atestado policial na que a xuíza basea a súa investigación e á que tivo acceso Praza.gal.
Nel, cinco policias manifestan ter sido feridos e inclúen informes médicos que falan de contusións sen secuelas nin días de impedimento e asistencia facultativa sen tratamento ningún.
Os policías acusan varios traballadores de Alcoa de “agredilos polas costas”, “arremeter” contra eles ou “intentar evitar pola forza” detencións
Tanto pola súa situacion de aforados, razón pola que os deputados non recoñecen as citacións que xa foron suspendidas pola maxistrada, como polo relato que fan os policías no atestado, a situación dos deputados é menos preocupante que as do persoal de Alcoa.
Os axentes, malia as imaxes gravadas por varios medios, acusan a varios dos traballadores de “agredilos polas costas”, “arremeter” contra eles, “intentar evitar pola forza” detencións de compañeiros ou “tirar petardos”.