A titular do xulgado de instrución número 25 de Madrid, Raquel Robles, decidiu deixar en suspenso a citación como investigados dos tres deputados de Unidas Podemos, entre eles os galegos Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, aos que chamou a declarar por un delito de atentado á autoridade nunha protesta do persoal da empresa Alcoa o pasado marzo. A xuíza tomou a decisión de "desistir" das súas declaracións ao ter agora a "sospeita razoada" de que son parlamentarios e que, daquela, a competencia para investigalos é do Tribunal Supremo por seren aforados.
A xuíza di agora que ten a "sospeita razoada" de que os membros de Unidas Podemos aos que quixo imputar son membros do Congreso e, daquela, a competencia para investigalos é do Supremo
Así o aseguran fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid consultadas por eldiario.es, que non explican que levou á maxistrada a tomar decisión nin dan detalles de como tivo coñecemento "fehaciente" da súa condición de deputados e dar marcha atrás. O atestado policial no que baseou a súa investigación e que se remitiu ao xulgado o 28 de marzo, o mesmo día que se produciron os incidentes preto do Congreso dos Deputados, facía fincapé múltiples veces nesa condición. Tamén son acusados no procedemento dous sindicalistas que declaran este martes na Coruña.
Os deputados non dan lexitimidade ás citacións, polo que non están a responder aos primeiros requirimentos que fixo a xuíza, informa dende o grupo. Rafael Mayoral, tamén citado como imputado, foi chamado a declarar o pasado mércores 18 de setembro, aínda que non acudiu. Antón Gómez-Reino estaba citado este martes para declarar por videoconferencia nun xulgado da Coruña e tampouco tiña previsto presentarse, mentres que Yolanda Díaz non recibiu ningunha citación.
Os sindicalistas sinalados comezan este martes a declarar na Coruña
Tras a súa citación como investigados, o grupo de Unidas Podemos solicitou a "comparecencia urxente" do ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, para que explique no Congreso o que consideran unha "persecución política" previa ás eleccións do próximo 10 de novembro. "Este caso de policía política e de reactivación das cloacas do Estado é un ataque ao sistema democrático do que o ministro do Interior ten que vir render contas", asegurou Mayoral. O deputado lembrou os informes apócrifos que en 2016 golpearon a Podemos mentres negociaba un Goberno co PSOE e ante outra inminente repetición electoral.
Grande-Marlaska nega influencia política neste proceso mentres Unidas Podemos reclama a súa comparecencia ao respecto
Grande-Marlaska subliñou que os axentes da Policía Nacional non realizaron "un informe ad hoc" nin imputaron ningún delito nas súas actuacións remitidas á autoridade xudicial. O pasado venres, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, asegurou que o atestado narra o ocorrido "como todos os desas características" e que foi remitido á autoridade xudicial para que "fixese a valoración pertinente". "Os policías non fan ningunha imputación, que isto quede claro", agregou.
Os feitos investigados remóntanse ao pasado 28 de marzo de 2019, cando varios centenares de traballadores de Alcoa en Galicia en Asturias, cuxas factorías estaban daquela en risco de peche, se trasladaran a Madrid a manifestarse fronte ao Congreso dos Deputados. Un cordón de antidisturbios da Policía Nacional impedíralles o acceso ás inmediacións do Parlamento e un grupo de deputados do daquela grupo Unidas Podemos-En Comú-En Marea achegárase a amosar o seu apoio á protesta e reclamar a implicación do Goberno na solución.