A protesta sanitaria que vén: as enfermeiras eventuais tecen alianzas e piden unha gran mobilización

Protesta de enfermeiras eventuais en Silleda © Eventuais en Loita

A enfermaría eventual do Sergas rompeu os marcos da mobilización e afondou con forza nas reivindicacións que desde hai meses enchen a sanidade en Galicia. O pasado maio, cadrando cos exames de oposición en Silleda, abriron unha fronte de reivindicación tan intensa como inesperada. Foi alí onde agromou de vez a plataforma Enfermeiras Eventuais en Loita para poñer cifras e rostros á protesta contra a precariedade laboral dun colectivo dunhas 10.000 persoas. Unhas 7.000 tinguiron de negro as probas e aínda máis continúan activas nun movemento masivo que entrou no debate político e que obrigou a Xunta a intentar amornar o impacto das súas demandas

A enfermaría eventual dá un paso máis nas súas demandas e procura unha futura gran mobilización que implique todos os sectores da sanidade e a cidadanía

Agora, Eventuais en Loita dá un paso máis tras reunirse este pasado luns cos sindicatos integrantes da mesa sectorial no Sergas (CIG, UGT, CCOO, Prosagap e Satse) para poñer en común as reivindicacións e trazar o camiño, a través dunha mesa de diálogo, para unha futura gran mobilización que implique a cidadanía e xunte as demandas de todos os colectivos de profesionais e pacientes ante a situación da sanidade pública en Galicia. 

Protesta de enfermeiras de Eventuais en Loita nun hospital galego © Eventuais en Loita

“Hai que acabar con isto dunha vez; non podemos seguir así”. A reflexión é idéntica e chega por separado de dúas das representantes que acudiron á xuntanza, unha de Eventuais en Loita e outra dun sindicato. Á precariedade entre os profesionais e perda na calidade asistencial sanitaria únense outros moito problemas que fixeron rebordar o vaso... Unha vez máis. As protestas continuas abríronlle á Xunta frontes variadas e tamén á marxe das canles habituais. A un ano das eleccións, o obxectivo é erguer unha voz conxunta contra o que consideran unha “depreciación da sanidade pública” na última década en Galicia. 

“Hai que acabar con isto dunha vez; non podemos seguir así”, coinciden varias das asistentes á xuntanza entre Eventuais en Loita e sindicatos

“Nesta altura, consolidado o movemento, parecíanos oportuno reunirnos cos sindicatos. A resposta foi gratamente positiva, amosándonos o apoio ás nosas reivindicacións e cun único punto de desacordo”, contan fontes de Eventuais en Loita. A discrepancia xurdiu con dous sindicatos (UGT e Satse) que si asinaron co Sergas un contrato de continuidade que o colectivo rexeita por considerar que teima na “escravitude” e “precariedade”. 

No resto, apoio. “A xuntanza foi positiva porque coincidimos nas demandas que no sindicato levamos facendo desde 2010”, conta María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que cre que tamén chegou o momento de “poñerlle fin” a unha situación “precaria” da sanidade, tanto no que ten que ver cos profesionais como no que afecta aos pacientes. 

Á marxe de denunciar a “depreciación” da sanidade, a precariedade laboral e a “falta de transparencia” por parte da Consellería de Sanidade, Eventuais en Loita trasladou unhas demandas básicas e de inmediata esixencia. “Agora si”, advirten.

Entre elas, converter inmediatamente en prazas de persoal estrutural todos os postos desenvolvidos de xeito eventual durante máis de dous anos, poñer fin á taxa de reposición que impediu desde 2012 que se convocasen todas as prazas que ían quedando vacantes, unha medida que contou tamén co apoio de sindicatos a nivel estatal. 

A enfermaría eventual esixe ao Sergas poñer fin á taxa de reposición, unha macro oferta de emprego público ou acabar cos "contratos en fraude de lei"

A enfermaría eventual demanda tamén de xeito inmediato unha gran oferta de emprego público (macro-OPE) que inclúa as prazas vacantes, as non ofertadas pola devandita taxa ou as que se consideren necesarias para adaptar os ratios enfermeira/doente aos estándares recomendados. 

Ademais, reclama que os distintos procesos selectivos teñan un temario pechado e único acordado coa Xunta, poñer fin aos “contratos en fraude de lei e ás prácticas de contratación alegais e abusivas”, así como a igualdade de trato en canto aos permisos co persoal fixo. 

Do mesmo xeito, insisten na “obriga legal de transparencia” do Sergas, reclamando un rexistro de persoal que permita “cuantificar e definir as prazas actuais, a súa cobertura e as previsións de xubilacións” e demandan as modificacións legais necesarias para que “situacións como a actual non volvan repetirse” e garantir así no futuro “un emprego estable e de calidade”.

Mobilización de enfermeiras nas oposicións en Silleda © Eventuais en Loita

A partir de agora, Eventuais en Loita levará a cabo reunións con outras plataformas, asociacións profesionais ou de usuarios para “ir sumando apoios”, non só no que ten que ver coas súas demandas, senón con todas as que abranguen a sanidade. “Miguiña a miguiña, chamando ás portas, queremos chegar a unha gran mobilización conxunta que lle deixe claro á Xunta que non somos unha minoría, senón a gran maioría da sociedade a que reivindica que as cousas muden”, explican a Praza.gal. 

Malia o éxito de mobilizacións convocadas por SOS Sanidade Pública, que varios sindicatos ven como a canle máis acaida, a intención é ir máis aló. “Non aturamos máis esta situación e é o momento de poñerlle fin e de deixarllo claro á Xunta”, advirten. Nun futuro inmediato, a intención é crear unha mesa de diálogo que "xunte posturas, implique toda a cidadanía e conseguir que a sanidade pública volva ser algo do que sentirnos orgullosas"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.