Máis de 3.000 persoas segundo estima o goberno municipal de Xove. Esa foi a marea de xente que se desprazou á Praza do Concello da localidade para pedir unha solución para a fábrica de aluminio de San Cibrao, clave e fundamental na economía de toda A Mariña, e que Alcoa considera "inviable" de non haber reducións no prezo da enerxía eléctrica.
A de Xove é só unha das mútliples mobilizacións que nos vindeiros días se levarán a cabo en varias localidades da Mariña polo futuro do aluminio na zona
É só a primeira das mobilizacións que se levarán a cabo en varios municipios mariñaos durante os vindeiros días e co que sindicatos e comité de empresa da factoría, co apoio de varias administracións, pretenden facer ver e advertir do impacto que suporía no norte da provincia de Lugo o peche da fábrica.
A planta de San Cibrao dá traballo a unhas 1.200 persoas de forma directa e xera outros 400 indirectamente, ademais do influxo que supón para a hostelería, o comercio e toda a economía. "Alcoa é fundamental para A Mariña", advertiu o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, que alertou do posible despoboamento da comarca de pechar a actividade.
O rexedor pediu á cidadanía que se mobilizase, que concienciase do problema e que tivese en conta que o problema "afecta a todo o mundo" máis aló de "cores políticas". "Temos que estar todos xuntos", dixo.
O comité de empresa critica a inconcreción e falta de propostas sólidas do Goberno central
Desde o comité de empresa, ademais, o presidente, Xosé Paleo, pediu máis medidas para abaratar o prezo da enerxía e alertou da falta de concreción da ministra Reyes Maroto e das medidas insuficientes impulsadas polo Estado, que aínda non aprobou o estatuto para as industrias electrointensivas nin asegurou que este contemplase medidas que arranxasen o problema.
Mobilización das auxiliares de Navantia
Por outra banda, traballadores da UTE Tecman-Rayma, auxiliar de Navantia, mobilizáronse a primeira hora deste xoves nas portas de acceso ao estaleiro de Ferrol para esixir "a implicación da empresa no conflito, a readmisión dos compañeiros despedidos e que se respecten os dereitos adquiridos, nomeadamente a subrogación recoñecida no convenio colectivo do metal", segundo destaca a CIG.
A acción de protesta tivo lugar entre as 5:45 e as 6:50, coincidindo coa quenda de entrada e consistiu no cruzamento dos pasos de peón situados nas inmediacións do estaleiro co obxectivo de visibilizar a existencia do conflito na contrata de mantemento entre o resto do persoal das auxiliares e da propia Navantia. A acción provocou importantes retencións na circulación do tráfico e longas colas de vehículos.