O presidente acusa ao grupo Común da Esquerda e o BNG de ser “socios do PSOE” que non defenden Galicia e Antón Sánchez e Ana Pontón bótanlle en cara unha política industrial en función dos intereses do PP
Endesa, Alcoa, Barreras, R, Isowat, Ferroatlántica, Reganosa, Ence... Todas esas e outras varias industrias máis, con problemas de moi diverso tipo e responsabilidade pairando sobre o seu futuro, foron empregadas este mércores no Parlamento de Galicia por todos os grupos como arma para intentar debilitar o adversario nun debate que por veces subiu de ton. Ao tempo que PSdeG, o grupo Común da Esquerda e BNG botaron en cara a Feijóo que a Xunta carece de política industrial e actúa en función dos intereses do PP, este acusou aos demais de non defender os intereses de Galicia como di facer el.
Nun debate que polo seu propio formato, con intervencións de tres minutos, impide afondar nas múltiples causas das crises de industrias moi variadas, o presidente Feijóo experimentou como o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, empregou contra el unha das súas estratexias oratorias máis habituais. O titular da Xunta adoita menosprezar os coñecementos dos seus contendentes neste tipo de debates acusándoos de non saber dos temas ou de estar mal asesorados, pero desta volta foi Caballero, doutor e profesor de Económicas, o que subiu o ton: “Colla un manual e aprenda algo de economía”, díxolle. A resposta de Feijóo, visiblemente molesto, non quedou atrás: “Galicia quédalle grande”, dixo primeiro, para pedir despois ao socialista que “non lle tome o pelo ao país”.
“Agora que hai un grave problema nun estaleiro resulta que a culpa é do goberno que salvou ese estaleiro?”, dixo Feijóo sobre o resultado da operación de Pemex en Barreras que el auspiciou
Para o presidente da Xunta, el e o PP son os únicos que están a defender os intereses industriais de Galicia fronte á desidia na xestión que atribuíu ao Goberno central do PSOE. Pero tamén tivo críticas para BNG e o grupo Común da Esquerda, aos que acusou de ser “socios” dos socialistas na súa suposta estratexia contra Galicia. “A esquerda que non defende a Galicia”, definiunos.
A esas dúas formacións botoulles en cara as súas posturas contrarias a Ence ou Reganosa, preguntándose: “aqueles que piden pechar as industrias galegas pretenden facer responsable ao Goberno de Galicia?” Fronte a esa actuación, Feijóo presentouse como o salvador no seu momento de Barreras co desembarco nel de Pemex. “E agora que hai un grave problema nun estaleiro resulta que a culpa é do goberno que salvou ese estaleiro?”, dixo ao respecto. Feijóo chegou a atribuírse o incremento da produción da automoción en Galicia.
Para Caballero o presidente “minte cun discurso de encefalograma plano que ningún alumno de primaria lle pode comprar”
Pola contra, tanto o portavoz do grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, como a do BNG, Ana Pontón, criticaron que a actuación da Xunta no caso de Barreras ou outros como o de Ferroatlántica debeuse ao supostos intereses particulares do PP e de directivos desas industrias afíns a ese partido, como José García Costas no primeiro caso ou Villar Mir no segundo. E en materia de modelo enerxético, Sánchez puxo sobre a mesa que “a pregunta non é se vai haber transición, é se a pilota o público ou as empresas”.
Pero desta volta o máis duro con Feijóo foi Caballero, quen dixo que o presidente “minte cun discurso de encefalograma plano que ningún alumno de primeiro de economía lle pode comprar”. O socialista botoulle en cara que aplauda posturas do PP como as que discrepan do traslado dos restos de Franco do Val dos Caídos, ao que Feijóo respondeu criticando que Caballero falase de cuestións alleas a Galicia e preguntándose se quería dicir "o Val dos Caídos é Alcoa" e os seus traballadores. Sobre esa cuestión, Feijóo volveu insistir, como fixo este martes nunha visita á factoría en San Cibrao coa ministra de Industria, Reyes Maroto, na necesidade de que o Goberno informe canto antes sobre o estatuto das empresas electrointensivas. E se Caballero lle reprochou que tras unha década no goberno o PP perdeu a centralidade política en Galicia e lle pediu que “baixe do coche oficial”, Feijóo respondeu, como adoita, sinalando que durante o bipartito de PSdeG e BNG que rematou en 2009 “o paro subía, e agora baixa”.