Bosch, Ferroatlántica, Isowat, Alcoa... Os últimos meses de 2018 e o comezo de 2019 estiveron marcados polos conflitos abertos en numerosas empresas galegas, con dificultades que afianzan a crise industrial que o país vén sufrindo nas últimas décadas. De feito Galicia rexistrou a maior conflitividade laboral do Estado en 2018, sendo unha das comunidades con máis folgas e a que presentou máis horas de traballo perdidas por este motivo.
Os primeiros datos deste 2019 sobre os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) presentados no comezo de ano confirman un empeoramento da situación, devolvendo a Galicia á realidade que se vivía antes de 2015, momento en que a crise económica comezou a afrouxar un chisco a presión.
Un total de 1.244 traballadores e traballadoras estiveron afectados e afectadas por EREs nos dous primeiros meses do ano, unha cifra superior á dos catro anos anteriores e que sitúa a Galicia, ademais, como a segunda comunidade autónoma con máis persoal en situación de regulación de emprego, só por detrás da Comunidade Valenciana (1.312 traballadores, pero con moita máis poboación) e mesmo por diante de Madrid, Cataluña ou Andalucía, todos territorios máis poboados que o noso país.
A situación empeorou especialmente en febreiro, con máis dun milleiro de traballadores e traballadoras galegas en situación de ERE. Ademais dos problemas que se están a vivir en Bosch, Ferroatlántica, Isowat ou Alcoa, novos Expedientes de Regulación de Emprego van comezar a aplicarse en empresas como DIA, Levantina, Vodafone, Navantia, Caixabank ou Copagro. E está a negociarse outro de grande importancia no Banco Santander, mentres que os sindicatos alertan de que podería estar próxima a presentacións desta medida en Poligal ou en Atento.
Así pois, todo parece indicar que as elevadas cifras de traballadores e traballadoras afectadas por conflitos laborais en Galicia se manterán ou mesmo se incrementarán nos vindeiros meses, facendo deste 2019 o peor ano neste concepto dende hai un lustro.