Galicia foi o pasado ano a comunidade autónoma con maior conflitividade laboral. A suma de todas as folgas convocadas superou amplamente as 1,1 millón de horas, oito veces máis que o ano anterior e mesmo por riba dos peores anos da crise económica. En total, máis de seis mil traballadores e traballadoras fixeron folga (o dobre que no 2017). Nestes datos xogou un papel moi destacado o longo conflito laboral levado a cabo polo persoal do sector da xustiza, que permaneceu en folga en toda Galicia durante 114 días.
Galicia que duplica os valores de Cataluña, Madrid e Euskadi, os seguintes tres territorios con máis conflitividade
Estas cifras elevaron o índice de conflitividade laboral ata un nivel de 0,86. Este indicador é un produto da división do número total de horas de traballo perdidas por folgas entre o número total de horas de traballo. Galicia máis que duplica os valores de Cataluña, Madrid e Euskadi, os seguintes tres territorios en conflitividade. E multiplica os do resto de comunidades. De feito, o número total de horas en folga en Galicia achégase ao de territorios con moita máis poboación, como Madrid ou Cataluña e mesmo supera á de rexións como Andalucía.
Por sectores, no conxunto de España son téxtil, metal e transportes e comunicacións as áreas que rexistraron o pasado ano unha maior conflitividade. Os datos de 2018 rachan así a tendencia dos últimos anos en Galicia, nos que a importancia das folgas convocadas levaban en niveis mínimos dende o 2013.
Incremento dos ERE
O persoal afectado por ERE duplicouse o pasado ano
En paralelo, outro indicador amosa o incremento da conflitividade laboral en Galicia nos últimos tempos. En 2018 o número de traballadores e traballadoras afectadas por Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), máis de seis mil, case se duplicou con respecto ao ano 2017. A cifra regresa aos niveis nos que se movera nos anos 2015 e 2016, aínda que moi lonxe dos números que se rexistraran entre 2009 e 2014.
As estatísticas feitas públicas polo Ministerio de Traballo indican que foi no mes de decembro o momento do pasado ano no que máis empregados e empregadas tiveron que pasar por un ERE. Só nese mes a cifra acadou os 3.671 traballadores e traballadoras, un nivel que nese mes non se acadab dende o ano 2012.
No que levamos de 2019 presentáronse xa expedientes en Bosch, Ferroatlántica ou Isowat. E está por ver o futuro de Alcoa
Haberá que agardar á publicación dos datos correspondentes aos primeiros meses do 2019 para comprobar se se mantén a tendencia á alza. De momento, en febreiro foi presentado o ERE en Bosch, que afecta a máis de 650 traballadoras. Tamén en febreiro anunciouse o ERE en Ferroatlántica (para uns 400 traballadores) e o 1 de marzo formalizouse o ERE en Isowat, para 79 persoas. Ademais, descoñécese cal vai ser o futuro para o persoal das plantas de Alcoa na Coruña en San Cibrao ou o de Poligal.