Traballadores de Ferroatlántica iniciaron este luns un peche indefinido no Concello de Cee. Con esta protesta, o cadro de persoal continúa coa súa loita contra a intención do grupo empresarial de Villar Mir de levar a cabo a desagregación e a posterior venda das hidroeléctricas que posúe na comarca, onde o emprego desta factoría ten un enorme impacto. Ademais do feche, o comité xa anunciou tamén concentracións diarias diante da Casa do Concello, pide o apoio da cidadanía e esixe a Núñez Feijóo que reciba aos representantes e impida as intencións da empresa.
Os traballadores de Ferroatlántica comezaron este luns un peche indefinido no Concello de Cee
O caso é que Ferroatlántica recoñeceu xa hai tempo que mantén conversas con varios grupos investidores interesados en mercarlle a súa división de enerxía, o que provocou o lóxico temor e as alarmas nas fábricas de ferroaliaxe de Cee de Dumbría, así como nas seis centrais hidroeléctricas construídas nos ríos Xallas (Fervenza, Ponteolveira, Castrelo, Novo Pindo e Santa Uxía I e II) e Grande (Carantoña). O cadro de persoal é consciente de que se estas instalacións son vendidas a calquera destes grupos alleos á empresa, as dúas factorías acabarán por deixar de ser competitivas e por pechar. A compañía dá traballo a unhas 400 persoas, unhas 284 con contrato indefinido e arredor dun cento máis eventuais, e o seu peche suporía tamén a perda de varios empregos indirectos.
A compañía do Grupo Villar Mir dá emprego directo a 400 persoas na comarca
Desde o comité de empresa insístese en que a Xunta ten a capacidade de paralizar esa posible venda ou de facer desistir ao Grupo Villar Mir de levala a cabo, xa que as concesións hidroeléctricas foron declaradas de interese público e vinculadas sempre á actividade de ferroaliaxe. A construción dos encoros -o da Fervenza supuxo en 1966 o asolagamento dunha superficiede 1.250 hectáreas e de varias aldeas- e das centrais hidroeléctricas foron xustificados na creación de emprego e na continuidade das factorías. Foron condicionadas a xerar enerxía para a produción de ferroaliaxes.
Pero o cadro de persoal sabe tamén que a Xunta é quen pode modificar unha concesión que é súa e abrir a porta ao proceso de venda no caso de que acepte esa desagregación que non é a primeira vez que intenta a empresa.
A empresa pretende desagregar as centrais e a ferroaliaxe para facer caixa coas hidroeléctricas
De feito, hai sentenzas do TSXG e do Supremo que certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e a de enerxía hidroeléctrica- son unha soa actividade produtiva e que foron ditaminadas tras os recursos presentados por Villar Mir. O grupo empresarial propúxose hai máis de vinte anos mercar a división de ferroaliaxes de Carburos Metálicos separando as actividades de ferroaliaxes e enerxía en dúas empresas e converter así as centrais eléctricas, destinadas á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en simples produtoras de enerxía eléctrica para a súa venda no mercado.
Daquela, o Goberno de Fraga e coa aprobación do Parlamento condicionara a autorización administrativa para o cambio de titularidade das concesións que Carburos ten dos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas e Grande do Porto á non segregación en dúas sociedades distintas da actividade de ferroaliaxes e produción de enerxía eléctrica, preservando así o seu interese público e condicionando que a produción enerxética estea vinculada aos usos industrias das factorías.
O Goberno de Fraga preservou o interese público das concesións garantindo a non segregación e esixindo un plan de viabilidade
En 1994, a Xunta esixe ademais á empresa compradora un plan de viabilidade que garanta a solvencia da explotación conxunta dos aproveitamentos hidroeléctricos e da produción de ferroaliaxe. Villar Mir acepta todas as condicións pero interpón recurso contencioso-administrativo ante o TSXG, que ditamina a favor do Goberno galego, ao igual que o Supremo en 2001 logo doutro recurso de Ferroatlántica.
Os traballadores esixen agora que a Xunta interveña de maneira inmediata e que paralice calquera posibilidade de venda. "Non chega con facer declaracións ambiguas de garantía dos postos de traballo, nin que o PP da comarca se sitúe tras dunha pancarta mentres o seu goberno pode ser verdugo da comarca", di o comité de empresa, que espera un posicionamento claro de Feijóo contra esta "operación especulativa".
O presidente da Xunta terá a oportunidade no pleno ordinario do vindeiro mércores, onde unha das preguntas dos grupos parlamentarios nesa estrea da lexislatura será sobre a situación de Ferroatlántica. Os traballadores, os sindicatos e toda a oposición estarán atentos á resposta ante unha posición unánime nunha comarca onde boa parte da súa actividade económica depende da ferroaliaxe.