As deslocalizacións e os ERE de R e o Santander ameazan máis dun cento de empregos na Coruña

Mobilización ante a sede de R na Coruña contra a "deslocalización" CC-BY-NC-SA CIG

Despedimentos e deslocalización. Os anuncios sobre destrución de emprego que nas últimas semanas fixeron empresas como R ou o Santander cébanse con Galicia e, especialmente, coa comarca da Coruña. No caso da empresa de telecomunicacións, aos despidos xa anunciados na propia compañía únense agora os que afectan a algunhas das súas subcontratas e o risco de que a ameaza se espalle a outras. En canto ao grupo bancario, aos recortes de persoal anunciados polos sucesivos ERE engádesenlle agora os efectos en filiais ou servizos externalizados. Máis dun cento de empregos afectados, segundo os últimos anuncios, derivados tamén da perda de capital e marca galega.

Desde que Euskaltel se fixera con R en 2015, os recortes son constantes. Neste pasado mércores, unha concentración convocada polos sindicatos ante unha das sedes da compañía na Coruña protestaba contra a “deslocalización” que foi acentuándose desde que o fondo británico Zegona tornou na primavera no primeiro accionista do grupo. 

Aos despedimentos anunciados por Euskaltel en R únense agora os de 20 operarios dunha subcontrata. Os sindicatos advirten da "deslocalización e o desmantelamento"

Hai tan só unha semana, a compañía anunciou o despedimento de 25 persoas, 10 delas en Galicia, na firma noutrora galega. Nesta, confirmouse a intención da empresa de prescindir de 20 dos arredor dun cento de traballadores dunha das principais subcontratas en Galicia, Comfica, tras decidir que os servizos que esta lles presta pasen a ser realizados pola socia tecnolóxica chinesa do operador, ZTE, que ao tempo anunciou a apertura dun centro na Coruña onde incorporaría a 15 traballadores externalizados por R tras a súa fusión coa asturiana Telecable. 

Mobilización contra o ERE no Banco Santander CC-BY-NC-SA CIG

Segundo os sindicatos, todo se debe a un proceso de “desmantelamento e deslocalización” que afecta sobre todo ao servizo de mantemento e que ameaza un total de 500 traballadores. A idea de Euskaltel, din as centrais, é a de externalizar estes labores a ZTE, que abre tamén un centro en Asturias, desde onde se levarán a cabo. 

“Os que marchan de Comfica son os que dan soporte á vixilancia da rede e que mesmo traballaron en campo, xa que logo, o traballo máis próximo; o resto de traballos pódense facer desde calquera parte, polo que se prescinden desta xente, todo ten pinta de que o desmantelamento será total”, explica Miguel Lago, delegado da CIG nesta subcontrata. 

"Se prescinden da xente que fai o traballo máis próximo, a pinta é dun desmantelamento total"

Ademais, chama a atención sobre a “gravidade” da situación con R, que conta “cunhas 40 subcontratas en Galicia”, ademais das “subcontratas das subcontratas, falsos autónomos e pequenas empresas que dependen dela”. Asemade, destaca que “até o de agora” o servizo da compañía “era de calidade, o que lle permitiu fidelizar os clientes”. 

O temor do persoal, aclara Lago, é que o grupo “queira converter a empresa nunha de servizo barato coa intención de vendela nun futuro”. E destaca o feito de que os axustes se leven precisamente en R, cuns beneficios de case 44 millóns de euros no pasado ano, fronte ás perdas de case 60 de Telecable, absorbida xa pola compañía galega. 

A situación non é moito mellor no Santander e en empresas vinculadas. Este xoves, persoal e sindicatos protestan ante a sede do banco na Coruña contra o ERE formulado para a súa filial Santander Operaciones, que suporá o peche da oficina que ten na cidade e o despedimento dos seus 41 traballadores. O persoal xa fora integrado nesta filial procedente dos servizos centrais do antigo Popular-Pastor tras o ERE aplicado en 2017.

Unha filial do Santander presentou un ERE para 41 traballadores; outra subcontrata que traballa para o banco, outro para 44

Ademais, esta medida terá consecuencias aínda máis drásticas, ao afectar tamén ás 69 persoas que forman parte do cadro de persoal da subcontrata BC Gestión Hipotecaria, que se encarga da formalización das hipotecas da entidade. 

Polo momento, a empresa xa comunicou un ERE que afecta a 44 traballadores logo de que o Santander avisase á firma de que prescinde do seu servizo. Desde BC temen que os despedimentos acaben por afectar tamén aos encargados doutras funcións prestadas á entidade bancaria, ata alcanzar máis de 60 marchas.

“A avaricia do Grupo Santander non coñece límites e segue a ligar un ERE tras doutro, nun proceso de destrución de milleiros de empregos, desmantelamento de oficinas e centralización do emprego en Madrid”, lembra a secretaria da sección sindical da CIG, Rosa Conde. 

Todas as medidas lévanse a cabo mentres se negocia outro ERE no conxunto do Santander que podería afectar máis de 250 traballadores en Galicia, onde se pecharían unhas 135 oficinas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.