As formacións políticas xa teñen todas as súas pezas no taboleiro para as novas eleccións xerais do 10 de novembro. No caso galego, os primeiros postos das candidaturas ao Congreso sofren poucas modificacións a respecto das formuladas o pasado abril. Así, das vinte e tres deputadas e deputados que lograron escano polas circunscricións galegas o pasado 28A, só tres non recuncan no mesmo posto das listas de cadansúas formacións. E dúas delas non o fan porque foron situadas noutros postos.
Nos comicios de abril o PSdeG-PSOE logrou por primeira vez na súa historia ser a forza máis votada nuns comicios en Galicia. Como forza con máis representación no Congreso pola suma das circunscricións galegas obtivo dez escanos e todas as persoas que os ocupan optan á reelección agás unha, a lucense Sonsoles López Izquierdo, número dous por Lugo o 28A que foi remudada por decisión do partido. O seu lugar ocúpao Javier Cerqueiro e o tres, para o que López fora proposta pola dirección socialista, é finalmente para Marta Rouco tras desbotalo a xa ex-deputada de Guitiriz.
Tanto as cabezas de lista -Pilar Cancela pola Coruña, Ana Prieto por Lugo, Marina Ortega por Ourense e Olga Alonso por Pontevedra- como as restantes integrantes das candidaturas socialistas que lograron escano tentarán mantelo na cita coas urnas do 10N.
Mudanza de última hora no PP
Na que o 28A foi segunda forza nas votacións ao Congreso en Galicia, o PP, a principal novidade está en Pontevedra. A ex-presidenta do Congreso e ex-ministra de Fomento, Ana Pastor, foi trasladada a última hora por decisión da dirección central do partido ao número dous da candidatura por Madrid, no que foi interpretado como un xesto da cúpula de Pablo Casado por facer ver que opta desta volta pola moderación. Mesmo como unha chiscadela ao marianismo.
O posto de Pastor por Pontevedra é para a alcaldesa de Marín, María Ramallo. Por tras dela recunca o ex-edil en Vigo Diego Gago, líder xuvenil do PP, e no número tres incorpórase Javier Bas, que o pasado maio perdeu a alcaldía de Redondela.
Nas filas do PP destaca tamén en Pontevedra o movemento na candidatura ao Senado, onde o posto máis destacado é para Javier Guerra, o primeiro conselleiro de Industria con Alberto Núñez Feijóo que durante a pasada lexislatura estatal amagou con achegamentos a Ciudadanos. No resto de Galicia as candidaturas dos conservadores son esencialmente as mesmas que hai medio ano: Marta González volve ser número un pola Coruña, Jaime de Olano por Lugo e Ana Vázquez Blanco, por Ourense.
No espectro do centro-dereita tamén hai novidades en Ciudadanos. A que fora a súa cabeza de lista e deputada electa pola Coruña, a lucense Marta Rivera de la Cruz, non recunca porque foi elixida o pasado agosto como conselleira de Cultura da Comunidad de Madrid. O seu lugar ocúpao María Vilas, que fora candidata da formación de Albert Rivera ás municipais en Santiago. A outra parlamentaria electa en abril, Beatriz Pino, volve ser número un por Pontevedra. En Lugo o primeiro posto é para José Manuel Blanco e en Ourense, para Inés Iglesias.
En Común repite, Más País debuta e o BNG suma a CxG
Pola banda esquerda os restantes dous deputados electos do 28A, de Unidas Podemos, tentarán revalidar a súa posición. Antón Gómez-Reino volve ser número un de Galicia en Común pola Coruña e Yolanda Díaz ocupa a mesma posición por Pontevedra. En Lugo recunca tamén Vanessa Somoza, mentres que en Ourense o primeiro posto, que en abril foi para Ledicia Piñeiro, ocúpao desta volta David Bruzos, que fora deputado por En Marea como coalición tras as eleccións xerais de 2015.
Neste ámbito a competición electoral estará, a priori, aínda máis rifada que na anterior convocatoria. Non en van, Más País, o partido fundado por Íñigo Errejón en Madrid que se espalla a varias circunscricións para o 10N, concorre no caso galego na Coruña e en Pontevedra. A candidatura coruñesa lidéraa Carolina Bescansa e a Pontevedresa, Daniel Liceras, tamén antigo membro de Podemos en Galicia. Más País incorpórase deste xeito nas provincias atlánticas a un proceso electoral no que non estará En Marea.
Pola banda do BNG as candidaturas son as xa confirmadas nas últimas semanas, con Néstor Rego liderando a da Coruña, Olalla Rodil a de Lugo, Francisco García a de Ourense e Carme da Silva, a de Pontevedra. A principal novidade na formación frontista e a incorporación dun membro de Compromiso por Galicia en cada unha das candidaturas ao Congreso, en virtude do acordo asinado por Ana Pontón co secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro.